Unha investigación desenvolvida en Galicia podería axudar a frear a enfermidade do HLB (Huanglongbing, que en chinés significa ‘dragón amarelo’), unha praga que afecta aos cítricos e está causada por bacterias transportadas a través de vectores como o psílido africano Trioza erytreae. O traballo, realizado dentro do proxecto europeo Tropicsafe, demostrou a eficacia dun parasitoide, a avespa Tamarixia dryi, para reducir a dispersión e abundancia dun dos insectos vectores da enfermidade.
A Trioza erytreae insecto apareceu en Pontevedra en 2014 e de aí estendeuse polo Cantábrico e cara a Portugal, aínda que non chegou ás zonas produtoras de cítricos e, malia que a enfermidade non se detectou aínda, hai unha importante preocupación pola súa afectación no Levante, xa que a HLB carece de cura.
Os traballos de campo, nos que o Instituto Valenciano de Investigacións Agrarias (IVIA) desempeñou un papel crucial, permitiron en 2018 identificar o parasitoide. Máis adiante, comprobouse a súa idoneidade en colaboración co Instituto Canario de Investigacións Agrarias, e xa en 2019 o IVIA trasladou o estudo a Galicia para a cría e liberación deste organismo de control biolóxico. Esta fase incluíu a produción no viveiro de Maceda e o seguimento de Tragsa e Tragsatec por encomenda do Servizo de Sanidade Vexetal da Xunta de Galicia. Os últimos datos constatan que a formulación era correcta.
Semella que a avespa surafricana non só se adaptou ao clima da península ibérica, senón que logrou decimar ao vector de transmisión de maneira específica, sen impactos indesexados. Se no verán de 2020 o parasitoide estendeuse a dous quilómetros do punto de orixe, un ano despois eran xa 40 km. O avance prodúcese, como estaba previsto, á conta do vector T. erytreae: nos brotes de primavera de 2020, a taxa de parasitación oscilaba entre o 7,6 e o 38,9 por cento nas tres localidades escollidas, mentres que no verán de 2021 a densidade do psílido descendera tanto que foi imposible realizar estes cálculos.
Con esta experiencia, Tropicsafe traballa xa noutras zonas inzadas da península ibérica, controlando ao insecto vector antes de que poida dar o salto ás zonas produtoras de cítricos, onde o vector carece de barreiras naturais. Sen unha cura no horizonte, a enfermidade do HLB é unha ameaza latente para o cultivo máis produtivo do mundo.
Tropicsafe está financiado a través do programa Horizonte 2020 da Unión Europea, e conta con 22 socios de 12 países, entre os que cabe citar, por parte de España, a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) e o Instituto Valenciano de Investigacións Agrarias (IVIA), ademais da Università de Bologna, que lidera o proxecto. A súa misión non se limita a evitar a chegada do HLB aos cítricos, xa que tamén expoñen solucións sostibles para o amareleo letal do cocoteiro (LY) e os fitoplasmas do amareleo do viñedo (GY), enfermidades que afectan o comercio e importación de materiais e produtos agrícolas de África, América, o Caribe e Europa.