Xoves 25 Abril 2024

Estudan o declive do mexillón de río dende o Miño ao Mississippi

Dunha viaxe xorde outra. Este é o caso do investigador Noé Ferreira, do grupo de investigación de Ecoloxía Acuática. Tres presentar a súa tese de doutoramento en decembro de 2016 sobre a ameixa asiática, lanzouse a unha viaxe de varios meses arredor do mundo. Neste tempo traballou de voluntario en varios países pero tamén aproveitou as súas estadías en diferentes partes do mundo para establecer contactos científicos que agora se plasman nun novo proxecto de investigación que porá en contacto as concas dos ríos Miño, Danubio, Yangtzé e Mississippi.

Exemplares de mexillón de auga doce.
Exemplares de mexillón de auga doce.

Ata 2020, ao abeiro do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento (I2C), traballará a cabalo entre as universidades de Vigo, Oklahoma (USA) e Ovidius (Romanía) para analizar dende o punto de vista ecolóxico e social o declive das naiades nativas ou mexillóns de río e valorar a importancia da alteración das concas, da contaminación e da introdución de especies exóticas invasoras neste proceso. Ferreira explica que o seu obxectivo para estes tres anos (dous no estranxeiro e un ano en Galicia, segundo esta convocatoria) é “estudar a interacción entre Corbicula fluminea (ameixa asiática) e os mexillóns de río tanto no seu rango nativo como invasor”, de aí a necesidade de realizar experimentos e mostraxes en China, “onde analizamos a interacción entre mexillóns de río nativos e tamén a Corbicula como especie nativa” nesta conca.

Publicidade

Tras a lectura da súa tese de doutoramento, Noé Ferreira e súa compañeira Daniela Irimia embarcáronse nunha aventura que os levou, nunha primeira etapa, a Onesti (Romanía) pasando por Italia e Bélxica. Tras un tempo traballando nun orfanato como voluntarios, continuaron o seu periplo cara República Dominicana, Estados Unidos, Xapón, China, Rusia e Ucraína, “combinando o traballo como biólogo e as accións de voluntariado”.

O investigador Noé Ferreira vén de rematar a súa tese sobre a ameixa asiática

Na República Dominicana e nos Estados Unidos co apoio das cámaras de fototrampeo que viaxaron con eles en todo momento “coñecemos e demos a coñecer a través de charlas a fauna que se agochaba nos lugares que visitamos”.

Ademais, cruzaron os Estados Unidos seguindo o percorrido do primeiro ferrocarril transcontinental que supuxo o xermolo da introdución da ameixa asiática en todo en mundo.

Segundo explica Ferreira, “a necesidade de man de obra barata para construílo, sumada ao fin da escravitude e ao descubrimento de ouro na costa oeste, levou a milleiros de chinos a desprazarse ao continente americano levando a esta especie consigo como alimento a finais do século XIX e comezos do XX”.

Tras o paso por EEUU, a parella desprazouse a Asia, para coñecer o hábitat natural desta ameixa (invasora noutros ecosistemas) e a súa explotación como recurso “que se ten proposto en terras galegas como estratexia de control das poboacións, freada tanto por impedimento legal como por falla de coñecemento científico sobre o impacto desta posible explotación”.

Os contactos establecidos neste tempo servíronlle a Noé Ferreira para sentar as bases deste proxecto de posdoutoramento que xa está a realizar nas universidades de Vigo, Oklahoma e Ovidius, e para o que contará tamén co apoio do National Mississippi River Museum & Aquarium (USA) e das universidades da República (Uruguai), do Algarve (Portugal) e de Nanchang (China) para atallar o declive dos mexillóns de auga doce nativos e a introdución de especies invasivas.

De feito, na súa tese de doutoramento, dirixida pola catedrática Isabel Pardo, no Laboratorio de Limnoloxía do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal, centrouse na análise dos factores ambientais que determinan o éxito invasivo da ameixa asiática pero abarcando tamén a dimensión social das invasións biolóxicas e a adaptación da fauna nativa a este novo recurso alimenticio como unha forma de resistencia do ecosistema á chegada de novas especies.

Ademais do traballo científico que se levará a cabo principalmente nas concas do Mississippi, do Yangtzé, do Danubio e do Miño, o proxecto de investigación individual de Ferreira contén accións de transferencia de coñecemento grazas á colaboración directa co National Mississippi River Museum & Aquarium e indirectamente cos zoos-acuarios de Minnesota and the Columbus para atallar o declive dos mexillóns de auga doce nativos e pór en práctica accións de educación ambiental que freen a introdución e dispersión de especies invasoras de auga doce.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

Os bioplásticos e polímeros sintéticos teñen realmente capacidade de biodegradación?

O proxecto Polbio nace para determinar se este proceso pode ter algún efecto tóxico en ambientes terrestres e acuáticos