O “desastre ecolóxico” de Bastiagueiro eran os restos dun bosque fósil

O afloramento de restos vexetais de hai miles de anos, asolagados polo mar e os sedimentos, é común e visible en diversos puntos da costa galega

Non é a primeira vez que acontece, nin tampouco a primeira vez que as impresións feitas á presa atribúen estes achados a posibles vertidos de petróleo, tamén comúns na costa galega. O último episodio produciuse a pasada fin de semana na praia de Bastiagueiro (Oleiros), coa aparición dunha capa de material escuro e brando nalgunhas zonas. As primeiras impresións por parte dos representantes políticos apuntaban a un “desastre ecolóxico”, en palabras da información difundida desde as redes sociais do PP de Oleiros, achacándoo a “enormes masas de hidrocarburos” e pedindo a súa retirada, ou de restos do chapapote do Prestige ou ben da actividade do porto da Coruña, en palabras do alcalde da localidade, Ángel García Seoane. O asunto mesmo chegou ao Congreso, cunha pregunta realizada polo deputado de Unidas Podemos Antón Gómez Reino.

https://twitter.com/PodemosCoruna/status/1351498854680715264

Publicidade

Mais ningunha destas primeiras impresións tivo en conta os antecedentes producidos hai apenas dous anos nunha praia veciña, a de Santa Cruz, no mesmo concello ca Bastiagueiro, tal e como informou La Opinión, e que se repiten periódicamente en numerosos areais de Galicia.

Os bosques no Golfo Ártabro

Desde o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), precisamente con sede no castelo de Santa Cruz, publicouse precisamente en 2018, ano no que se observaron os restos do bosque fósil en Santa Cruz, unha obra divulgativa para dar a coñecer os ecosistemas do Golfo Ártabro. Nun artigo do profesor emérito da Universidade da Coruña e catedrático de Xeoloxía, Juan Ramón Vidal Romaní, no que se percorre a historia xeolóxica da zona. E tamén se afonda na etapa máis recente, expoñendo como nos últimos 7.000 anos, co aumento do nivel do mar despois da última gran glaciación, a liña de costa estaba moito máis adentro. “Se trazamos unha liña imaxinaria entre a Torre de Hércules e o cabo Prior, boa parte da zona interior estaría cuberta de vales fluviais con bosques de bidueiros e outras especies”, explica Sergio París, educador ambiental do Ceida.

“Algúns datos proban o carácter recente da morfoloxía da costa no Golfo Ártabro. É o caso dos bosques fósiles que esporadicamente quedan expostos na zona intermareal da costa despois dunha época de grandes temporais, ao ser descubertos pola acción erosiva da ondada. Normalmente a súa persistencia no bordo costeiro é breve e por iso non adoitan conservarse en outras referencias que nas noticias da prensa local”, expón Vidal Romaní no artigo da publicación divulgativa Patrimonio Natural e Cultural do Golfo Ártabro. Os restos vexetais destes bosques, despois de ser asolagados polo mar, pasaron por un proceso de descomposición de miles de anos que lles confire o seu aspecto actual.

Ilustración do Golfo Ártabro hai 15.000 anos. Fonte: Ilustración de Aurora Grandal publicada polo CEIDA.
Ilustración do Golfo Ártabro hai 15.000 anos. Fonte: Ilustración de Aurora Grandal publicada polo CEIDA.

Deste xeito, o achado de Bastiagueiro súmase á longa lista de turbeiras ou bosques fósiles que xorden por mor do movemento da area que os agocha ao longo da costa galega. Desde Patos, en Nigrán, ata Arealonga, en Barreiros, onde se chegaron a atopar restos de animais entre o bosque fósil, o litoral está cheo de exemplos deste tipo. E probablemente nos vindeiros anos, co aumento do nivel do mar e a erosión, sigan emerxendo estes vestixios milenarios. Algúns dos máis destacados, polas súas formas e cores, son os de Ponzos

Así, as primeiras observacións realizadas sobre o terreo por parte de técnicos da Consellería do Mar descartaron que se tratase de petróleo. Segundo expoñen fontes deste departamento, comprobouse que o material “non desprendía ningún cheiro nin había irisacións“, e nalgúns casos tiña unha aparencia semellante á madeira. Tomáronse mostras que están a ser analizadas nun laboratorio da Consellería de Medio Ambiente e noutro da Universidade da Coruña, á espera de obter resultados definitivos. Porén, as distintas fontes consultadas descartan o vertido contaminante e apuntan a que Bastiagueiro é un máis dos moitos areais cun bosque fósil baixo del.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A insólita historia de María Wonenburger, a xenia galega das Matemáticas

A científica era descoñecida en Galicia e España e foi visibilizada grazas as súas compañeiras de profesión, María José Souto e Ana Dorotea, da UDC

O bronceado protexe do sol, as cremas non caducan e outros mitos arredor dos protectores solares

Os expertos da pel insisten en que todas as persoas, independentemente do seu ton, deben aplicarse estes produtos durante todo o ano

Por que é necesario protexer o illote do Areoso?

A Xunta establece un máximo de 150 visitantes por día repartidos en tres quendas e limita a pesca recreativa

O ritmo ao que aumenta o nivel do mar en España duplicouse nos últimos 20 anos

Un traballo liderado polo Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC) mostra que desde 1993 sobe 2,8 milímetros cada ano