Eugenia Pereira, científica galega e muller pioneira da farmacia

Nada no Carballiño, abriu camiños na Universidade de Santiago cun currículo brillante que logo aplicou á industria farmacéutica

Foi unha galega pioneira no eido da farmacia. Porque Eugenia Pereira Rodríguez (O Carballiño, 1895-Barcelona, 1984) destacou como unha das primeiras alumnas da Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago. Foi a primeira licenciada galega en obter unha bolsa de estudos no estranxeiro. E destacou como enóloga e na industria farmacéutica, onde cos seus Laboratorios Pereira lanzou antibióticos, cosméticos ou o primeiro deterxente líquido que se comercializou en España.

Pereira era filla dunha comerciante do Carballiño, Purificación Rodríguez. O seu pai, César Pereira Munín, avogado e fillo dun notario non recoñecería oficialmente a súa paternidade ata uns anos máis tarde. Eugenia estuda nas Carmelitas de Ourense e o bacharelato no instituto ourensán. Aos 18 anos, decide ir á Universidade, pero segundo conta a investigadora Rosa María Cid Galante na súa ‘Historia das mulleres ourensás’, tivo que loitar contra a oposición do seu pai, “que dicía que para unha muller abondaba con saber guisar, coser e pasar o ferro. Pero cando a súa filla, pouco despois, lle replica que xa sabe guisar, coser e pasar o ferro, e que esta preparada para ir á Universidade o seu pai accederá”.

Publicidade

Un branqueador dental da marca Soldent, lanzado por Pereira.

No ano 1918, xa é alumna libre na Facultade de Ciencias no curso preparatorio e, a partir de aí, inicia os estudos de Farmacia. Obtén a licenciatura, con premio extraordinario, o 30 de setembro de 1921.

Algunhas fontes afirman que ela foi a primeira licenciada en Farmacia da Universidade de Santiago. Pero esa honra corresponde á lucense Manuela Barreiro, en 1900, quen sería a primeira boticaria de Galicia, con despacho en Ribadeo.

Publicidade

Anteriormente, houbo controversia con quen tentou levar o mérito máis atrás, como foi o caso da ensaísta María Lafitte, que apuntaba a unha tal Monserrat Carrera, quen supostamente fixo a carreira en Santiago entre 1880 e 1890. A tese doutoral de 2011 de Beatriz Brasa Arias (La Facultad de Farmacia de Santiago de Compostela 1900-1971) desminte totalmente esta información, por dous motivos. O primeiro é que o nome Montserrat era utilizado daquela para os homes, mentres que as mulleres levaban o María Montserrat. Brasa comprobou que era efectivamente un home e, en segundo lugar, o señor Montserrat Carrera graduouse na Universidade de Barcelona e non na de Santiago.

Retrato de Eugenia Pereira.

Debates aparte, o carácter pioneiro de Eugenia Pereira é indiscutible. Dous anos máis tarde obtén tamén o grao en Química, con excelentes cualificacións que lle darán o premio extraordinario de licenciatura. Doutorouse en Química na Universidade Central cunha tese que tiña por título “Investigación y valoración de la sílice en los tejidos orgánicos animales”. Tamén obtivo o doutoramento en Farmacia.

Eugenia Pereira será a primeira licenciada galega que goce dunha bolsa da Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago (1923) para ampliar estudos no estranxeiro, concretamente traballaría na École Nationale Supérieure de Chimie de Burdeos estudando enoloxía co profesor Richard.

Aquí atopamos tamén un exemplo do seu carácter emprendedor. Porque estaba moi interesada en mellorar os procesos de vinificación para aplicalos en Galicia nos viñedos que tiña o seu pai na beira do río Avia. “Na Facultade xa tiña experimentado na obtención de lévedos a partir de cepas autóctonas, para o posterior emprego na elaboración de viño, segundo ela: obtendo moi bos resultados, tal como sinala na solicitude á JAE para obter a consideración de bolseira”, explica Xoana Pintos na súa tese doutoral.

Prospecto con fármacos e produtos dos Laboratorios Pereira.

Pero os seus eidos de investigación son diversos. Anos máis tarde, presenta á Sociedad Española de Higiene un traballo sobre “Aplicación del cloro en la depuración bacteriológica de las aguas potables de Madrid”. E, finalmente, obtén por oposición a praza de Xefa do Laboratorio Químico da Aduana de Barcelona, cidade na que se asentará ata a súa xubilación.

Aquí comeza outra das facetas da ourensá Eugenia Pereira, agora como emprendedora, transferindo á industria os resultados da investigación. Primeiro rexenta unha farmacia e dirixe un laboratorio, Pemur, que lanza antibióticos, cosméticos, cremas dentais e produtos para droguería. Tamén é a primeira empresa española que fabrica deterxente líquido.

En Casteldefells, dirixe o Laboratorio Pereira que tamén produce os seus fármacos.

Eugenia Pereira Rodríguez morreu en Barcelona o 27 de xaneiro en 1984. Foi unha brillantísima farmacéutica e química galega. E tamén unha muller pioneira tanto na súa vida académica como levando a ciencia á industria.

1 comentario

  1. A día de hoxe non hai debate, non hai duda, sobre quen foi a primeira licenciada en Farmacia en Galicia.
    1. Foi a vivariense Manuela Barreiro Pico, en 1900, que abreu unha oficina de Farmacia en Ribadeo en 1901 (https://mujeresconciencia.com/2017/10/05/manuela-antonia-barreiro-pico/)
    2. A segunda foi a reseñada nestas páxinas, Eugenia Pereira. O que si, sería interesante saber se realmente fixo o doutorado en Farmacia, ou se foi só o de Ciencias.
    3. O suposto caso de Montserrat Carrera Roger está perfectamente dilucidado desde o ano 2011 por Beatriz Brasa Arias, autora dunha tese sobre a Historia da Facultade de Farmacia de Santiago (1900-1971) (https://minerva.usc.es/xmlui/handle/10347/3643), que demostrou que foi un home. Tería sido interesante que as investigacións realizadas posteriormente (como a citada sobre a historia das pioneiras na Universidade compostelá, de 2016) tivesen feito unha sinxela comprobación dos datos precedentes. Na tese citada, a investigadora Beatriz Brasa, confirma que Montserrat Carrera foi un home, que se licenciou o 21.10.1886, pero na ¡Universidade de Barcelona!, non tendo ningunha relación coa universidade de Santiago. Pero claro, para iso tivo que ir ao Arquivo Histórico da Universidade de Barcelona…

    En fin, parabén a Gciencia polas seus doses de historia, de ciencia e de xornalismo en galego!

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A restauración da botica de Doade trae de volta a farmacia rural do século XX

O museo inaugurarase o 24 de outubro, contará con 4.000 pezas e tamén se poderá visitar de forma virtual grazas ao 3D

Unha galega abre o camiño para aplicar intelixencia artificial na administración de vacinas

A investigación valeulle a Lorena García del Río o IX Premio Julián Francisco Suárez da Real Academia de Farmacia de Galicia

Un equipo de Santiago mellora a eficacia terapéutica contra a artrite reumatoide

O investigador Iván Lamela formula na súa tese modelos de microcápsulas aptas para tratamentos a nivel intraarticular

María José Alonso, nomeada ‘honoris causa’ pola Universidade de Nottingham

A catedrática da USC e investigadora do CiMUS quixo compartir esta distinción “con todo o equipo que me acompañou ao longo da miña carreira"