María Loureiro: “O estigma do ‘Prestige’ fixo que ninguén quixera peixe da costa galega”

A economista pontenovesa é unha das investigadoras con máis impacto do mundo e toma posesión este mércores como académica da Real Academia Galega das Ciencias

A economista pontenovesa, Maria Loureiro
A economista pontenovesa, Maria Loureiro

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebra este mércores nove de novembro o acto de ingreso de María Loureiro García (A Pontenova-Lugo, 1972), catedrática de Fundamentos da Análise Económica da Universidade de Santiago (USC), como académica numeraria da Sección de Ciencias Económicas e Sociais da institución. Licenciada en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago e doutora pola Universidade Estatal de Washington, o seu traballo de valoración de impactos ambientais foi utilizado no xuízo polo desastre do Prestige. Este feito permitiu que, por primeira vez en España, se valorase con técnicas propias da economía ambiental unha catástrofe ambiental deste calibre. Loureiro está incluída na lista do 2% de científicos de maior impacto mundial, a denominada lista de Standford, tamén figura no top 3% dos economistas en España e no top 4% dos da Unión Europea.

—Onde estaba aquel 13 de novembro de 2002?

—Eu estaba no comedor de profesores da Universidade Carlos III de Madrid. Estaba a piques de coller as cousas para comer e dispoñerme a xantar. Foi cando puxeron as primeiras imaxes na televisión e vin todo aquelo. Practicamente, xa non puiden comer. Esa foi a miña primeira imaxe. Sen saber con certeza o que ía pasar, era moi perturbador e impactante. Estaba claro que algo moi malo ía acontecer.

—Cando e como recibe a proposta para ser a perita da Fiscalía para a avaliación da repercusión ambiental do desastre do Prestige no xuízo?

—Foi algo literalmente fortuito. Eu era profesora na Universidade de Colorado e andaba buscando un posto de investigación en Europa enfocado cara o ámbito de economía ambiental, que é o que eu fago. Así que conseguín un posto de investigadora funcionaria en Noruega. Fun para alá e non foi ata marzo de 2004 que vin á Universidade de Santiago de Compostela e, a partir de aí, comecei a estudar o tema do Prestige, que me interesaba moitísimo. Entón fixen un proxecto de investigación presentando un resumo fundamentado que abordaba o dano moral ocasionado polo Prestige na poboación española. O diario El País fixo un pequeno reporte sobre o traballo e, en apenas uns días, chamoume o fiscal. Era o ano 2009 e el interesouse pola metodoloxía que empregara, como fixera e demais. Comentoume que lle parecía interesante a miña aproximación. Como o dano moral era algo que sufrira a poboación española en xeral e que a súa obriga era representar á poboación española en xeral, pediume permiso para empregar o meu traballo. E dixen que si, claro.

—Naquela altura, tiña máis traballos en marcha sobre as consecuencias do afundimento?

—Si e, dende entón, comecei a compartilo con el e amosarlle información. Nun determinado momento, preguntoume se me parecía ben que todo ese traballo entrase na causa como unha pericial económica. Entón, dixenlle que si, pero iso implicaba adaptar todo ao formato pericial.

—Entendo que foi un traballo longo.

—Literalmente, de anos. Estiven moi volcada niso entre o 2009 e o 2012 ata presentar e defender a pericial no ano 2013. Non é que non tivera o traballo feito, pero cando presentas un plan compendio ten que ser coherente e homoxéneo. Logo tiñamos que ir actualizando os datos anualmente como co IPC. Entón, cada ano que se postergaba, pois tiñamos que actualizar os datos. Foi moi laborioso.

—Antes de que me explique como foi aquel proceso, podería resumir que son as técnicas de economía ambiental que vostede empregou nesa pericial?

—Trátase de medir a través de datos de mercado o que é o impacto ambiental en si mesmo, que se reflicte, entre outras cousas, a través dos prezos de mercado de moitos bens e servizos. Por exemplo, cando foi o afundimento do Prestige, houbo vedas de prohibición de pesca. Cando se levantaron, aínda que xa había boas colleitas, ninguén quería aquel peixe. Iso chámase estigma ambiental e pódese determinar a través dos prezos con respecto a determinadas características ambientais do ben ou servizo que queiras valorar. Iso foi por unha parte.

Cando falan os biólogos, explícanche que a partires das vedas, houbo especies que si se recuperaron rapidamente, outras que non, outras non sabemos… Pero cando o vemos dende a perspectiva económica, dicimos que independentemente de se se recuperou a especie ou se non, vemos que a demanda final do mercado non está preparada para recibir este produto. Iso foi unha das cousas que amosamos na pericial que se presentou na Fiscalía. Que durante moitos anos, houbo de maneira moi consistente este estigma ambiental. Non só nos produtos pesqueiros, senón tamén no cultivo de mexillón ou o marisqueo, pero tamén como destino turístico. Á xente dáballe reparo visitar Galicia o ano seguinte do Prestige. Calculamos todo isto a través de métodos de estimación econométrica. Pero fixemos máis cousas, como calcular o dano moral.

—E foron quen de calculalo?

—Houbo un dano moral moi importante. E iso en economía tamén se estima a través de distintas técnicas polas cales tratas de simular cal foi o impacto ocasionado polo Prestige no benestar das persoas. Entón, ese método que empregamos, que se chama valoración continxente e xa fora empregado no caso do desastre del Exxon Valdez, calculamos cal é o dano moral, ou o que é o mesmo, canto nos doeu a cada un de nós o Prestige. Para iso fixémos un inquérito cunha mostra representativa de fogares en España e estimamos cal foi a perda total tanto por comunidades como no Estado. Galicia era, loxicamente, unha das máis afectadas polo dano moral do desastre.

—Iso tamén entrou na pericial?

—Claro. Cando temos un dano ambiental tan severo, tan extenso xeografica e temporalmente… Temos que ter en conta que non houbo unha única marea negra, houbo varias e a xente viviu con moita angustia durante meses. E así o amosaban tamén os datos do CIS daquela: o Prestige era a terceira causa de preocupación en España. Iso tamén foi engadido. Si se ocasiona un dano emocional, tamén hai que pagalo ou deberiamos ter recursos, cando menos, para reclamalo.

—Como se sente ese dano moral? Puidera parecer algo etereo.

—Séntese pola dor que che causou a ti persoalmente o Prestige. Ti perdiches algo de ti. Aínda que non sexas un usuario habitual das praias galegas ou non veñas a Galicia habitualmente.

—Cre que o seu traballo se empregou adecuadamente no xuízo?

—No xuízo e pola Fiscalía absolutamente.

—Tívose en conta na sentenza?

—En certa medida. Si que o tiveron en conta en canto a que cambiaron o espectro. É dicir, grazas ao labor que fixo a Fiscalía defendendo que o dano fora multimillonario, cambiouse o discurso para pasar duns poucos millóns de euros a miles de millóns. Non me considero a única artífice diso para nada, pero estou contenta de ter apoiado ese cambio de discurso.

—Cre que se fixo xustiza?

—Non. No xuízo non quedei contenta. E non foi porque non houbera culpables de facto que iso é algo que deberiamos reflexionar. A miña investigación foi unicamente económica, pero eu non quedei contenta porque na primeira sentenza da Audiencia Provincial indicábase que, como non había culpables, non ían mirar os danos. Porén, consideraban que había que estimar dun xeito os danos. Isto pareceume moi pouco acaído porque se non hai danos, déixalo aí e punto. Especialmente, non dar recomendacións de como se deben de valorar servizos ecosistémicos se non tes suficiente coñecemento do mesmo. Con esa parte non quedei satisfeita. Pero despois tamén vin que o Tribunal Supremo tomou máis en serio todo o traballo que se fixera. E aínda que o Supremo non se posicionou sobre se había ou non culpables, no que si se posicionou foi no impacto do dano ocasionado. Cifraron en máis de 1.500 millóns de euros o inmenso custo que se tivo que asumir dende a Administración dende diferentes perspectivas. Entón, aí si que vexo que, canda menos, houbo un cambio, aínda que fose teórico. Pero foi todo teórico. Nada foi á práctica. Aínda estamos sen cobrar. Confío en que se sentara un precedente para que, no futuro, o debate sobre catástrofes ambientais sexa un debate propio do século XXI en termos económicos.

—O outro día falaba con ecoloxistas que estiveron daquela traballando no litoral galego e me falaban de que, ata entón, non se fixera unha avaliación ambiental fonda sobre a biodiversidade das costas galegas. Sexa polos medios ou pola vontade política, cambiaría algo no seu traballo se o desastre do Prestige acontecese agora e non hai vinte anos?

—Creo que parcialmente. Cambiaría porque si que temos uns poucos máis de datos, pero aínda así teriamos grandes dificultades para presentar a relación causa e efecto do verquido. Iso foi o que nos pasou no Prestige: non tiñamos bos datos ou relativamente agregados para presentar o escenario base. É dicir, o escenario antes de que haxa un determinado shock. Entón, ti estimas por comparativa: antes versus despois. Nalgunhas cousas si melloramos. Por exemplo, hoxe as confrarías teñen datos xeoreferenciados de onde faenan. Aínda así, existe unha escaseza de datos estandarizados importante. Penso que, por desgraza, as grandes cuestións que tiñamos pendentes en termos académicos e científicos aínda non están resoltas. De feito, a Xunta de Galicia recibiu diñeiro dos fondos de recuperación da UE para establecer un gran plan de investigación de ciencias mariñas que ten precisamente como obxectivo poñer en funcionamento novas formas de recolleita e procesado de datos. Que sexan quen de combinar os datos das boias, das capturas, de turismo nas praias… Temos grandes déficits respecto ao que son as fontes de datos primarias e a súa xestión.

—Dúas décadas logo daquel desastre, este mércores toma posesión como académica numeraria da Real Academia Galega das Ciencias. Que significa para vostede?

—Siginifica un gran recoñecemento. A ver se consigo non chorar durante o discurso. Estou moi agradecida e ademais son das poucas mulleres que vai estar na sección de Economía. Paréceme estupendo que dende a perspectiva económica haxa tamén unha mirada feminina. Non é que quera meter o tema do xénero, pero cada quen ten inquedanzas distintas e eu síntome moi cómoda neste ámbito de estudo social, cultural e ambiental.

—É un tema fundamental e parece que hai un inicio de vontade de mellorar esa escasa presenza de mulleres na academia en xeral, mais aínda queda moito por facer.

—Exactamente e é onde máis mágoa dá. A Universidade debera ser un dos lugares máis paritarios do mundo, no senso de que as boas ideas téñenas tanto homes coma mulleres. Agora ben, as implementacións das ideas parece estar máis apoiada cara os homes que cara as mulleres e iso é certo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.