Luns 29 Abril 2024

O contrabando aniquila os cabaliños de mar en Portugal

En 2001, o investigador Miguel Correia, biólogo do Centro de Ciências do Mar da Universidade do Algarve, calculou que na Ria Formosa, un esteiro de máis de 60 quilómetros cadrados próximo á cidade de Faro, vivían 1,3 millóns de cabaliños de mar. Era unha das maiores poboacións destes peixes no mundo, e atraía a científicos e turistas que ían bucear para velos.

A poboación está composta por dúas especies, o Hippocampus hippocampus e a Hippocampus guttulatus, que é o máis abundante; ambos miden arredor de 20 centímetros. Ante tal riqueza, á Ria Formosa chegaron tamén investigadores de moitos países, como a canadiana Amanda Vincent, unha das maiores expertas mundiais no eido, que hoxe dirixe o proxecto Seahorse, un plan internacional para protexer aos cabalos de mar. É necesario prestarlles atención, xa que case todas as especies aparecen como vulnerables na lista vermella da Unión Internacional para a Conservación da Natureza.

Publicidade

Cabaliños desecados e destinados ao tráfico ilegal capturados pola Garda Civil en 2016.
Cabaliños desecados e destinados ao tráfico ilegal capturados pola Garda Civil en 2016.

Porén, desde comezos de século, aínda que con altos e baixos, a baixada no número de individuos é tan abraiante que asusta. Así, os científicos que levan anos estudando a zona e algunhas entidades, como a Fundación Océano Azul do Oceanográfico de Lisboa, advirten de que o risco de que desaparezan é bastante serio. Nunha entrevista co xornal Público, a propia Amanda Vincent, que tamén dirixe o grupo de expertos en cabaliños de mar da IUCN, era moi clara: “Se non prestamos atención aos cabalos de mar, imos perdelos”, dixo.

O peculiar da triste historia é o motivo polo que os Hippocampus da Ria Formosa están a morrer. Nin cambio climático, nin contaminación. É a pesca ilegal. Son unha presa fácil, xa se moven moi paseniño, a menos dun metro por minuto. O peculiar é o obxectivo co que se pescan, e que hai que buscar a milleiros de quilómetros de distancia. Segundo conta unha reportaxe publicada esta semana polo Expresso, hai tres anos comezaron a aparecer na zona compradores orientais interesados polos pepinos de mar (coñecidos en Galicia como carallos de mar), un invertebrado que, segundo a medicina tradicional china, cura o cancro de colon, a artrite, a impotencia ou a fatiga.

Cabaliños de mar a 4.000 euros/kg

“Os investigadores cren que unha cousa levou á outra”, di o xornal luso. “Os traficantes caeron na conta que na Ria Formosa había cabaliños de mar, aínda máis rentables e tamén utilizados polas terapias chinesas”. Un quilo pode ser vendido en orixe por 1.500 euros, e chegar aos 4.000 en China. E para acadar este volume, son precisos centos de exemplares.

Cando os científicos deron a alerta, e as autoridades percibiron que o tráfico ilegal estaba moi presente na zona, comenzouse a actuar. Sábese que hai unha rede con conexións a través de España, e que implica a pescadores locais, intermediarios españois e compradores orientais.

O problema está lonxe de solucionarse. A lei xa contempla penas e sancións para quen os pesque, pero non conseguiu frear notablemente o contrabando. En vindeiras datas, a Fundación Océano Azul publicará un informe do que xa se avanzaron algúns datos, o censo total descendeu un 80%, pero a caída na especie guttulatus é do 94%, mentres que na hippocampus é do 73%. Mentres, en Oriente, o mercado xigante da medicina tradicional devora a toda velocidade e sen base científica este curioso tesouro da evolución.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de Vigo establecerá as zonas de especial protección dos cabaliños de mar

O Instituto de Investigacións Mariñas avaliará durante dous anos o estado das poboacións salvaxes destes animais mariños no litoral español

A balea azul en Galicia: así foi o impacto das capturas no Atlántico sur de Europa

Un estudo analiza a caza baleeira en España e sinala que "a maior presenza desta especie na costa galega é o resultado de anos de protección"

Estímulos de luz e son para protexer peixes ameazados na península ibérica

Unha tese presentada no campus de Ourense polo enxeñeiro Joaquim de Jesus avalía a influencia destes estímulos no comportamento dos animais

A recuperación do lince acada un fito: máis de 1.000 individuos censados

O censo de 2020 consolida a expansión do felino, que chegou a ser un dos máis ameazados do mundo, e do que xa constan incursións en Galicia