Venres 19 Abril 2024

O parque eólico Picato: 13 aeroxeradores a 800 metros do Camiño Primitivo

Grupos ecoloxistas denuncian que a instalación afectará a unha decena de bens culturais e, entre eles, á muralla de Lugo

As vistas dende a muralla de Lugo xa non serán iguais. O primeiro parque eólico da provincia asentará 13 aeroxeradores no monte Picato que poderán verse desde a muralla romana declarada Patrimonio da Humanidade. Non será o peor impacto do proxecto, xa que a área poligonal do parque —aquela afectada pola instalación— sitúase nunha parte do Camiño Primitivo, o Camiño de Santiago que parte desde Asturias e que está incluído na lista do Patrimonio da Unesco. A declaración de impacto ambiental foi favorable e as obras xa comezaron. A previsión é que comece a operar ao longo deste ano.

O aeroxerador máis próximo está situado a 800 metros do Camiño Primitivo e o máis afastado a 3.400 metros, segundo a Asociación Ecoloxistas en Acción. Os colectivos prevén accións xudiciais contra este parque que xa conta con varias alegacións. Pretenden parar a construción como ocorreu con outras instalacións de enerxías renovables que tiñan graves consecuencias sociais, patrimoniais e medioambientais. “Esta perda paisaxística vai afectar as próximas xeracións”, alega a presidenta da Ecoloxistas en Acción, Nery Díaz. “Esta obra sáltase moitas normas de protección”, expón. Nun informe sobre o parque eólico do Picato denuncian o incumprimento do Convenio Europeo de Paisaxe (Florencia, 2000), que define os principios paisaxísticos que se deben ter en conta para o emprazamento de muíños de vento.

Publicidade

Fotomontaxe
Fotomontaxe das vistas dende a cidade de Lugo. Fonte: Ecoloxistas en Acción.

Son varios os bens culturais afectados entre un e seis kilómetros de distancia da instalación, algúns protexidos como a Igrexa Santa Eulalia de Bóveda do Pazo de San Miguel, que está declarada como Ben de Interese Cultural (BIC). Os 13 aeroxeradores teñen unha altura de 150 metros e unha potencia total instalada de 42Mw. Exactamente, localízanse entre os concellos de Guntín e Lugo nunha montaña a 700 metros de altura. Un informe técnico de Ecoloxistas denuncia que por parte da empresa promotora, Naturgy, “non se achega ningún estudo de expertos no Camiño de Santiago que de maneira imparcial acredite que o impacto deste proxecto enerxético non ten unha grave afectación sobre o Roteiro Xacobeo”.

Contaminación sonora

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou en decembro a resolución e cualificou ao proxecto como de “interese autonómico”. O pasado 11 de decembro, Día das Montañas, os veciños das aldeas foron dar un paseo polas zonas que se verán afectadas polo parque e recoñeceron non ter apenas información do proxecto. Díaz insiste en que accións como esta “destrúen” o rural, posto que as persoas elixen outros lugares polo impacto visual e a contaminación sonora e lumínica. O informe de ecoloxistas considera que o parque eólico é incompatible coa finalidade das funcións da zona tampón da Reserva da Biosfera Terras do Miño: “Intrinsecamente relacionado co impacto de ocupación do hábitat, os movementos de terra, cimentacións e accesos nun parque eólico, así como construcións, constitúen os efectos máis negativos e que inciden directamente na perda da capacidade produtiva dos chans e contribúen aos procesos erosivos destes.”

A presidenta sostén que se vive “moi ben rural” pero “é moi difícil se convertemos as zonas en parques eólicos. Hai alternativas para ser máis responsables co medio ambiente, como fomentar o autoconsumo e as comunidades enerxéticas. Impulsar cultivos de proximidade e fixar á poboación no rural. Galicia produce o dobre da enerxía que necesitamos, o problema é que malgastamos moito. É a nosa obriga pedir a paralización do parque”. O prazo para presentar os recursos xa rematou e a Xunta terá ata o 16 de febreiro para respostar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un bólido cruza a costa de Lugo ata caer no Cantábrico

A segunda bóla de lume visible dende Galicia en apenas dúas semanas procedía da chuvia de estrelas das delta-leónidas
00:03:30

I de ‘Inventio’: como o descubrimento da tumba do Apóstolo fixo marca Galicia

A partir do século IX Santiago de Compostela converteuse nun centro europeo económico e relixioso clave pola peregrinación xacobea

Novos achados revelan o carácter funerario da ‘roda’ de Adai, un xacemento único en Galicia

A descuberta dunha ola que se conserva completa e de pé sobre unha lousa suxiren que servía para actos rituais fundacional

Atopado o talón de Aquiles da rata toupa, a praga que azouta a montaña luguesa

O estudo do órgano vomeronasal deste mamífero subterráneo avala o uso de químicos para diminuír a súa poboación e frear o seu impacto na agricultura