Refugallo cero: cinco consellos para eliminar o plástico na vida cotiá

Entidades como Adega ou Greenpeace animan á sociedade a reducir ao mínimo o consumo co gallo da Semana Mundial do Medio Ambiente

O vindeiro 5 de xuño celébrase o Día Mundial do Medio Ambiente, no medio de constantes noticias sobre a preocupante contaminación que afecta ao planeta e os efectos xa notorios do cambio global. Movementos como o Fridays for Future, que xa están tendo eco en Galicia, impulsados sobre todo pola mocidade, parecen reaccionar ante a situación. E co gallo da celebración do Medio Ambiente, entidades ecoloxistas, como Adega e Greenpeace, están animando a seguir a campaña internacional Refugallo Cero (#ZeroWaste), que propón reducir ao máximo o consumo de plástico e alertar dos problemas ambientais que xera o gran volume de residuos de plásticos dun só uso.

Segundo explica Adega nunha nota difundida este mércores, o obxectivo de Refugallo Cero “é demostrar que podemos vivir con alternativas ao plástico mudando só uns pequenos hábitos diarios” e “mostrar o poder e o potencial transformador que temos como consumidoras conscientes, poñendo freo aos mercados e a súa destrución do medio natural”.

Publicidade

E para cumprir con este obxectivo, recóllense cinco exemplos para “pasar á acción” e reducir a pegada ecolóxica polo uso excesivo de plástico:

Botella de vidro con auga da billa

Á hora de consumir auga na casa, no traballo ou nos diferentes lugares onde desenvolvemos a nosa vida cotiá, é recomendable ter unha botella de vidro e enchela con auga da billa, para reducir o gasto de decenas de botellas de plástico todos os anos.

Publicidade

Bolsas de varios usos para facer a compra

Aínda que a normativa xa obriga a cobrar polas bolsas de plástico que se entregan ao facermos a compra, é recomendable levalas da casa. Cada bolsa de plástico ten unha vida útil de entre 15 e 20 minutos e tarda centos de anos en degradarse no medio.

Evitar os utensilios dun só uso

No 2021, a Unión Europea prohibirá a comercialización dos plásticos dun só uso, como os dos pratos, vasos, garfos, coitelos ou culleres, así como outros como os bastóns de algodón ou as palliñas para beber. Porén, na medida do posible, é recomendable buscar alternativas a estes utensilios. Do mesmo xeito, tamén é axeitado usar envases de vidro no canto dos de plástico, para evitar a emisión de compostos como o bisfenol-A.

Bolsas de varios usos cos produtos a granel

Ademais das bolsas para meter a compra, os establecementos de alimentación e outros produtos de uso cotián non inclúen aínda, na maioría dos casos, bolsas reciclables para os produtos a granel. Porén, hai dispoñibles bolsas de tea e outros materiais semellantes nos que se poden incluír estes produtos.

Mercar produtos de proximidade

A pegada ecolóxica non se mide só polo refugallo que xera o consumidor final do produto, senón tamén pola contaminación que xerou toda a cadea de produción do mesmo. Por tanto, é tamén recomendable mercar produtos de proximidade, no pequeno comercio local, no canto das grandes superficies que, en moitas ocasións, consomen unha gran cantidade de recursos en forma de combustible, explotación de terreo, etc. para levalos ao consumidor.

Para participar na campaña Refugallo Cero, Adega anima a partillar nas redes sociais entre o 3 e o 9 de xuño o cancelo #RefugalloCero, compartindo algúns destes hábitos e recomendacións e outras iniciativas destinadas ao coidado do medio ambiente e o consumo responsable.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O verán galego é 1,8 graos máis cálido que hai 60 anos

O investigador do CSIC Dominic Royé explica que aumentou a temperatura media e cada vez hai máis eventos meteorolóxicos extremos como ondas de calor, secas ou alteracións nos patróns de choiva

Catro claves para crear bosques urbanos e combater a crise climática dende as cidades

Unha urbe sen árbores posúe unha menor infiltración de auga, temperaturas máis altas e unha poboación con máis enfermidades

Cámaras térmicas rexistran 40 graos nun patio escolar de Ourense

A organización Greenpeace mediu as temperaturas de escolas de cinco cidades españolas e determinou que as aulas dun colexio ourensán ten mínimas de 27 graos

Galicia rompe o tópico: en 2025 rexistráronse máis horas de sol do habitual

O documento confirma o aceleramento do quentamento global ao recoller unha temperatura media de 1,1 graos por enriba do promedio anual normal