Un estudo no esteiro do Miño atopa microplásticos no 94% dos peixes

Científicos portugueses analizaron preto de 130 exemplares de carpa común, muxo e solla no curso baixo do río, entre Valença e Tui e a desembocadura

Un equipo de investigadores portugueses advirte, nun artigo publicado na revista Marine Pollution Bulletin, da importante presenza de microplásticos nos peixes que se moven polo esteiro do río Miño, na raia entre Galicia e Portugal, na área comprendida entre Tui e Valença e a desembocadura do río. O traballo analizou preto de 130 exemplares de tres especies: carpa común (Cyprinus carpio), muxo (Mugil cephalus) e solla (Platichthys flesus), acaídas como bioindicadores para o estudo do lixo mariño, e atopou restos de microplásticos no 94% deles.

En total, os investigadores recolleron máis de 880 partículas de plástico, nun rango de 41 a 30000 micrómetros (μm), dos que o 84% eran fibras e, polo seu tamaño, o 97% eran microplásticos. Identificáronse ata 36 polímeros distintos, entre os que destacaban o raion, o poliéster, o polietileno, poliacrilato, polipropileno e acetato de celulosa. Uns resultados que, segundo as conclusións do artigo, “evidencian a existencia de unha elevada contaminación por microplásticos nos peixes e reforzan a necesidade de máis investigacións arredor da contaminación por plásticos nos esteiros”. Os investigadores pertencen a institucións como a Universidade do Porto, o Instituto Português do Mar e da Atmosfera (IPMA) ou o Aquamuseu do Rio Minho de Vilanova da Cerveira.

Algúns dos microplásticos atopados: fibras no fígado de carpa común (a); fibra no tracto gastrointestinal da mesma especie (b); fragmento no tracto gastro intestinal dun muxo (c); e outro fragmento nun músculo dunha carpa (d). Fonte: Vale et al. (2021).
Algúns dos microplásticos atopados: fibras no fígado de carpa común (a); fibra no tracto gastrointestinal da mesma especie (b); fragmento no tracto gastro intestinal dun muxo (c); e outro fragmento nun músculo dunha carpa (d). Fonte: Vale et al. (2021).

Os niveis de microplásticos atopados, advirte o artigo, “están entre os máis altos reportados na literatura“. Así, atopáronse plásticos no tracto gastrointestinal no 89% dos exemplares, e ata un 27% acumulaban microplásticos nas galadas. Unhas observacións que evidencian “unha inxestión moi alta” que chega por mor da presenza de pequenas fibras na auga a través da respiración, mais tamén pola alimentación destas especies. A presenza de plásticos máis alta observouse nos muxos.

Outros dos datos salientables da investigación foron o achado de microplásticos no fígado das tres especies, con presenza de entre o 20 e o 26% dos casos. Tamén chegan os contaminantes ao músculo dorsal (un 34% dos exemplares). Nestes dous casos, o volume de contaminación observado “incrementa a preocupación por mor dos potenciais efectos adversos na saúde dos peixes, e destacan a necesidade de máis estudos sobre a concentración interna de partículas de plástico”.

Publicidade

Entre as súas reflexións, os científicos destacan que “a alta contaminación por microplásticos en peixes dun esteiro cun importante valor ambiental e cun impacto relativamente baixo por mor das actividades humanas reforza a idea da alta dispersión de plásticos nos ecosistemas costeiros”. Deste xeito, as conclusións coinciden con estudos previos que “subliñan a necesidade de seguir investigando sobre a contaminación dos esteiros e a súa biota e os posibles efectos biolóxicos e ecolóxicos resultantes”, tanto para os propios animais como polo seu potencial impacto na cadea alimentaria, no caso das especies consumidas por humanos.


ReferenciaMicroplastics in fishes from an estuary (Minho River) ending into the NE Atlantic Ocean (Publicado en Marine Pollution Bulletin).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha obra no río Miño afecta a dúas especies vulnerables e pon en alerta os ecoloxistas

A restauración dun caneiro en Acea de Olga, na cidade de Lugo, obriga a trasladar a dúas poboacións de bivalvos ameazadas

Un equipo da UDC analiza con láser a contaminación das pontes de Praga

Unha alumna procedente da República Checa realiza a súa tese na institución galega con vistas a futuros procesos de restauración

Os ’pellets’ xa invaden zonas mariñas protexidas de Galicia

Unha simulación realizada pola organización internacional Oceana predí que os plásticos están presentes en todo o litoral da comunidade

Un equipo galego utiliza materiais que respiran CO2 para refrixerar e quentar fogares

O grupo da UDC busca substituír os actuais compoñentes de calefacción, daniños para o medioambiente, por outros máis sostibles e eficientes