A vivenda e o consumo de alimentos, as actividades que máis contribúen á pegada de carbono en Galicia

Como paso previo imprescindible ao deseño de  medidas de mitigación e adaptación ao cambio climático, como poden ser as que se incluirán na Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, investigadoras da USC e do ELSA (Environmental Life Cycle and Sustainability Assessment) de Montpellier calcularon a pegada de carbono das actividades produtivas e de consumo de Galicia dende unha perspectiva de ciclo de vida, toda vez que os únicos inventarios rexionais de gases de efecto invernadoiro dispoñibles se limitaban ás emisións directas ligadas á produción na Comunidade.

Esta perspectiva de ciclo de vida permite considerar todas as emisións de gases de efecto invernadoiro ligadas ás actividades galegas, aínda que estas non teñan lugar na Comunidade, como poden ser a importación de bens e servizos para o consumo e de materias primas para a produción. Este procedemento de cálculo permite evitar a chamada fuga de carbono, derivada do traslado das operacións produtivas a países con límites de emisión menos restritivos.

Publicidade

A pegada é de 17,8 ktCO2e ao ano: o 88% dos habitantes galegos e o 12% do consumo turístico

No estudo, comprobaron que a pegada de carbono das actividades de consumo en Galicia é de 17,8 ktCO2e ao ano, correspondéndolle o 88% aos habitantes galegos e o 12% ao consumo turístico. Entre os primeiros, o principal contribuínte contaminante é a vivenda (32%), seguida polo consumo de alimentos (29%); e no que se refire ao turismo, o transporte é o principal causante da pegada de carbono (59%), coa vivenda (26%) como segunda fonte.

Esta diferenciación de suxeitos é crucial para as autoras do artigo, Laura Roibás e Almudena Hospido, “de maneira que así obtemos resultados útiles para que os gobernos consideren o vector ambiental ao asesorar á cidadanía sobre consumo de alimentos ou transporte e á vez tomen medidas sobre o impacto do sector turístico, importante fonte de ingresos”, explican.

A queima de carbón é a principal fonte contaminante en Galicia

A investigación determina tamén que a pegada de carbono de produción galega alcanza os 34,9 MtCO2e por ano, sendo a produción de enerxía a responsable da maior parte das emisións, principalmente debido á queima de carbón. A fabricación de alimentos é o seguinte contribuínte, seguido polo sector primario.

Á vista dos resultados do traballo ‘Determination of the carbon footprint of all Galician production and consumption activities: Lessons learnt and guidelines for policymakers’, publicado no Journal of Environmental Management, as súas autoras recomendan que as políticas se encamiñen a reducir o consumo dos artigos que maior gases de efecto invernadoiro provocan ou reducir os impactos da súa produción.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da USC e da UVigo crea unha maqueta virtual interactiva para imaxinar o futuro de Galicia

O proxecto do CISPAC crea unha paisaxe alternativa vertebrada en catro eixos temáticos: a comunidade, o hábitat, a enerxía e a alimentación

Os segredos dos 21.000 pelos: un estudo revela a través do ADN o comportamento social do oso pardo

A tese de Esther Valderrábano confirma o bo estado sanitario da poboación cantábrica, que conta con arredor de 400 exemplares

Unha IA para formar terapeutas: así é o proxecto galego que xera sesións de psicoterapia sintéticas

Un equipo do CiTIUS (USC) e da Universidade de Michigan presenta a iniciativa ROGERS, que xa está validada por profesionais do sector

Un novo recurso didáctico creado na USC conecta o patrimonio musical galego co Camiño de Santiago

O material reúne dez arranxos de música do percorrido francés e propostas para traballar este repertorio das aulas de Primaria e Secundaria