Publicidade

Un sensor para detectar metilmercurio en peixe e marisco

A detección de metilmercurio, unha potente neurotoxina que afecta ao cerebro e ao sistema nervioso central e que se atopa presente en certos peixes e mariscos, requiría ata o de agora de métodos complexos e de alto custo, pero isto pode empezar a mudar grazas á posta en marcha por parte de investigadores da Facultade de Química dun novo nanosensor que, en combinación cun microfluorospectrómetro de fibra óptica, permite a medición deste composto tóxico no propio barco, facilitando así o control de peixe contaminado.

Isabel Costas, Vanesa Romero, Isela Lavilla e Carlos Bendicho, membros do Departamento de Química Analítica e Alimentaria, son os artífices deste novo nanosensor, polo que xa se interesaron varias empresas do sector, segundo informa o Duvi. O traballo, que leva por titulo In situ building of a nanoprobe based on fluorescent carbon dots for methylmercury detection foi publicado na edición do pasado mes de maio da revista internacional Analytical Chemistry, editada pola American Chemical Society, publicación que posúe o maior índice de impacto da especialidade.

Publicidade

“O nanosensor contribuirá a un mellor, máis económico e máis rápido control”, din os investigadores

A crecente incorporación de mercurio no medio ambiente a través de diferentes actividades (centrais termoeléctricas, combustión de residuos, etcétera), está a producir un progresivo incremento do contido de metilmercurio en peixe, “creando un problema de saúde con enormes repercusións económicas nun sector tan importante como o pesqueiro”, recalcan os investigadores, que inciden en que o beneficio do consumo de peixe pola presenza de ácidos grasos omega-3, esenciais para o desenvolvemento cerebral en nenos, así como para a protección do sistema cardiovascular en adultos, pode verse gravemente contrarrestado pola presenza de altas concentracións de metilmercurio.

“Na actualidade os laboratorios controlan os niveis totais de mercurio no peixe, pero non se está medindo o contido de metilmercurio”, subliña Carlos Bendicho, que fai fincapé en que é necesario introducir no control analítico a detección desta neurotoxina, por ser a especie química de mercurio máis acumulativa e perigosa. “Neste contexto cremos que este novo nanosensor pode contribuír a un mellor, máis económico e máis rápido control do metilmercurio”, recalca a investigadora Isabel Costas, que está a realizar a súa tese de doutoramento en Ciencia e Tecnoloxía Química ao abeiro deste proxecto de investigación, financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade.

O modelo desenvolto en Vigo está baseado na diminución da fluorescencia que experimentan as nanopartículas fluorescentes de carbono (carbon nanodots). As nanopartículas de carbono son sintetizadas mediante a acción dun campo ultrasónico sobre unha disolución de frutosa en presenza dun estabilizante orgánico.

“O mecanismo de recoñecemento selectivo aproveita precisamente a capacidade do metilmercurio de atravesar o recubrimento do estabilizante orgánico utilizado na síntese das nanopartículas alterando as súas propiedades fluorescentes”, indica Bendicho, que explica que a instrumentación analítica dispoñible ata o momento para medir o mercurio require dunha instalación nun laboratorio en terra e non están adaptados ao traballo in situ no propio barco, o que se coñece como instrumentación centralizada, un aspecto que si facilita o novo nanosensor.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que comen as baleas galegas? Isto revela un novo estudo

Un estudo da Universidade de Aveiro e de centros de investigación de Galicia apunta a que os rorcuais consomen ata 67 quilogramos de peixe ao día

Como fomenta Galicia o emprendemento rural a través dun proxecto europeo

Feuga formou parte da iniciativa que reuniu a 158 grupos de interese de España, Países Baixos, Malta e Turquía

Tecnoloxía da UVigo para garantir o benestar dos peixes de acuicultura antes do sacrificio

O proxecto, en colaboración co Cetga, busca mellorar as técnicas de atordamento nos linguados para conseguir unhas técnicas máis éticas

O marisqueo a pé, un paradigma da sostibilidade

As pegadas de carbono e hídrica desta actividade son moi baixas a causa da súa natureza puramente artesanal