Un total de 600 alumnos estranxeiros cursan estudos na Universidade da Coruña este curso, dos que a metade chegaron para estudar no segundo cuadrimestre. O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, recibiunos no Paraninfo da Reitoría nun acto de benvida institucional no que participaron a vicerreitora de Internacionalización e Cooperación, Pilar García de la Torre, a vicerreitora de Estudantes, Participación e Extensión Universitaria, Margarita Amor, e o secretario Xeral da UDC, Carlos Aymerich.
Dos 600 estudantes, 50 proceden de Italia e o resto doutros 27 países dos que destacan México, Polonia, Francia, Vietnam e Romanía. “Asia é unha prioridade para a Universidade da Coruña, este grupo de alumnos de Vietnam, uns 16 que están estudando español para poder matricularse e realizar toda a carreira aquí vén a sumarse aos grupos de alumnos que xa temos procedentes de China e Corea”, explicou a vicerreitora de Internacionalización e Cooperación, Pilar García de la Torre.
O reitor agradeceu aos novos alumnos a súa elección por esta universidade para cursar parte dos seus estudos superiores e animounos a, ademais de estudar, gozar da cultura e “coñecernos aos galegos e mesmo aprender a marabillosa lingua propia que temos”.













