Un galego, referencia internacional na divulgación da enxeñaría mariña

Cando Roberto García Soutullo chegou en 2012 á Escola de Náutica e Máquinas da Coruña, viu que tería que facer un esforzo extra para poñerse ao nivel de coñecementos dos seus compañeiros, case todos con aprendizaxe previa no sector ou ben de familias moi vinculadas ao mar. Para reducir esa fenda, decidiu aplicarse e empezou a plasmar nun blog os contidos dos temas que ía aprendendo nas clases. Aqueles foron os primeiros pasos de ingenieromarino.com, un portal que hoxe é unha referencia en España e Hispanoamérica na divulgación da enxeñaría mariña, con máis de 50.000 seguidores e millóns de lectores de 170 países. Polo medio hai un camiño de moita aprendizaxe, traballo e boa visión.

Mentres estudaba a carreira, Roberto foi abríndose paso nos en colectivos relacionados coa mariña mercante. Na escola coruñesa formou parte da asociación de alumnos e coordinou o grupo de motores, converteuse no delegado en Galicia da asociación de profesionais da mercante, e desde aquí traballou para mellorar as condicións laborais do sector. Tamén subiu a bordo do Juan de Lángara, o único barco escola español na Tall Ship Race e como voluntario na carabela Boa Esperança. Foron actividades que “reforzaron a miña personalidade e a vontade de converter ingenieromarino.com nunha web de formación e apoio a profesionais de todo o mundo”.

Portada de ingenieromarino.com.
Portada de ingenieromarino.com.

A medida que enchía de contidos o blog, ían chegando as boas sensacións desde o outro lado da pantalla. “Lembro que me emocionaba moito recibir comentarios de profesionais embarcados, ou cando vía as estatísticas de visitas á páxina”. En 2014, ingenieromarino.com xa tiña 50.000 visitas de máis de 100 países. Hoxe, cada mes, recibe 80.000 de 170 países distintos. E, ao mesmo tempo, a boa resposta animouno a traballar na difusión dos contidos a través das redes sociais, e en buscar máis suscripcións aos seus artigos.

O salto á web profesional

Ao ver que había motivos para ser optimista, Roberto decidiu dar o salto e converter ingenieromarino.com no seu traballo. En 2016, con xa 20.000 seguidores habituais e unha importante atención en redes sociais, entrou en contacto con Coruña Bloggers, un colectivo que tamén o axudou a asentar a idea do que quería facer.

Finalmente, en xaneiro de 2017 comezaba a andar a versión profesional do portal. Porén, ata finais de ano, Roberto non puido darlle o pulo preciso á páxina xa que estaba embarcado nas prácticas en varios buques arredor do estreito de Xibraltar. Mais non perdeu o tempo: “Esta experiencia tróuxome as primeiras empresas patrocinadoras e deume a idea de negocio para ofrecer servizos de márketing dixital a empresas do sector”.

Hoxe, ingenieromarino.com ofrece tres aspectos clave: por unha banda, artigos técnicos sobre enxeñaría mariña e o seu mantemento industrial; por outra, servizos para profesionais, con cursos técnicos en liña, certificacións de idiomas e asesoramento (curriculum, consultoría xurídica, etc.); e tamén servizos para empresas do sector, como o márketing dixital, con artigos patrocinados e patrocinios oficiais a través das redes.

Viaxe a Silicon Valley

Roberto, na entrega dos premios Explorer e Atrebt.
Roberto, na entrega dos premios Explorer e Atrebt.

Unha vez terminadas as prácticas, Roberto mudou o expediente a Cádiz, debido aos contactos que ía obtendo alí. E alí, unha compañeira faloulle do programa de emprendemento Explorer, impulsado polo banco Santander,  no que a
Universidad de Cádiz participaba por primeira vez. Despois da presentación dun
primeiro borrador do proxecto, conseguiu que o seu proxecto fora seleccionado, o que lle deu pé a formarse durante seis meses con expertos nas distintas áreas do emprendemento. Finalmente, Roberto García foi o gañador do programa, o que lle valeu unha viaxe a Silicon Valley, onde puido contactar con expertos das principais empresas e institucións tecnolóxicas do mundo, como Google ou Facebook.

E desta opción xurdiu outra: o concurso Atrebt organizado pola universidade de Cádiz. Neste certame, Roberto tamén gañou: recibiu o premio ao mellor proxecto de innovación no sector marítimo portuario, dotado con 2.000 euros, e despois da valoración dun xurado de máis de 40 expertos.

Foto de grupo do equipo do programa Explorer en San Francisco.

Roberto sinala que, aínda que o proxecto xa tomou forza, agarda seguir ampliando o impacto do seu portal, sen perder de vista a experiencia laboral no sector. “Os obxectivos téñoos claros: seguir navegando e collendo experiencia e ampliar e diversificar o alcance do portal e as sinerxias coa comunidade que rodea a enxeñaría mariña”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.