A Universidade de Santiago conmemora esta semana con numerosas actividades o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres. O acto central será na tarde deste martes, ás 17.00 horas no Salón Nobre de Fonseca, co recoñecemento do labor do Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC en prol da igualdade.
Será Manuel Núñez Singala, director do SNL, quen reciba de mans do reitor Juan Viaño unha placa coa mención honorífica que recoñece o apoio deste servizo ao compromiso da USC coa igualdade de oportunidades entre mulleres e homes a través da formación en linguaxe non sexista dirixida ao PAS e o PDI, o seu asesoramento para o uso dunha linguaxe inclusiva e, sobre todo, coa elaboración dunha guía de criterios dunha linguaxe non sexista.
Neste acto oficial participan ademais a vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, Mª do Carme Silva Domínguez; a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Mª Dolores Álvarez Pérez; a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo do Concello de Santiago, Marta Lois González; e a secretaria xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella.
Á celebración do Día Internacional da Muller súmase tamén este martes o alumnado do Mestrado en Formación do Profesorado das especialidades de Música e Artes Plásticas e Visuais, que realizará unha intervención artística no vestíbulo e na biblioteca da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Norte) que xoga co concepto de feminización da historia.
(IN)VISIBLES é un proxecto interdisciplinar que trata a igualdade de xénero e pretende visibilizar á muller na historiografía. A idea parte da intervención duns libros da biblioteca, que terán entre as súas páxinas fichas de vida e obras de mulleres artistas coas que o lector poderá descubrir gran cantidade de mulleres ignoradas e invisibilizadas e ser consciente da súa responsabilidade como transmisor dunha historia que aposte pola inclusión da igualdade de xénero.
A Facultade de Química acolle a mostra bibliográfica ‘Mulleres na Química’
Pola súa banda, na entrada da facultade haberá unha exposición de obras de artistas, tanto mulleres como homes, colgadas en pinzas sobre fíos granates e sen nome, co propósito de pór o valor na obra e non no xénero da persoa que a creou. Para ampliar a información, créase unha cartela que relaciona as imaxes cos nomes dos artistas e das artistas que se presentan na mesma.
Desde o vestíbulo ata a biblioteca encontrarase ese fío condutor que une os dous espazos e guía os espectadores cara ao estante onde se atopan intervidos os libros para a súa consulta. Deste fío colgarán bragas con nomes de artistas femininas gravados.
Xa dende este luns 7 e ata o día 18 a Facultade de Química acolle a mostra bibliográfica ‘ Mulleres na química’, unha escolma dos fondos da Biblioteca da facultade que dá conta do importante papel das mulleres no pasado e no presente da investigación química. Recóllense nela obras relacionadas co papel da muller na historia da ciencia en xeral e da química en particular, outras escritas por mulleres españolas ou estranxeiras e unha vitrina con traballos de investigación realizados por investigadoras da Facultade compostelá.
Ademais, do 17 de marzo ao 7 de abril a Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo será o centro que acubille a exposición dos Premios María Josefa Wonenburger Planells que entrega dende 2007 a Unidade de Muller e Ciencia. Unha mostra itinerante polos 7 campus universitarios galegos coa que se pretende visibilizar as contribucións feitas por estas científicas e tecnólogas galegas e así dar a coñecer entre a comunidade universitaria o seu traballo. O percorrido pecharase no Campus de Santiago no mes de xuño.