Na mitoloxía grega, Narciso era un mozo de gran beleza que morreu afogado nun río tras quedar absorto co reflexo da súa propia imaxe. De aí vén o ‘narcisismo‘. En botánica, o narciso fai xustiza ao mito porque é unha planta espectacular, con flores moi fermosas. Ademais, moitas especies cheiran moi ben. E algúns expertos sospeitan que por isto o seu nome provén do grego ‘narkao‘, de onde tamén deriva ‘narcótico’.
Dende este mes, hai unha nova especie de narciso. E é galega. Trátase do Narcissus x Dezanus, que ten un apelido derivado da bisbarra do Deza, onde foi atopado por dous científicos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán.
Os investigadores Xosé Ramón García Martínez e Francisco Javier Silva-Pando, naturais de Vigo e de Vilagarcía, publicaron o seu achado na prestixiosa revista “Candollea“, despois de facer o descubrimento no municipio de Rodeiro e incorporar a peza ao herbolario de Lourizán.
O Narcissus x Dezanus só florece en primavera e, como os da súa especie, é de gran beleza. “Caracterízase polos tépalos patentes, coroa cilíndrica non constrinxida no centro e escasamente expandida no ápico, este último dentado,” definen os autores. Ten un parente próximo que é asturiano, o Narcissus asturienses, pero diferénciase del “polo seu maior tamaño, tépalos patentes, menor diámetro da coroa, extremo desta algo máis expandido e dentes de menor tamaño,” explica Silva-Pando.
Como curiosidade, encontráronse nas illas británicas narcisos similares a este galego. Segundo explican na propia investigación, moitos bulbos de narciso foron exportados a Inglaterra no século XIX para saciar a proverbial afección dos ingleses pola xardinaría. Están descritas expedicións de botánicos ingleses recollendo bulbos indisciminadamente por toda Galicia. As hibridacións daqueles narcisos galegos deron lugar a variedades que hoxe no Reino Unido son moi parecidas ás orixinais.
Podes ler o artigo científico
neste enlace coa revista Candollea