Que sabemos dos estorniños de Ferrol? O choque, a causa máis probable

Máis dun cento de paxaros apareceron mortos no barrio de Caranza e xa se descarta a gripe aviar e a electrocución como orixe do suceso

Unha mañá de venres. Os veciños pasean polo barrio de Caranza, en Ferrol, contando as horas para a chegada da fin de semana. Mais un suceso inesperado interrompe as trasfegas diarias. Máis dun cento de estorniños aparecen mortos ou malferidos nunha zona próxima ao hospital Cardona. Un vídeo difundido nos últimos días rexistra claramente o acontecido. É dicir, como a banda de paxaros cae ao chan. De súpeto. Ao longo da última semana baralláronse varias hipóteses, tratando de atopar unha explicación lóxica. “Todo parece encaixar cun evento de choque ou, incluso, cun erro de manobra”, sinala o biólogo e naturalista Juan Rodríguez Silvar.

Tamén membro da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), o científico mantén a cautela e recoñece que será a Consellería de Medio Ambiente a que determine que aconteceu. Non obstante, Rodríguez Silvar recorda que algúns expertos en ornitoloxía apuntan ao choque como a causa máis probable. “Nesa zona hai azores e falcóns peregrinos. Pode ser que se asustaran. Os estorniños non son tan bos voadores e en zonas densamente poboadas e con obstáculos, como é esta de Caranza, é probable que se golpeen”, explica o biólogo. A todo isto engade que nas bandas voan centos ou milleiros de aves. E se a zona é estreita e comprometida, “isto aumenta as probabilidades de accidente”.

Publicidade

Traumatismos en ás e patas

Dende a Consellería de Medio Ambiente informan que despois do suceso, os exemplares mortos e malferidos foron trasladados ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros o mesmo día do suceso: o 26 de novembro. O reconto oficial inclúe 127 exemplares mortos e algúns deles vivos. Mais estes últimos ingresan no centro con traumatismos en ás e patas, con dificultade para manterse en pé e sen ser capaces de voar. Dende o centro levan a cabo un tratamento con alimentación forzada e  inmobilización das fracturas.

O reconto oficial inclúe 127 exemplares mortos e algúns deles vivos, con traumatismos en ás e patas

Ata o de agora, as probas realizadas xa descartan algunhas causas. Entre elas, a gripe aviar. “Obsérvanse varias lesións hemorráxicas na zona intratorácica, larinxe e rexión cranoencefálica, que afectan gravemente a corazón, aparato respiratorio e encéfalo”, detallan dende a Consellería de Medio Ambiente. Todo isto descarta varias posibilidades: as infeccións víricas, bacterianas ou parasitarias. De igual modo, non se pode determinar a electrocución como causa da morte —unha das hipóteses que resoaban con forza nos últimos días—. De ser así, “deberían aparecen edemas e necrose por queimadura nos puntos de entrada e saída da corrente eléctrica, ademais de pequenas marcas”.

Publicidade

Unha das causas que aínda non están descartadas é a da intoxicación. Dende a Consellería de Medio Ambiente afirman que están á espera dos resultados, pero que xa se tomaron mostras para realizar análises toxicolóxicas de encéfalo, corazón, pulmón, tráquea, ril e intestino. Mentres tanto, cabe esperar. De feito, Rodríguez Silvar pide paciencia. “Un fenómeno deste tipo hai que estudalo tendo en conta que pode ser multicausal ou que as causas poden non estar demasiado claras”, sinala o membro da SGHN. E tamén advirte que, ás veces, en temas relacionados coa natureza “pénsase que hai resposta para todo”. Non obstante, as explicacións requiren pausa e reflexión, e non sempre son rápidas.

Máis fenómenos semellantes

Se unha afonda na hemeroteca, descobre que fenómenos coma este, aínda sen ser habituais, ocorren cada certo tempo. Por exemplo, en xaneiro do 2011, centos de merlos e estorniños caeron mortos sobre unha autopista no estado de Luisiana. Tamén en Estados Unidos, en xullo deste mesmo ano, outros tantos paxaros apareceron sen vida no este do país. Xa en Europa, tamén en 2021, produciuse unha morte masiva de estorniños despois da Noitevella de Roma. Aquí, fronte aos sucesos anteriores, apuntouse ao uso de pirotecnia como principal causa da morte. Ao parecer, os petardos confundiron os paxaros ata causarlles a morte. E tamén en Tarragona, en febreiro de 2020, centos de estorniños morreron nun complexo industrial.

Houbo fenómenos semellantes, tamén con estorniños, en Luisiana, Roma e Tarragona

En todos estes sucesos, os estorniños foron as principais vítimas. “Non hai outra ave que teña estas dimensións, este comportamento de voo tan arriscado”, apunta Rodríguez Silvar, tratando de entender o motivo polo que esta especie está involucrada neste tipo de fenómenos. Compara estas aves coas propias de zonas húmidas, que tamén voan en banda para protexerse dos ataques. Mais adóitano facer en zonas abertas, como a Ría de Ortigueira ou a enseada do Grove e, ademais, as súas bandadas non son tan numerosas. “Se os estorniños voan moi rápido, as posibilidades de colisión son moi grandes. Hai quen compara esta problemática natural coas avalanchas humanas”, incide Rodríguez Silvar.

Manter a cautela

Polo de pronto, sobre a mesa só están as hipóteses. Aínda que unhas vaian collendo máis forza que as outras. E tantas outras se vaian descartando. A fin de contas, os estorniños son ben coñecidos, aínda que espertan tanta simpatía como rexeitamento. “Poden ser un problema cando fan ruído ou xeran malos cheiros nas contornas urbanas pero non podemos esquecer que tamén son beneficiosos para o medio, sendo capaces de controlar as poboacións de insectos“, recorda Rodríguez Silvar. Talvez os estorniños de Ferrol se asustaron e chocaron entre si, causando unha morte masiva de exemplares. Talvez esa sexa a causa que, dende a última semana, trata de dar explicación a un fenómeno inesperado e, sen dúbida, sorprendente.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Esta é a cidade coa maior taxa de mortalidade de toda España (e si, é galega)

Ferrol lidera o ranking de falecidos por habitantes e ten a esperanza de vida máis baixa das urbes de Galicia, con só 81,78 anos

As nove festas de Semana Santa en Galicia que non podes perder

Galicia conta con ata nove Festas de Interese Turístico Nacional e Internacional que conmemoran o festexo cristiá

Que foi dos pellets: as seis grandes incógnitas do accidente do ‘Toconao’ un ano despois

As bólas plásticas chegaron de forma masiva a Galicia a comezos de 2024 pero a día de hoxe non se sabe onde están almacenados nin se existe un plan para a súa xestión

Cambio climático e incendios: as principais ameazas das bolboretas en Galicia

As especies comúns están a salvo a curto prazo, mais os factores antrópicos supoñen un perigo para a preservación destes artrópodos