Os mapas históricos de Galicia xa se poden descargar na web da USC

A Biblioteca da USC impulsa un proxecto para a preservación e difusión a través de internet da súa colección de mapas, algúns deles pezas de singular valor. Son un total de 600 documentos aos que a tecnoloxía posibilita unha revitalización a través da súa dixitalización o que facilitará a súa difusión e acceso a través do repositorio institucional Minerva, onde poden ser consultados, visualizados e descargados de xeito libre e gratuíto.

O proceso de dixitalización atópase en desenvolvemento e comezou polos mapas anteriores a 1900 relacionados con Galicia. Xa en xaneiro deste ano, todos os antigos e relativos á comunidade autónoma, un total de 20, estaban xa catalogados na base de datos Iacobus. Ademais o repositorio Minerva xa contaba coa correspondente versión dixital de 14 destes documentos, cifra que se completa progresivamente. O proxecto da Biblioteca para dixitalizar as súas coleccións do fondo antigo contribuirá á súa preservación en paralelo coa súa difusión a través da rede, posibilitando así o seu uso remoto e continuado por parte de persoal investigador e estudosos.

Publicidade

En xaneiro xa estaban dispoñibles 14 documentos, aos que se sumarán máis de forma progresiva

Conservados na Biblioteca Xeral da USC, entre os distintos mapas conservados atópanse exemplares “realmente curiosos e valiosos”, como explica a directora da Biblioteca María Isabel Casal. É o caso do ‘Map 212’, mapa manuscrito orixinal en cor do proxecto de creación do que hoxe en día é o parque da Alameda de Santiago, de Blas Galiano e datado en 1831, considerado o plan de reforma desta zona da cidade e de facto da creación do parque.

Outro exemplo único é o rexistrado como ‘L 5064’ e que a partir da Carta geométrica de Domingo Fontán impresa en 1845 inclúe unha actualización manuscrita coas estradas e liñas de ferrocarril dispoñibles en 1917. A actualización do traballo de Domingo Fontán foi obra de Antero Rubín Homent. Finalmente, entre os fondos tamén se atopa o ‘Map 201’, un dos máis antigos mapas de Galicia dos que se conservan na cartoteca universitaria compostelá, o ‘Plano de las Rías de Ferrol, Coruña y Betanzos’, datado en 1787.

Publicidade

O repositorio Minerva creouse en 2013 para albergar, difundir en acceso aberto e preservar os documentos derivados da actividade institucional, científica e docente da comunidade universitaria da USC. Ademais e tomando como mostra o labor que se está a desenvolver arredor dos mapas depositados na USC, o seu fondo tamén abarca a dixitalización do patrimonio documental da institución académica compostelá. O proxecto inscríbese no marco do movemento internacional denominado Open Access (Acceso Aberto), iniciativa que promove o acceso libre e gratuíto á literatura científica e académica como medio para mellorar o sistema de comunicación científica e o acceso ao coñecemento.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O proxecto Sensoxenoma evidencia que a música deixa pegadas medibles nos xenes e proteínas

A investigación da USC e do IDIS cumpre cinco anos con máis de 20.000 mostras e detecta respostas biolóxicas tras a exposición sonora, tamén en persoas con TEA

O polbo galego estase a mudar ao Reino Unido?

Os pescadores do suroeste de Inglaterra viviron en 2025 o maior 'boom' de 'Octopus vulgaris' nos últimos 75 anos

Atopados os restos óseos de tres individuos na foxa común de Serantes 

A cata arqueolóxica coordinada por Histagra confirma a presenza dun enterramento irregular que podería acoller preto de 200 vítimas da violencia golpista

Galicia rexistra o verán máis cálido dende 1961, cunha temperatura media de 21,4 graos

O informe climatolóxico de Meteogalicia informa de que foi unha estación seca, cunha precipitación media acumulada dun 22% menos do habitual