Domingo 28 Abril 2024

Un río atmosférico empapa Semana Santa: Galicia poderá superar os 100 l/m² 

A situación de inestabilidade continuará durante a fin de semana, cando podería producirse unha cicloxénese explosiva no oeste da península

“Será a Semana Santa máis chuviosa dos últimos anos”, augura o meteorólogo Samuel Biener nun artigo publicado en Meteored. O prognóstico corrobora que os próximos sete días estarán marcados pola inestabilidade, que azoutará Galicia en forma de intensas precipitacións e que causará un acusado descenso térmico, con máximas que non superarán os 10 graos. Un dos causantes dunha situación meteorolóxica tan adversa será un río atmosférico cargado de humidade que provocará fortes chuvias entre o mércores e o venres. De feito, prevese que se cheguen a acumular 100 l/m2 no suroeste de Galicia. Prevese que a inestabilidade continúe de cara á fin de semana e incluso hai modelos que apuntan á formación dunha cicloxénese explosiva no oeste da península.

Galicia arrinca a semana con chuvias febles durante a mañá, que se irán intensificando conforme pase o día. Máis alá da chegada das precipitacións, despois dunha fin de semana de temperaturas agradables e tempo seco, unha masa de aire frío irromperá en Galicia e provocará un brusco descenso térmico. De feito, algunhas precipitacións poden caer en forma de sarabia e a cota de neve baixará ata os 600 metros ao longo do luns. As temperaturas serán baixas para a época do ano e non superarán os 15 graos de máxima en Pontevedra, os 14 en Vigo e Ourense, os 12 graos na Coruña e en Ferrol, os 11 graos en Santiago e os 10 en Lugo. As mínimas roldarán os 5 graos en todas as cidades galegas agás na capital lucense, que non superará os dous graos.

Publicidade

A inestabilidade volverá ser a protagonista durante a xornada do martes, de novo con frío e chuvia na meirande parte de Galicia. As precipitación, segundo o prognóstico de Meteogalicia, poderán ser “localmente treboentas” e poden estar acompañadas de sarabia. Con todo, e en relación ao día anterior, a cota de neve irá subindo ao longo de toda a xornada ata situarse os 1.200 metros. No que respecta ás temperaturas, sufrirán un lixeiro descenso respecto ao luns, dado que a máxima non superará os 13 graos e rexistrarase en Vigo. En canto ás mínimas, todas as cidades galegas volven roldar os cinco graos, sendo as máis baixas a sde Ourense, con 4 graos, e as de Lugo, con 2.

O río atmosférico cargado de humidade impactará en Galicia a partir do mércores, deixando precipitacións máis abundantes e continuadas no litoral atlántico. A borrasca que causará esta inestabilidade, situada sobre as illas británicas, será a que impulse o río atmosférico e deixe chuvascos localmente treboentos na meirande parte de Galicia. As temperaturas non experimentarán grandes cambios no que respecta ás máximas, dado que se manterán arredor dos 12 graos. En canto ás mínimas, si que ascenderán lixeiramente ata colocarse nos 6 graos e incluso nos 9 en Pontevedra.

A situación de inestabilidade que dará comezo o mércores continuará durante o xoves e o venres. Pese á incerteza do prognóstico meteorolóxico, está previsto que a fin de semana continúe a inestabilidade. “Parece que se aproximarán á península varias baixas secundarias e que incluso podería producirse un proceso de cicloxénese no oeste, polo que a inestabilidade e as chuvias volverían estenderse por boa parte do territorio”, di Biener. Dende Meteogalicia prognostican que as temperaturas serán baixas para a época do ano e ata o martes 2 a probabilidade de chuvia en Galicia manterase no 90%.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un tren de borrascas traerá abundante chuvia e descenso térmico a Galicia na ponte de maio

A vindeira semana estará marcada pola alta probabilidade de precipitacións en todo o territorio, con temperaturas que non superarán os 15 graos

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204

Un potente anticiclón adianta o verán en Galicia con temperaturas por enriba dos 31 graos

As altas presións situadas sobre Francia están bloqueando a chegada de borrascas e atraendo aire cálido ao norte da península

Unha crista subtropical disparará as temperaturas en Galicia ata os 30 graos

A semana comeza con intensas precipitacións provocadas pola borrasca Pierrick pero un cinto de altas presións producirá un cambio radical de tempo a partir do mércores