Beatriz Míguez é a autora da tese sobre a mellora xenética dos castiñeiros. Foto: Duvi.
Beatriz Míguez é a autora da tese sobre a mellora xenética dos castiñeiros. Foto: Duvi.

Novas ideas para a mellora xenética do castiñeiro galego

Valorada pola súa produción de madeira e froito, o castiñeiro é unha das árbores máis características da paisaxe galega, cuxa supervivencia e produtividade centrou o Plan de Mellora Xenética do Castiñeiro de Galicia elaborado en 2010 no Centro de Investigación Forestal de Lourizán. Plan ao que a tese de doutoramento de Beatriz Míguez achega unha serie de melloras e cruzamentos de especies tras estudar a variación xenética en diferentes poboacións, tanto peninsulares como europeas, desta frondosa. A investigación, que por primeira vez achega información das compoñentes non aditivas na varianza xenética nesta especie, constata que, a pesares da “elevada presión exercida pola selección natural, as poboacións naturais de castiñeiro seguen mantendo un importante potencial evolutivo”, o que permite formular distintas estratexias de selección e cruzamentos para obter melloras, por exemplo, na produción de madeira, na obtención de novos portaenxertos para as plantacións de variedades de froito ou na resistencia ás secas.

Na súa tese Variabilidad adaptativa de poblaciones de castaño europeo (Castenea sativa mill) y estimación de parámetros genéticos para el desarrollo del programa de mejora genética forestal del castaño en Galicia, dirixida pola investigadora do CIF de Lourizán Josefa Fernández López e defendida na Escola de Enxeñaría Forestal, Míguez Soto aborda por primeira vez, nunha especie na que “os estudos de variación xenética adaptativa son escasos”, as súas compoñentes de dominancia e epistática, as relativas á selección de determinados clons e ao uso da silvicultura clonal. De feito, os estudos realizados ata o de agora baseábanse en “ensaios de polinización aberta”, que só permiten obter información dun dos parentais da árbore”, a diferenza dos estudos de polinización controlada realizados para esta tese no centro de Lourizán, que fan posible “obter unha información xenética moito máis completa”. Información que leva a esta investigadora propor distintas estratexias de selección para o programa de mellora da especie, as máis importantes as relativas á selección dos parentais máis eficaces á hora de “incrementar ganancias xenéticas no crecemento”, así como a proposta de varios cruzamentos de diferentes variedades con híbridos máis resistentes ás condicións do interior de Galicia.

Prantas coas que se realizaron os cruzamentos controlados de castiñeiro. Imaxe: Duvi.
Prantas coas que se realizaron os cruzamentos controlados de castiñeiro. Imaxe: Duvi.

Amplamente distribuído polas rexións mediterráneas de Europa e Asia, o castiñeiro ocupa aproximadamente 256.000 hectáreas na península Ibérica, o 70% destas situadas na zona norte. A súa distribución xeográfica discontinua e o seu “reducido fluxo xenético” facían previsible, salienta Míguez, “unha ampla diferenciación xenética entre poboacións debida a adaptacións locais”, motivo polo que o primeiro obxectivo desta tese foi facer un estudo da variación xenética existente entre e dentro das poboacións europeas e españolas para as características adaptativas relativas a crecemento, fenoloxía, conformación e supervivencia.

Con ese obxectivo, Míguez analizou, nun primeiro estudo, seis poboacións de castiñeiro españolas e outras seis europeas establecidas en plantacións da rexión atlántica galega, e, posteriormente, a resistencia a episodios de “estrés hídrico e temperatura” de diferentes poboacións españolas. Ademais de para constatar a existencia dunha “elevada diferenciación xenética entre poboacións”, estes estudos serviron á investigadora para clasificar as poboacións peninsulares en “dous ecotipos”, os das poboacións do norte e as mediterráneas, “correspondentes aos pools xenéticos Norte e Mediterráneo constatados con estudios moleculares nunha tese presentada previamente por Javier Fernández Cruz, dirixida tamén por Josefa Fernández”, explica a investigadora, que salienta que “con estes resultados, afiánzase a hipótese da existencia de poboacións conservadas de castiñeiro na Península Ibérica”.

As análises estatísticas mostran “a tendencia das poboacións norte a amosar maiores valores de mellora en crecemento e fenoloxía tardía”, mentres que as mediterráneas do sur e do centro da península “mostran mellores valores de supervivencia e un maior desenvolvemento do sistema radical en condicións de seca”. Por iso, e aínda que presentan un peor crecemento na zona norte da península, estas últimas poderían constituír, sinala a investigadora, “un importante material” a través do seu cruzamento con árbores atlánticas, para facer fronte a estes episodios.

A investigación demostrou unha importante diversidade xenética dentro das poboacións de castiñeiro

Segundo explica Míguez, “a elevada diferenciación xenética que se observa nas poboacións ibéricas do Castenea sativa responde en parte á presión exercida por unha selección natural diferencial”. Normalmente, engade, “a presión que exerce a selección natural ao longo do tempo na diferenciación das poboacións fai que a diversidade xenética dentro desas poboacións se reduza, e polo tanto, a capacidade de que sigan evolucionando”. Pero non é así no caso do castiñeiro, xa que aínda que se constata esa “clara diferenciación xenética poboacional”, a investigación amosou tamén unha “importante diversidade dentro das poboacións, moi interesante tanto para os programas de conservación como de mellora xenética”.

Nese senso, as análises estatísticas realizadas para estes dous estudos indican que existe unha “importante compoñente xenética” nas características dos castiñeiros, relativas principalmente á fenoloxía, pero tamén en crecemento, conformación e supervivencia, o que quere dicir “que son herdables”, lembra a investigadora, que apunta na súa tese as “ganancias na produción de madeira” que pode supor o uso de árbores con bo crecemento e conformación tanto para a produción de sementes como para “facer cruces controlados con outras árbores de interese, resistentes a enfermidades ou a outros factores abióticos como a seca”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.