Dous libros da USC, Premio Nacional de Edición Universitaria

Dous libros da USC acaban de ser recoñecidos como a obra mellor editada e a mellor coedición universitaria de entre os 128 títulos que concorreron aos XX Premios Nacionais de Edición Universitaria. Na categoría da obra mellor editada, os máis importantes premios da edición universitaria recoñecen o traballo realizado en Con el alba: El Cuaderno de Francia (1916). Manuscrito inédito de Ramón María del Valle-Inclán ­–vol. 9 da Biblioteca de la Cátedra Valle-Inclán–. O xurado concedeu o recoñecemento polo “ alarde de recursos formais empregados, a complexidade técnica e a o equilibrio entre fondo e forma”.

O segundo dos premios foi para Memorias de Fernando Álvarez de Sotomayor. Fomento y apreciación de las artes, editada tecnicamente pola USC en colaboración coas universidades de Granada e Talca (Chile). Designada como mellor coedición interuniversitaria, o xurado valorou “o traballo de colaboración de tres universidades, unha delas americana, sobre a obra dun autor que viviu entre España e Chile”. Integraron o xurado o director do Instituto Cervantes, Juan Manuel Bonet Plans; o reitor da Universitat Jaume I en representación de CRUE, Vicent Climent; o crítico literario Manuel Rodríguez Rivero; a xefa de redacción de ‘El Cultural’ de El Mundo, Nuria Azancot; e a escritora e xornalista de El Pais Berna González Harbour.

Publicidade

Memorias de Fernando Álvarez de Sotomayor foi designada mellor coedición interuniversitaria. Imaxe: USC.
Memorias de Fernando Álvarez de Sotomayor foi designada mellor coedición interuniversitaria. Imaxe: USC.

Para o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan Blanco Valdés, os galardóns son “un claro recoñecemento ás capacidades dunha grande universidade, tanto dende o punto de vista da técnica editorial como dos estímulos intelectuais que conducen á edición de obras como as galardoadas. Son premios que, nos dous casos, poñen a énfase no valor da sintonía de intereses e do traballo en equipo”.

En plena Guerra Mundial, o 27 de abril de 1916 Valle-Inclán viaxou a Francia, onde permaneceu dous meses nos que realizou varias visitas á fronte de guerra. Desa experiencia deixou constancia escrita nun pequeno caderno de notas de carácter estritamente privado que dá conta das observacións e impresións do escritor sobre os efectos da guerra na vangarda e a retagarda francesas que coñeceu.

Publicidade

Pola súa parte, as memorias de Fernando Álvarez de Sotomayor son un “documento transcendental e ata agora inédito” que pon no papel “nin máis nin menos que as memorias do propio artista, redactadas e escritas de seu puño e letra, longo tempo conservadas celosamente polos seus sucesores e que agora ven a luz grazas á xenerosidade da súa neta”. As propias lembranzas, baixo o lema ‘Recuerdos de un viejo pintor’, son o arranque desta proposta editorial conxunta da USC en colaboración coas universidades de Granada e Talca. Ademais de ter sido protagonista relevante na escena artística española durante boa parte do século XX, Fernando Álvarez de Sotomayor sobresaliu tamén, entre outros aspectos, por ter sido director do Museo do Prado entre 1922 e 1931 e entre 1939 e 1960, ano do seu falecemento. Os autores do traballo premiado son Pedro Emilio Zamorano Pérez, Rodrigo Gutiérrez Viñuales e Juan Monterroso Montero.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A física Yolanda Prezado, premio Wonenburger 2026 polos seus estudos en radioterapia

A Unidade de Muller e Ciencia da Xunta concede por unanimidade o galardón á investigadora galega, considerada unha referencia europea en protonterapia

Radiografía do piropo galego: da sedución á complicidade a través do humor

A investigadora Estela Fidalgo realizou un estudo con 100 persoas para coñecer como mudan as estratexias comunicativas nas relacións afectivo-sexuais

O alzhéimer canino existe: a galega que analiza cerebros de cans para anticipar o diagnóstico

A investigadora Belén Larrán estuda unha doenza que causa desorientación e ansiedade, e afecta máis da metade dos individuos maiores de 15 anos

Así é o rato colilongo, o pequeno roedor clave na transmisión do hantavirus dos Andes

Estudos revelan taxas de infección entre o 5% e o 10%, con maior incidencia nos machos adultos pola súa conduta territorial durante a reprodución