Científicos de Vigo participan nunha expedición sobre contaminantes na Antártida

Partiron hai poucas horas do porto arxentino de Ushuaia a bordo do buque Hespérides, no que tomarán mostras de auga e aire no océano austral

Un obxectivo: analizar o impacto dos contaminantes de orixe humana na Antártida. Tres nomes: Cristina Sobrino García, docente do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal, Antonio Fuentes e Paulo Alcaraz Rocha, técnicos do Centro de Investigación Mariña Mariña (CIM). Estes investigadores da Universidade de Vigo (UVigo), xunto a científicos do CSIC, están a participan na expedición Antom-II, que partía nas últimas horas do porto arxentino de Ushuaia, a bordo do buque de investigación oceanográfica Hespérides, desde onde tomarán, no océano Austral, mostras de auga e aire para analizar a contaminación antropoxénica. Os resultados do estudo, que se realizou o ano pasado por vez primeira, axudarán a entender que efectos teñen estes contaminantes químicos nos ecosistemas antárticos.

Os obxectivos do proxecto

“O proxecto Antom ten como obxectivo estudar o efecto dos contaminantes emerxentes e compostos orgánicos semivolátiles antropoxénicos sobre o medio e organismos mariños, e entre estes últimos, o proxecto céntrase no efecto sobre os organismos microscópicos, nomeadamente, fitoplancto e bacterioplancto“, sinala Sobrino, que explica que os investigadores da UVigo son os responsables do estudo destes compostos de orixe humana sobre a abundancia, composición e metabolismo do fitoplancto. “Estes resultados son altamente importantes xa que o fitoplancto, a pesar do seu pequeno tamaño constitúe a base da cadea trófica mariña e forma parte activa do ciclo global do carbono, captando CO2 atmosférico e contribuíndo con isto á regulación do clima no planeta”, detalla a investigadora da UVigo.

Publicidade

“O fitoplancto, a pesar do seu pequeno tamaño, constitúe a base da cadea trófica mariña”

A expedición navegará a bordo do Hespérides ata o mar de Bellinghausen na Antártida, onde, durante un mes, o persoal investigador traballará para saber “que efectos ten a materia orgánica de orixe humana nas comunidades microbianas da Antártida e avaliar a capacidade que teñen as bacterias para degradar este contaminantes”, sinala o coordinador do proxecto e investigador do IDAEA-CSIC, Jordi Dachs. Antom-II dá continuidade ao estudo iniciado en decembro de 2020 desde o porto de Vigo, no que se recolleron mostras de aire e auga no océano Atlántico para determinar como se transportaban os contaminantes químicos ata o océano Austral.

Unha nova campaña marcada pola Covid-19

Ao igual que sucedeu na primeira expedición Antom, a Covid-19 condicionou esta campaña que acaba de comezar. “Nas campañas antárticas, xa de por si, os requisitos médicos son máis estritos que no resto de expedicións debido á singularidade, perigosidade e afastamento da zona de estudo. Todos os participantes tiveron que superar unha esixente revisión médica e, por suposto, presentar a pauta completa de vacinación Covid (a maiores doutras como tétano, tifo e hepatite)”, enumera Sobrino, que agradece o papel do Servizo Médico da UVigo que os axudou en todo o proceso. “A todo isto, cómpre engadirlle o tempo de corentena previo ao embarque en Ushuaia”, engade a investigadora, que, “desgraciadamente debido a outras responsabilidades profesionais” colaborará na campaña desde terra.

Publicidade

Ao igual que a primeira expedición, a pandemia condicionou esta campaña

Pola súa banda, “Antonio e Paulo estiveron en Ushuaia facendo a corentena antes de embarcar nas últimas horas no Hespérides. Ademais só contabamos con dúas prazas para a UVigo no buque e despois do esforzo que fixeron en Antom I, merecían facer a súa primeira campaña antártica. Van moi ilusionados”, explica Cristina Sobrino, que xa estivo en catro ocasión na Antártida.

Valoracións da primeira expedición

Cando se cumpre un ano da realización da primeira expedición, a investigadora da UVigo sinala que aínda é cedo para falar de resultados definitivos de Antom-I. Non obstante, avanza que “a análise preliminar que puidemos facer dos resultados da campaña, amosa que obtivemos moi bos datos cos que poder traballar e obter conclusións relevantes sobre a interacción entre o fitoplancto mariño e os contaminantes emerxentes, pero aínda nos queda pór os resultados en común co resto de participantes para poder obter unha visión global e polo tanto máis completa”.

Para Cristina Sobrino a valoración da primeira campaña é, polo tanto, “moi boa a nivel de resultados e excelente desde o punto de vista da participación da UVigo. Cónstame que Antonio e Paulo traballaron duro e desenvolveron un papel moi importante e proactivo dentro do grupo”, confirma a investigadora, que considera que traballar na Antártida sempre é un reto polas condicións meteorolóxicas que cambian rapidamente, ao que se lle engade que actividade biolóxica nesta época do ano é moi intensa, “polo que é moi probable que cada estación sexa un mundo diferente con novas situacións técnicas e científicas ás que enfrontarnos”, explica.


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Campaneiro, coroceiro e muiñeira: unha exposición retrata profesións galegas tradicionais en desaparición

A mostra foi elaborada por máis de 30 estudantes e poderá visitarse no Museo Etnolóxico de Ribadavia ata abril de 2027

A UDC mide por primeira vez como cristalizan en décimas de segundo os polímeros semicondutores

O traballo desenvolve unha metodoloxía que permite calcular nun único experimento un proceso clave para fabricar materiais destinados á electrónica orgánica e ás células solares

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Un proxecto con participación galega estuda novas formas de radioterapia contra os tumores cerebrais

InnovaRTBRAIN investiga tratamentos máis eficaces e seguros fronte ao glioma, un dos cancros do cerebro máis agresivos e complexos