O UniStem Day, achega na USC as células nai a centos de estudantes de secundaria

A Facultade de Medicina acolle este venres 11 unha nova xornada UniStem Day 2016, iniciativa que se desenvolve simultaneamente en 73 universidades e centros de investigación de oito países europeos co propósito de achegar a xente nova á investigación con células nai. Agárdase que máis de 27.000 estudantes de España, Reino Unido, Alemaña, Dinamarca, Polonia, Serbia, Suecia e Italia interveñan á vez nunha xornada na que, ademais da USC, participan outras nove universidades españolas.

O encontro na USC terá lugar no Salón de Actos da Facultade de Medicina coordinado por cuarto ano consecutivo polo Grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Párkinson. Está prevista a asistencia de máis de 250 alumnos e profesores dos centros Rosalía de Castro, Antón Fraguas, Peleteiro e Compañía de María.

Publicidade

UniStem Day 2016 inaugurarase ás 9.00 horas nun acto no que participan a vicerreitora de Investigación e Innovación da USC, Isabel Rodríguez-Moldes; o decano de Medicina e Odontoloxía, Jesús Gestal Otero; e o director do Departamento de Ciencias Morfolóxicas e do Grupo de Neurobioloxía da Enfermidade de Párkinson da USC, nodo da Rede de Terapia Celular de Galicia, José Luis Labandeira García.

Participan máis de 27.000 alumnos en 73 universidades europeas

A continuación, e logo de saudar ás distintas delegacións universitarias de España, desenvolveranse catro sesións impartidas por docentes e investigadores da USC. Así, sobre o ‘abc’ das células nai falarán Ana Isabel Rodríguez e Carmen Díaz, mentres que Rita Valenzuela, Pablo Garrido e Begoña Villar explicarán cómo experimentar con elas. ‘Tres, dous, un… ¡Acción! Células nai en marcha’ é o título da charla de Ana Muñoz, Jannette Rodríguez e Juan Parga e, por último, María García, Alicia Costa e Antonio Domínguez contarán verdades e mentiras sobre elas.

Publicidade

A xornada rematará cun xogo de reconstrución dun órgano con células nai e a proxección do documental ‘Terapia celular: a medicina do futuro’. Preténdese deste xeito que a través de conferencias, debates, películas e eventos recreativos a xuventude descubra a investigación tendo en conta non só o contido e métodos científicos senón tamén as posibilidades creativas e divertidas que ofrece.

Na USC o UniStem conta co patrocinio de Galmedic Material, Glass Chemicals, Celta Ingenieros, Merck-Millipore, Fisher Scientific, Grupo 3, Editorial Elsevier, Red Bull e Gadis.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de Coruña aposta por células nai para reducir síntomas en endometriose e artrose

O proxecto de María Arufe e Juan Fafián busca novas terapias para tratar enfermidades crónicas inflamatorias, con técnicas que poderían mellorar a vida de milleiros de pacientes

Un xene clave no desenvolvemento embrionario protexe a reserva de células nai do cerebro adulto

Investigadoras do Centro de Neurociencias Cajal-CSIC descobren unha xanela temporal temperá despois do nacemento esencial para establecer unha neuroxénese adulta duradeira

O IGFAE colabora na detección da fusión de buracos negros máis grande xamais observada

Os centros LIGO-Virgo-KAGRA anuncian a identificación dunha onda gravitacional que abre novas perspectivas no estudo destes eventos cósmicos

A RAGC entrega os seus premios anuais de transferencia, divulgación e xornalismo

Os avances de NeurObesity e o grupo I+D Pharma foron recoñecidos xunto ao traballo de Galiciencia e Lucía Cancela