Día Europeo dos Minerais na Escola de Enxeñaría de Minas de Vigo

A Escola de Enxeñaría de Minas da UVigo súmase este ano á celebración do Día Europeo dos Minerais coa organización dun taller co que darlle a oportunidade á sociedade de Vigo e a súa contorna de aprender a identificar de xeito rápido e sinxelo os minerais máis comúns da natureza a partir das súas propiedades físicas. Será o vindeiro venres 22 e sábado 23 de setembro, coincidindo coa realización de múltiples eventos salpicados por toda Europa (portas abertas, visitas guiadas a minas e espazos rehabilitados, demostracións de seguridade…) e con el iniciarase unha nova oferta de talleres a través dos que se vertebrarán diferentes actividades de divulgación científica dirixidos sobre todo a atraer a atención do alumnado de ensino medio.

Haberá obradoiros gratuitos para dar a coñecer a ciencia dos minerais

“A idea deste primeiro taller é chegar ao público menos familiarizado co tema e fomentar nel o interese polos contidos propios da xeoloxía e o conxunto das Ciencias da Terra, xa que lamentablemente cada vez hai menos contidos nos plans de estudo actuais tanto da Ensinanza Secundaria Obrigatoria como de Bacharelato”, explica a directora da escola, Natalia Caparrini, especialmente satisfeita polo feito de que este curso a escola terá a oportunidade de estrear un museo-exposición de minerais aberto ao público no que, entre outras pezas, poderán contemplarse a colección de minerais e pedras preciosas cedida ao centro polos herdeiros do doutor Manuel de Sas de la Encina, un dos fundadores do hospital vigués de Povisa, ata onde agora estaba exposta a exposición. “A nosa intención é facer múltiples actividades divulgativas asociadas a esta colección, a primeira é este taller, pero tentaremos tamén organizar un concurso de bateo de ouro, visitas a minas, conferencias e feiras en torno ao mundo dos minerais”, recalcou a directora.

O taller, no que é necesario inscrición previa, inclúe unha parte teórica e unha práctica e o obxectivo é que todas as persoas que asistan aprendan, ademais dunha idea xeral sobre a clasificación e as diferentes propiedades físicas dos minerais, a recoñecer os máis comúns. “Trátase de que aprendan a identificalos a partir da simple inspección visual de mostras de man ou por medio de probas moi sinxelas”, recalca a directora da escola, ao tempo que aclara que as propiedades físicas máis útiles para a identificación mineral son cor, brillo, transparencia, hábito, dureza, raia, exfoliación e fractura.

“A composición de minerais está baseada na súa composición química e na súa estrutura interna e para identificalos acostuman empregarse técnicas de difracción de raios-X, análises químicas ou de microscopía óptica, non obstante existen unha serie de propiedades físicas que nos poden axudar a realizar identificación minerais moi fiables”, recalcou Caparrini.
As persoas interesadas en participar neste taller deben enviar un correo electrónico a eme@uvigo.es ou chamar ao teléfono 986 812 205.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A conduta suicida na mocidade galega: case un 20% presenta un nivel entre moderado e alto de risco

Unha investigación da UVigo baseada en 900 cuestionarios a participantes de entre 15 e 29 anos destaca o peso do contexto familiar, social e educativo

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Arden máis os espazos protexidos? Cando os datos non xustifican o relato

Os estudos dispoñibles non demostran que a protección aumente o risco de incendio nin que unha maior intervención sobre a vexetación sexa a resposta
00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto