Sábado 20 Abril 2024

Ricardo Domínguez: “O cine axuda a reflexionar sobre a relación que imos ter coa robótica”

A ciencia-ficción é un dos xéneros clave na historia do cinema. E cos enormes avances tecnolóxicos das últimas décadas, a sétima arte deu tamén un paso máis á hora de abordar esta temática. Como podería ser no futuro a nosa relación coa robótica. Podería pasar que fagamos robots demasiado intelixentes? Ata que punto domina a tecnoloxía as nosas vidas? Este venres 19 e sábado 20, na Domus da Coruña, hai unha boa ocasión para reflexionar. Celébrase a alí o ROS (Robotic Online Short) Film Festival, un proxecto impulsado por Ricardo Domínguez a partir da súa empresa El Caleidoscopio, unha iniciativa para comunicar a I+D desde un punto de vista diferente e ameno.

– Como xorde RosFilm?

Publicidade

– Nace a partir dos proxectos educativos e divulgativos de El Caleidoscopio. Un deles era o de obradoiros de teatro robótico en centros de ensino. Ensinábamos aos profesores, para que logo eles ensinaran aos alumnos, a programar un robot para facer unha obra de teatro con el.

Unha vez consolidamos o proxecto, quixemos medrar superando as barreiras xeográficas que tiñamos. Pensamos entón en facer un festival en liña de curtametraxes, no que se puidera presentar xente de todo o mundo.

Puxémolo en marcha e no primeiro ano xa participaron 50 pezas de 17 países; e no segundo ano foron xa case 200 de preto de 30 países.

– A ciencia ficción nunca deixou de estar de moda.

– É un formato que estivo sempre aí desde o comezo do cine. E a robótica, dentro dela, ten tamén moita historia cinematográfica: Star Wars, 2001: Unha odisea do espacio, Blade Runner, en todas elas aparecen robots. Hoxe en día houbo un bum, e chega a moita xente. O Ros Film non é un festival para frikis, é para todos os públicos.

– Que se vai poder ver na Coruña?

– O venres proxectaremos curtas da primeira edición, e o sábado, da segunda. Haberá obras das dúas categorías oficiais do festival: unha é con robots reais, na que as curtas son historias de ficción, pero feitas con robots que existen de verdade; e por outra banda, hai outra sección con robots de ficción, que son os que saen normalmente no cine: persoas caracterizadas como androides, filmes en animación ou 3D, disfraces, marionetas, ou unha simple voz, como HAL 9000.

E despois de cada unha das proxeccións faremos un pequeno debate. O venres falarei eu, coa charla A quen lle importan os robots? na que faremos un panorama a nivel estatal dos axentes involucrados na investigación en robótica e a súa divulgación; e o sábado falará Ángeles Gómez, do programa de RNE Ciencia y Acción, que falará sobre a presenza de robots no cine.

E tamén o sábado pola mañá temos os obradoiros de teatro robótico, nos que ensinaremos, nun par de horas, a programar un robot para facer unha pequena representación teatral

– É unha mostra de que o cine tamén pode ser divulgación?

– Si, pero ademais de divulgar os últimos avances en robótica, o cine tamén serve para reflexionar como queremos que sexa a robótica no futuro, e a relación entre ela e a sociedade. Fainos pensar tamén en ata que punto as nosas vidas están determinadas pola tecnoloxía, e se somos  capaces de construír o noso futuro ou xa non temos nada que facer. As curtametraxes crean, sobre todo, escenarios posibles de como vai ser esa relación. E así xérase o debate e a reflexión.

– Hai un conflito permanente, incluso medo ao que pode pasar.

Con isto pasou algo bastante curioso no festival. Este ano, ao recibir tantas propostas, apareceron espontáneamente novas categorías que nun principio non contemplamos facer. Unha delas chamámola Dystopic Futures: son propostas que non amosan robots como tal, pero si que presentan historias sobre moitas ‘apps’ inquietantes ou un futuro moi influído pola tecnoloxía.

Programa do Festival Ros de Cine Robótico

Venres 19, ás 18.30: proxección de curtas do ROS Film Festival I. A continuación, charla debate “¿A quién importan los robots?“, coa intervención de Ricardo Domínguez. Para todos os públicos. Entrada libre ata completar capacidade.

Sábado 20 ( 10:30, 12:30 e 16.00 horas): Obradoiros de teatro robótico, dirixidos a persoas de 10 a 18 anos.

Ás 18.30: Proxección de curtas do ROS Film Festival II. A continuación, charla debate Robots en la gran pantalla, coa intervención de Ángeles Gómez. Para todos os públicos. Entrada libre ata completar capacidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos
00:03:09

As patacas teñen lingua propia: o vídeo dunha galega finalista nun certame de divulgación

A investigadora da Misión Biolóxica de Galicia Lucía Martín Cacheda presenta unha peza audiovidual sobre a comunicación química das plantas

O planetario da Casa das Ciencias estrea unha proxección para público infantil

Un filme con dous esquíos como protagonistas ensinaralle os nenos de 4 a 7 anos as condicións de vida doutros planetas do sistema solar

A eternidade por fin comeza un luns

Artigo gañador da VI edición do IGFAE C3, o concurso de comunicación científica do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías