A preocupación pola velutina esténdese tamén á comunidade científica.
A preocupación pola velutina esténdese tamén á comunidade científica.

As universidades de Santiago e Vigo, no maior proxecto europeo contra a velutina

A iniciativa Atlantic-POSitiVE investirá 2,3 millóns de euros e contará coa colaboración de máis dunha 30 de institucións para abordar o impacto da especie

O Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia Norte de Portugal (CEER) coordina o proxecto Atlantic-POSitiVE (Conservation of Atlantic Pollination services and control of the invasive species vespa velutina), unha iniciativa que está considerada como o maior proxecto de investigación posto en marcha en Europa para frear a avespa asiática (Vespa velutina), cun orzamento de máis de 2,3 millóns de euros e a implicación de dez institucións de España, Portugal, Francia, Irlanda e Reino Unido e a colaboración doutros vinte organismos, entre eles asociacións de apicultores de varios puntos de España, Portugal e Francia.

No desenvolvemento do proxecto colaboran as universidades de Santiago e de Vigo, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, o Instituto Vasco de Investigación e Desenvolvemento Agrario, o Instituto Nacional de Investigação Agrária e Veterinária, a Universidade de Trás-os-montes e Alto Douro, o Institut National de la Recherche Agronomique, a University College Cork e a University of Exeter. Por parte da USC participan os profesores Xulio Maside e Valerià Paül, este último en calidade de director da Fundación CEER, e desde a UVigo toma parte Sandra Rojas. Paül destaca que esta iniciativa é froito de “esforzos para coordinar as colaboración previas das universidades e artellar un consorcio internacional no que tamén se atopan stakeholders, actores sociais e administracións públicas”.

Sandra Rojas (UVigo), Alberto Moreira Baptista (UTAD), Manuel Reigosa (UVigo), Valerià Paül  (FCEER) e Xulio Maside (USC), na presentación do proxecto. Foto: Duvi.
Sandra Rojas (UVigo), Alberto Moreira Baptista (UTAD), Manuel Reigosa (UVigo), Valerià Paül (FCEER) e Xulio Maside (USC), na presentación do proxecto. Foto: Duvi.

O pasado mércores, a UVigo acolleu a presentación do proxecto, coa presencia do reitor Manuel Reigosa e varios dos científicos implicados. A investigadora da Universidade de Vigo Sandra Rojas explicaba na presentación que o obxectivo do proxecto é “contribuír á preservación dos servizos de polinización a través do desenvolvemento de métodos conxuntos en toda a área atlántica ao tempo que se tratará de frear a expansión da velutina e, en especial, de minimizar os impactos desta especie invasora ten sobre os ecosistemas, sobre as actividades económicas e sobre a sociedade en xeral, xa que é un importante disruptor das actividades da contorna rural”.

A Universidade de Vigo implícase a través de dous grupos de investigación. Por unha banda, o Grupo de Bioloxía Ambiental, que se encargará, como explica Rojas, “de avaliar os impactos da avespa velutina sobre a polinización, mellorar os métodos de control e a detección de niños empregando sistemas de radiotelemetría e trampas con cebos específicos”. Por outra banda, o Grupo de Aerobioloxía e Apicultura centrarase “no estudo da dieta do avespón, o estudo do ciclo anual e a súa relación coas condicións meteorolóxicas e ambientais e comparará técnicas para o manexo das colmeas en zonas invadidas para axudar a reducir o impacto desta especie invasora sobre as abellas da mel e a apicultura”.

Pola súa parte, o equipo da USC abordará o impacto económico desta invasión, extrapolando un estudo previo feito na provincia da Coruña, que apunta que os apicultores invisten o 20% dos ingresos do mel en métodos de loita. Tamén estudarán as pautas e factores ambientais e biolóxicos que determinan a propagación da praga e a súa densidade, e colaborarán coa UVigo no deseño de métodos que permitan minimizar a poboación de velutinas cun mínimo impacto ecolóxico nas poboacións autóctonas, xa que os que se empregan actualmente, “como os insecticidas ou explosivos son perigosos para o ecosistema” , lembra Xulio Maside. O profesor da USC destaca que o sistema máis efectivo e respectuoso coa contorna “son as trampas eléctricas” que atrapan ás velutinas pero deixan pasar a especies de menor tamaño. Unha cuarta liña de traballo céntrase nos estudos biolóxicos que poden explicar o éxito desta invasión, poñendo a proba algunhas hipóteses previas, “como o feito de que as comunidades de parasitos que afectan ás especies invasoras poden ser moito máis reducidas que os parasitos que afectan ás especies autóctonas”.

Obxectivos do proxecto

Entre os obxectivos de Atlantic-POSitiVE, no eido tecnolóxico fixouse a realización dun radioseguimento da avespa velutina ata os seus niños, desenvolvemento dun software para rexistrar o movemento das especies e dunha web colaborativa para as xestións relacionadas coa velutina, así como unha plataforma de predición en liña para a avaliación dinámica do risco de invasión e ferramentas estatísticas e tecnolóxicas para monitorear os cambios na súa distribución. Do mesmo xeito, os expertos e expertas crearán un protocolo para a captura, rastrexo e vixilancia radioeléctrica de individuos de velutina, metodoloxías para a localización de niños e unha análise molecular de parasitos que poidan afectar a esta invasora e mecanismos para a súa distribución. Tamén se realizará un congreso científico internacional e unha campaña educativa e, tendo en conta a participación no proxecto de dous países que aínda non están afectados por esta invasión, tamén se traballará dende o eido da prevención, realizando un plan de acción contra a propagación en Reino Unido e Irlanda, así como sesións de formación para os apicultores irlandeses e británicos e o persoal da administración pública.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.