Venres 29 Marzo 2024

A USC investiga novos produtos naturais para loitar contra a avespiña do castiñeiro

Un equipo de Lugo traballa no proxecto 'Go Delicias' co obxectivo de identificar e desenvolver as defensas da árbore fronte ao insecto

Investigadores do Campus Terra e do Centro de Investigación Química, Biolóxica e Supramolecular da Universidade de Santiago (USC) avanzan na loita contra a praga provocada pola avespiña do castiñeiro no marco do proxecto Go Delicias, unha actuación de I+D a través da que pretende identificar e desenvolver defensas naturais do castiñeiro do país fronte aos efectos devastadores provocados pola avespiña (Dryocosmus kuriphilus), un insecto orixinario de China que se converteu nunha ameaza devastadora para os produtores de castaña en Galicia en apenas unha década.

As accións específicas contempladas neste proxecto, que constitúe un chanzo máis na loita contra a avespiña do castiñeiro, pasan por identificar os xens implicados na morte celular programada da árbore e os mecanismos que a inducen. Coñecer a capacidade que teñen as principais variedades galegas para inducir estas respostas e caracterizar a dose de concentración dos elicitadores, ademais de promover o seu desenvolmento comercial, son outras das pretensións de Go Delicias, un proxecto a través do que se trata de estudar os mecanismos xenéticos implicados na sinalización molecular, explica Josefa Lombardero, que lidera unha das liñas de investigación.

Publicidade

O insecto, orixinario de China, converteuse nunha “ameaza devastadora” para os produtores de castaña en Galicia

Logo de preto dunha década de loita fronte á avespiña do castiñeiro, o proxecto Go Delicias resulta se cabe “máis pertinente que nunca” dado o elevado interese agroforestal e estratéxico que constitúe o castiñeiro do país (Castanea sativa) para Galicia, trasladan dende a USC. Fontes do proxecto tamén consideran que esta especie pode contribuír a mellorar a economía das zonas rurais e de montaña, ademais de servir de acicate para fixar poboación nelas.

Neste senso, Lombardero sinala que a produtividade do castiñeiro vese mermada pola existencia de enfermidades persistentes como a tinta ou o chancro e máis recente pola introdución dunha especie invasora como a alcumada avespa asiática (Dryocosmus kuriphilus). O control deste insecto realízase mediante a liberación dun parasito tamén introducido, Torymus sinensis, cuxas poboacións tamén se agarda que flutúen co tempo.

O emprego de castañeiros híbridos ou de variedades resistentes a este insectos é outra das alternativas para loitar contra este insecto invasor, aínda que o seu emprego incontrolado podería conducir a una perda da riqueza das variedades dos soutos galegos, sinala Lombardero, quen ve preciso explorar novas formas de control axeitadas para preservar a diversidade xenética e a produción.

Desenvolvemento sostible

A agricultura, no actual contexto de desenvolvemento sostible, está a incorporar alternativas máis ecolóxicas para limitar o uso de insecticidas químicos e regular a xestión de pragas. O aumento da resistencia natural das plantas é unha das liñas de investigación preferentes, entre as que se atopa o emprego de substancias biolóxicas que poden estimular a inmunidade das plantas.

Esta actuación, que figura entre as que se contemplan desenvolver no marco de Go Delicias, baséase no desenvolvemento de axentes que poden imitar os indutores naturais de sistemas de defensa das plantas denominados elicitadores, que actúan en diversos puntos da vía de sinalización celular desencadeando unha resposta defensiva que conduce á resistencia natural da planta fronte a pragas ou a enfermidades, explica Lombardero.

O proxecto busca imititar os indutores naturais dos sistemas de defensa das plantas, denominados elicitadores

A investigadora do Campus Terra da USC defende que este tipo de solucións son particularmente interesantes para os viveiros produtores de castiñeiro, nos que a efectividade do parasito depende da existencia de masas de castiñeiros nas súas proximidades.

Garantir a resistencia natural das plantas fronte a esta praga sería moi positivo para os viveiros galegos, que son os que comercializan a maior parte de planta empregada en novas plantacións en España, e non poden enviar planta con xemas infectadas. De todos xeitos, engade Lombardero, como durante a fase invernal é imposible saber se un castiñeiro está infectado ou non, o tratamento con elicitadores deste tipo permitiría á propia árbore destruír os ovos da avespiña depositados polas femias nas súas xemas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gciencia celebra o Día da Lingua Materna cun relatorio sobre a divulgación en galego

A xornalista Laura Filloy abordou a importancia de trasladar o coñecemento científico á sociedade nun acto celebrado no Campus de Lugo da USC

Atopado o talón de Aquiles da rata toupa, a praga que azouta a montaña luguesa

O estudo do órgano vomeronasal deste mamífero subterráneo avala o uso de químicos para diminuír a súa poboación e frear o seu impacto na agricultura

Os cubículos e corredores reducidos nas granxas de Lugo afectan a produción de leite

A tese de Sonia Verdes Gil conclúe que as superficies incómodas prexudican a saúde e a hixiene das vacas

“O castiñeiro é a árbore da cultura galega, aínda que o carballo sexa máis abundante”

A investigadora do Centro Forestal de Lourizán Josefa Fernández xubílase tras catro décadas de traballo e ser a primeira enxeñeira de montes de Galicia