Sábado 30 Marzo 2024

“A moita xente preocúpanlle cousas polas que non hai que preocuparse”

Unha entrevista de Laura García Merino / Agencia Sinc

Hai que tomar o zume acabado de esprimir, que se non, márchanlle as vitaminas”. Deborah García Bello (A Coruña, 1984) sabe hoxe que o vello consello da súa avoa non era verdade. Tamén descubriu que beber zumes de froitas non é tan saudable como nos contaron. Aínda así, esta licenciada en Química confesa que segue almorzando zume cada mañá, pero non se engana pensando nas súas propiedades nutritivas; tómao porque lle encanta.

Publicidade

Con esta declaración comeza o segundo libro de Deborah García Bello: Que se lle van as vitaminas!, no que analiza mitos pseudocientíficos que, de tanto repetirse, pasaron ao imaxinario popular. A divulgadora galega utiliza todas as canles ao seu alcance para facer que a xente se cuestione as verdades aceptadas. Ademais de escribir no seu blogue dimetilsulfuro.es e do libro Todo é cuestión de Química, polo que recibiu o Premio Prismas de Divulgación 2017, desde hai un ano é unha das youtubers científicas máis populares de España.

– En Que se lle van as vitaminas! desmitificas falsas crenzas. Algunhas son inofensivas, pero ata que punto poden prexudicar a vida dunha persoa?

“As falsas crenzas poden ter consecuencias moi graves”, di Deborah García

– Poden ter consecuencias moi graves. Por exemplo, se te estás tratando un cancro cun tratamento médico duro, como unha quimioterapia, podes chegar a pensar que é demasiado doloroso e pensar en expoñerte a unha terapia alternativa que se cadra mesmo acaba contigo.

– As persoas que ofertan tales tratamentos realmente cren na súa eficacia?

– Tratan de convencerche a través de terminoloxía científica sen sentido. Quen oferta pseudoterapias aprovéitase da falta de cultura científica e da debilidade dos enfermos. É xente mala. Pero tamén hai persoas que si cren na súa eficacia e recoméndano crendo que están a axudar aos seus amigos ou familiares, cando non lles están facendo ningún ben.

– Cales foron os teus criterios para elixir as crenzas populares que refutas no libro?

– Son cousas que a min no seu momento fixéronme dubidar e preguntarme: “isto realmente será así?”. Non hai que ser un escéptico recalcitrante que pensa que todo é mentira e que todo o mundo quere facer o mal.

– Na introdución do libro e cun exemplo tan familiar como o do zume de laranxa, falas de “coñecer antes de escoller”. Decides quedar co teu zume aínda sabendo que non é saudable. A lectura do teu libro pode axudar á toma de decisións diarias?

– Si, sen dúbida. Cando tomas unha decisión, o importante é que saibas por que a tomas. No caso do zume, que pesa máis? No meu caso, o pracer, porque está moi rico! Non podo bebelo polos seus beneficios para a saúde, porque o estaría xustificando de forma errónea. Outro mito: o da copiña de viño diaria. É boa para a saúde? Pois non. Vou deixar de tomarme unha copa de viño o venres pola tarde? Pois tampouco, porque me gusta.

– Existe a crenza de que os remedios caseiros son os mellores para multitude de problemas, como o coidado dos dentes e o tratamento da acne. É outro mito que se debe romper?

– Si, porque moitos non son inofensivos. Por exemplo, cando tes un verdadeiro problema de acne e ocorrer a brillante idea de facerche unha máscara con mel, iogur e vai ti a saber que, estás a alimentar á bacteria que o ocasiona. O problema empeora. Sucede igual ao lavar os dentes con bicarbonato para branquealos. Por un día non pasa nada, pero se o fas habitualmente tes que saber que estás a limar o propio esmalte dental e que este non se vai a rexenerar. A consecuencia é a sensibilidade dental. Podes acabar cos teus dentes.

– Por que a xente relaciona o adxectivo ‘químico’ con tóxico ou prexudicial para a saúde?

– Non o sei. É a gran pregunta. Por que convertemos unha palabra en algo malo? Ademais, química é absolutamente todo! Eu creo que nesta relación hai varios factores. Por unha banda, o sistema educativo. A química cóntasenos como unha cousa rara que se fai no laboratorio, e a táboa periódica como uns elementos que hai non se sabe moi ben onde. Non che din que ata a túa pel está formada por átomos de elementos. E, doutra banda, están as noticias relacionadas con fugas de substancias tóxicas. Para nomealas sempre se utiliza a palabra ‘químico’ e iso fainos relacionala con catástrofes.

– Ao falar das populares cremas faciais de baixo custo, pos en dúbida os seus beneficios porque están formuladas sen o respaldo dun investimento en investigación. Que supón isto?

Deborah cre que “as cremas de baixo custo supoñen que non haxa ningún tipo de innovación”

– Supón que non haxa ningún tipo de innovación. As cremas de baixo custo de grandes superficies viven de compoñentes que algúns laboratorios estudaron no seu día e patentaron. Estas patentes caducaron e quedaron libres para o seu uso en calquera cosmético. As empresas que as utilizan teñen un formulador que sabe que mesturar para que a crema teña o efecto que anuncia. Pero nun laboratorio cosmético, ademais, investíganse novas moléculas. Aínda así, son seguros os produtos baixo custo? Si, son todos seguros, pero para ter eses prezos, non adoitan levar as moléculas máis caras. É o caso do ácido hialurónico de alto e baixo peso molecular. O primeiro é barato e utilízase para hidratar porque ao ser moi grande non se absorbe; mentres que o segundo é moito máis caro de producir e si ten penetración. É este último o que podemos atopar nas cremas de marcas que invisten máis en investigación.

– Existe polémica arredor do aceite de palma. É un problema para a saúde do consumidor?

– A metade do aceite de palma é palmítico, un ácido graxo saturado. O aceite de palma non é un problema de saúde para o consumidor, polo menos, non en si mesmo. Consumimos moi pouco aceite de palma porque non fritimos nin aderezamos a ensalada con el. Pode ser problemático porque a maioría das graxas saturadas están relacionadas con problemas cardiovasculares. E onde atopas este aceite? Nos alimentos ultraprocesados; por exemplo, moitos snacks levan aceite de palma. Pero é que ademais levan fariñas refinadas, alto nivel de sal, azucre… todo o malo nun só alimento. Os leites infantís tamén levan aceite de palma, pero hai unha boa razón: que o leite materno tamén ten esa graxa saturada, e o leite infantil debe parecerse a ela o máximo posible.

– En moitas das explicacións que dás introduces a túa propia experiencia como fío condutor. Cal é o obxectivo?

– O meu obxectivo é facer ver á xente que dubidar sobre determinadas cousas é normal. A calquera nos poden enganar. Podemos estar profundamente equivocados durante un tempo e chegar á verdade investigando. Por iso acabo así o libro: vive tranquilo, non hai tantas pantasmas. A moita xente preocúpanlle cousas polas que non hai que preocuparse. A alimentación é máis segura que nunca, o sistema sanitario funciona cada vez mellor, temos avances en medicina, en controis de seguridade de cosméticos… E aínda así, dá a sensación de que estamos preocupados.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:05:00

O amor, unha cuestión de química?

Substancias químicas como a dopamina espertan o desexo que podemos sentir por alguén, pero só uns vínculos profundos garanten unha relación duradeira

Cinco libros para agasallar ciencia este Nadal

Unha listaxe con opcións para adultos e nenos que mostra o mundo científico e a súa historia en lingua galega

A eternidade por fin comeza un luns

Artigo gañador da VI edición do IGFAE C3, o concurso de comunicación científica do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

Altofalantes da lingua e da ciencia

Estimados colegas e amigos de Gciencia: Antes de nada, gustaríame darvos os...