‘Hacho’, un can único no mundo pola súa singularidade anatómica

A falta de apetencia sexual e problemas de comportamento permiten a un equipo galego identificar o primeiro cánido sen órgano vomeronasal

Susana Muñiz de Miguel, con Hacho, nas instalacións do hospital Rof Codina.
Susana Muñiz de Miguel, con Hacho, nas instalacións do hospital Rof Codina.

Hacho non só é un can de caza. Tamén é un animal único no mundo. Acaba de converterse no primeiro caso coñecido de cánido sen órgano vomeronasal, segundo recolle un artigo publicado pola investigadora Susana Muñiz de Miguel na revista VerRecord. A veterinaria está a completar a diplomatura europea en Medicina do Comportamento Animal no Hospital Rof Codina, do que tamén figuran como asinantes os investigadores da Universidade de Santiago (USC) José Daniel Barreiro Vázquez, Pablo Sánchez Quinteiro, Irene Ortiz Leal e Ángela González Martínez.

O nariz bífido, os comportamentos agresivos e unha marcada falta de apetencia sexual actuaron como indicadores que delataron o segredo de Hacho, unha mascota única por ser o primeiro cánido identificado sen órgano vomerosanal e tamén sen septum pellucidum, tal e como se coñece o fino tabique situado na parte central do encéfalo.

“O can non era capaz de durmir incluso despois de xornadas con importante actividade física”.

SUSANA MUÑIZ DE MIGUEL, titora de Hacho e investigadora da USC

A continuada observación das particularidades de Hacho por parte da súa titora, que acolleu esta este animal cando apenas contaba con catro meses e non tiña como máis referenciais que o resto de individuos da camada e a familia de Cuenca á que pertencían, propiciou que Susana Muñiz optara por someter a tratamento farmacolóxico e de conducta a súa mascota, a fin de enmendar certos comportamentos.

“O tratamento xurdiu efecto”, lembra Muñiz de Miguel, aínda que “os problemas non desapareceron por completo”, di. Tamén engade que decidiu facerlle a Hacho unha resonancia magnética e un TAC coa pretensión de ter un coñecemento máis exhaustivo respecto das posibles causas da falta de habilidades sociais de Hacho e tamén en relación á súa hiperactividade, pois “o can non era capaz de durmir incluso despois de xornadas con importante actividade física”.

Os colaboradores

Pablo Sánchez, Irene Ortiz, Ángela González e Susana Muñiz, xunto con Hacho, no Rof Codina

A realización destas probas impliciou a participación neste estudo dos investigadores do grupo de Morfoloxía Animal (Morfan) da Facultade de Veterinaria Pablo Sánchez Quinteiro e Irene Ortiz Leal, cuxas liñas de traballo prestan especial atención ao órgano vomeronasal e á comunicación a través de feromonas. Do mesmo xeito, José Daniel Barreiro Vázquez tamén colaborou en tarefas de diagnóstico por imaxe, mentres que Ángela González, unha das sete veterinarias existentes en España que conta con diplomatura europea en Medicina de Comportamento Animal e mentora de Susana, tamén colaborou guiando a Susana no caso, relata a titora de Hacho.

As achegas realizadas por todos estes investigadores, sumadas ás probas anatómicas practicadas, permitiron identificar a Hacho como o único can coñecido que carece de órgano vomeronasal, unha eiva, que, segundo subliña Susana Muñiz, non afecta ao sentido do olfacto, pero si que condiciona moitas outras das súas condutas, conclúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.