Zophobas opacus, un dos escaravellos que se poderían empregar como biocombustible.
Zophobas opacus, un dos escaravellos que se poderían empregar como biocombustible.

Investigadores galegos estudan producir combustible con escaravellos

Unha investigación na que traballan varios científicos galegos podería abrir unha nova e interesante vía no eido dos biocombustibles. Nun traballo publicado nos cadernos da asociación Adega, un grupo de investigadores do equipo Terbipromat da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración coa empresa AA Solar Fotovoltaica, propoñen a utilización de invertebrados para desenvolver combustibles de terceira xeración.

En concreto, no artigo fálase de empregar coleópteros das familias dos tenebriónidos e escarabeidos. Os autores do traballo (Alfredo Llecha, José A. Rodríguez, Xurxo Proupín e María Villanueva) realizaron unha análise destes insectos e ás súas larvas, co obxectivo de ver as súas potencialidades como biocombustibles, e atopáronse varios resultados que reforzan esta posibilidade: os índices de iodo eran moi inferiores aos dos aceites empregados habitualmente para biodiésel. Ademais, a porcentaxe en ácidos graxos insaturados era semellante ao de outros biocombustibles.O poder calorífico era semellante, cando non superior, aos compostos tamén empregados como biodiésel.

As vantaxes de desenvolver este sistema de xeración de biocombustibles serían numerosas, segundo os investigadores: o espazo para xerar a materia prima sería moi reducido, debido ao pequeno tamaño dos insectos. Por tanto, o proceso de cría sería máis barato e sinxelo, cuns requirimentos nutricionais básicos e pouco custosos, xa que estes insectos son omnívoros.

Tamén contemplan alimentar aos escaravellos cos residuos gandeiros

Aquí xorde outro punto beneficioso, segundo os investigadores. Moitas especies da familia Scarabaeidae son coprófagas, polo que para a súa alimentación poderían empregarse os excrementos gandeiros. Deste xeito, reduciríase a cantidade de residuos que producen estas explotacións en Galicia, co conseguinte beneficio para o medio ambiente.

O círculo pecharíase utilizando como nutrientes para a industria primaria de alimentación (granxas avícolas e piscícolas) os restos dos invertebrados que non se empregasen para obter biocombustible. Sería unha masa a base de proteínas e graxa, cun alto valor nutricional e de rendemento, que xa se está a utilizar “en moitos países asiáticos”

Conclúen os autores, por tanto, que neste tipo converxerían os intereses ambientais, cunha redución da contaminación, os intereses sociais, xa que favorecerían a recuperación demográfica do rural galego, e intereses económicos, grazas ao fortalecemento do tecido produtivo, diversificando a produción.

No estudo explícase que a produción de biodiésel con invertebrados como materia prima podería reducir entre un 25 e un 80 por cento as emisións de inqueimados e partículas, CO2 e outros compostos. É tamén, polo tanto, unha nova alternativa á xeración de aceites a partir de especies vexetais, ” que aínda que se implantou con moita forza hai unhas décadas, na actualidade comeza a ter detractores a todos os niveis”.

O único obstáculo que se menciona no traballo, refírese ao seu uso como materia base para biodiésel. “De se quereren usar (para este tipo de combustible) o punto de obstrución por filtro frío, o punto de conxelación e o punto nube serían moi baixos”. Recomendan, por tanto, que se empregue o aceite directamente como combustible para caldeiras, con alto poder calorífico e sen contaminantes.

 

3 COMENTÁRIOS

  1. Gracias, Manuel.
    Síntoo. Pasei de largo a explicación na nova. Agora véxoo claro.
    É o que ten ler nun teléfono cando un está canso.
    Saúdos e parabéns pola actividade que tedes en GCiencia!

  2. Pero estamos a falar da familia Tenebrionidae ou da Scarabaeidae? Uns son detritívoros (saproxilófagos, algúns deles) e os outros, aínda que non tódolos integrantes desta familia, son coprófagos.

    • Ola Pablo,
      No artigo publicado nos cadernos de Adega fálase de ambas familias. E despois explícase que se poderían aproveitar os excrementos da industria alimentaria para dar de comer aos Scarabaeidae que se empreguen na produción de combustible.
      Agardamos aclarar as túas dúbidas. Saúdos e grazas pola túa aportación!

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.