Xoves 25 Abril 2024

Bandadas de estorniños: así se explica un dos máis fermosos espectáculos da natureza

Observar aos estorniños lanzarse en picado e debuxar formas no ceo é un verdadeiro espectáculo nas xélidas e escuras noites de inverno.

*Artigo publicado en

Observar os estorniños lanzarse en picado e debuxar formas no ceo é un verdadeiro espectáculo nas xélidas e escuras noites de inverno. En todo o mundo, estes paxaros demostran a súa axilidade en bandadas, levando a cabo coreografías executadas en perfecta  sincronía. Non podemos evitar preguntarnos como fan para non chocar entre eles e, sobre todo, por que realizan tal exhibición aérea.

Publicidade

Hai case un século, na década de 1930, un destacado científico manifestou que os paxaros debían ter poderes psíquicos para poder voar en bandadas. Afortunadamente, a ciencia moderna está en disposición de ofrecer explicacións máis axustadas á realidade.

Para entender o que fan os estorniños debemos remontarnos a 1987, cando o informático teórico Craig  Reynolds desenvolveu un simulador de bandadas de paxaros. Os  boids, nome que  Reynolds outorgou ás criaturas, seguían tres simples regras para crear os seus patróns de movemento: os paxaros máis próximos afastaríanse, aliñarían a súa dirección e igualarían a súa velocidade, e os máis afastados achegaríanse.

Algúns destes patróns utilizáronse para crear grupos de animais en películas. Por exemplo, en  Batman  Returns, as  bandadas de morcegos e o “exército” de pingüíns foron deseñados grazas á tecnoloxía. Este modelo non requiría unha guía de longo alcance nin poderes sobrenaturais, senón que bastou con interaccións locais. O programa de Reynolds demostrou que era posible recrear o voo das  bandadas se a simulación seguía regras sinxelas, achegándose de maneira case exacta aos grupos de aves que se poden observar na natureza.

A partir de aí, abriuse un mundo de posibilidades na simulación de movementos de animais. En 2008, un grupo de científicos italianos gravou o voo dunha bandada de estorniños preto da estación de tren de Roma para, a continuación, reconstruír as súas posicións en 3D e mostrar as regras que seguían as aves. Os investigadores pescudaron que os estorniños buscaban imitar a dirección e velocidade dos sete paxaros máis próximos, e non de todos os que tiñan preto, como se cría.

Cando observamos unha bandada que se move en forma de ondas ou debuxan fermosas e diversas figuras, podemos chegar a pensar que as aves desaceleran e se xuntan, ou ben que imprimen unha maior velocidade ao seu voo e sepáranse. Nada máis lonxe da realidade; os modelos científicos aseguran que os estorniños voan ao mesmo ritmo durante estes espectáculos aéreos. Esta percepción prodúcese cando vemos á  bandada, en tres dimensións, a través da nosa visión  bidimensional do mundo.

Grazas ao traballo realizado durante décadas por informáticos teóricos, físicos teóricos e  etólogos, podemos comprender como se crean as  bandadas. Pero indo alén, interésanos saber por que se forman e, sobre todo, por que se desenvolveu este comportamento nos estorniños.

A calor da bandada dos estorniños

Unha explicación sinxela é a necesidade das aves de quentarse durante o inverno. Os paxaros reúnense en sitios cálidos para poder manterse con vida. Os estorniños poden xuntarse en lugares tan diversos como canedos, matos densos ou estadas, en volumes de máis de 500 paxaros por metro cúbico, formando en ocasións enormes agrupacións de varios millóns de exemplares. Unha concentración tan alta de aves resultaría  tentadora para os seus depredadores, polo que voar en masa debuxando remuíños no aire crea unha confusión que evita que ningún estorniño sexa cazado.

Con todo, os estorniños a miúdo trasládanse decenas de quilómetros, consumindo nestes desprazamentos a enerxía que poderían aforrar se descansasen en lugares cálidos e próximos. Por tanto, vendo o esforzo colosal que realizan, a súa motivación non parece ser gozar dunha temperatura agradable.

A formación das bandadas podería deberse á seguridade que se proporcionan uns a outros ao voar xuntos, e de aí xorde outra idea igual de curiosa: quizais os paxaros se agrupen para poder compartir información acerca de onde hai alimentos.

Esta “hipótese do centro de información” explica que cando o sustento é difícil de atopar, a mellor solución a longo prazo é a posta en común de información entre todos os individuos. Da mesma maneira en que as abellas comparten a localización das flores, as aves que atopan comida un día e o transmiten aos seus semellantes veranse beneficiadas en futuras ocasións. Esta conxectura amosa algunhas eivas, xa que os estorniños permanecen por miles nos refuxios cando a comida é escasa, polo que non se pode probar esta hipótese.

Nas últimas décadas, o noso coñecemento sobre os movementos en grupo dos animais aumentou considerablemente. O seguinte reto ao que xa nos enfrontamos é entender as presións evolutivas e  adaptativas que provocaron o comportamento dos estorniños, e a función que poderían cumprir na conservación da especie a medida que estas presións van mudando.

Ademais, quizabes podamos aproveitar o noso coñecemento para mellorar o control autónomo dos sistemas robóticos. Incluso quen sabe se no futuro os coches automáticos imitarán durante as horas punta o comportamento das  bandadas de paxaros.

 

*A. Jamie Wood e Colin Beale son investigadores da University of York.

Cláusulas de divulgación:

A. Jamie Wood recibiu fondos da Royal Society para as súas investigacións relacionadas con este artigo e recibe fondos doutros organismos para proxectos non relacionados.

Colin Beale recibe fondos do Natural Environment Research Council e de varias ONG relacionadas coa investigación para a conservación do medio ambiente no Reino Unido e no estranxeiro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos
00:03:09

As patacas teñen lingua propia: o vídeo dunha galega finalista nun certame de divulgación

A investigadora da Misión Biolóxica de Galicia Lucía Martín Cacheda presenta unha peza audiovidual sobre a comunicación química das plantas

A eternidade por fin comeza un luns

Artigo gañador da VI edición do IGFAE C3, o concurso de comunicación científica do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías
00:05:26

Gciencia fai 10 anos

O portal da ciencia culmina dez días de celebracións polo seu décimo aniversario