Chega o espectáculo da choiva de estrelas das Líridas

As partículas que deixou o paso do cometa Thatcher xa están a impactar contra a atmosfera da Terra

Chega o espectáculo da choiva de estrelas. Dende o 16 ata o 25 de abril poderemos gozar deste fenómeno: as Líridas. Os ceos despexados previstos en Galicia para a fin de semana favorecerán a vision e na noite do luns 22 chegará o máximo de actividade, cuns 20 meteoros/hora, aínda que en ocasións anteriores sorprendeu con máximos de máis de 100.

O mellor momento para observar este espectáculo será cando se levante sobre o horizonte o punto do que parecen proceder os meteoros vistos desde a nosa perspectiva. A este punto denomínaselle ‘radiante’ e está situado na constelación de Lira, de aí o nome da choiva.

Publicidade

Para localizar o radiante, abonda con atopar a estrela Vega, a segunda máis brillante do hemisferio Norte. Aínda que o radiante é o punto do que parecen radiar, non se recomenda mirar cara el xa que hai maiores posibilidades de gozar da choiva se miramos ao seu redor.

As líridas prodúcense cando as milimétricas partículas de po que deixa ao seu paso o cometa Thatcher ( C/1861 G1) son atraídas pola gravidade terrestre e entran en contacto coa nosa atmosfera á incrible velocidade de 175.000 km/ h (49 km/s).

Publicidade

Fin-de-semana-de-Liridas-la-lluvia-de-estrellas-de-abril_image_380

Os meteoroides, que así se chaman estas partículas, quéntanse de tal forma que entran en ignición, pulverizándose e producindo o fenómeno lumínico chamado meteoro. Se algún fragmento de meteoroide logra impactar contra o noso planeta, estariamos a falar entón de meteorito. Como o tubo de residuos, ou tubo meteórico, está fixo no sistema solar e a Terra vira arredor do Sol cun período constante, sempre o atravesamos nas mesmas datas, de aí a periodicidade anual de todas as choivas de meteoros.

Para gozar do espectáculo é necesario contar coa maior amplitude de campo posible, por tanto, o mellor xeito de disfrutar do espectáculo é facelo a simple vista observando aredor do radiante. Ademais, e como en todas as observacións astronómicas, aconsellamos afastarse da cidade para observar o maior número de meteoros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

En 2025 rexistráronse 14 bólidos sobre o ceo de Galicia

A lista recompilada pola rede de investigación SPMN sinala outubro como o mes con máis observacións

Detrás do ‘biotech’ galego

Unha xornalista de GCiencia viaxa a Bilbao con motivo de BioSpain 2026. Por Andrea Veiga

Así é ImageDataSpace, a rede galega de imaxes médicas para acelerar a investigación e o diagnóstico

A iniciativa conecta centros, universidades e profesionais sanitarios para desenvolver novos algoritmos baseados en IA en cardioloxía, anatomía patolóxica e oftalmoloxía

Galicia presenta no Parlamento Europeo unha ferramenta pioneira para avaliar o uso do galego na IA

O Proxecto Nós, impulsado pola USC, amosa os resultados iniciais de “Arena Nós”, que analiza como os grandes modelos comprenden, xeran e representan a lingua