Xoves 25 Abril 2024

O potencial de Galicia para xerar enerxía a partir das ondas

A Universidade de Vigo acolleu o acto de peche do proxecto LifeDemoWave, que desenvolveu a tecnoloxía precisa para implantar estas instalacións no futuro

Galicia destaca cun potencial enerxético medio de entre 30 e 35 quilowatts por cada metro de fronte de onda, valores que a sitúan como unha das zonas con maior potencial para xerar electricidade a partir da enerxía que produce o movemento das ondas do mar (undimotriz) e, tras a finalización do proxecto europeo LifeDemoWave, conta tamén coa capacidade tecnolóxica e o coñecemento necesario para que nos vindeiros anos poidan chegar a implantarse instalacións que acaden un papel importante como fonte de xeración eléctrica. O pasado venres celebrouse na sala 1 do edificio Miralles o acto de peche deste proxecto, un traballo posto en marcha en 2015 impulsado por un consorcio do que formaron parte a Universidade de Vigo –a través de tres grupos de investigación das escolas de Enxeñaría Industrial e Telecomunicación-, dúas das súas spin-off (Quantum Innovative, que exerceu de líder do proxecto, e Hércules Control), o Cetmar e as empresas ACSM e Grupo Josmar.

Presidida polo reitor, Manuel J. Reigosa, quen se referiu aos resultados do proxecto como “absolutamente brillantes”, a xornada contou tamén coa participación de Emérito Freire, director do Departamento de Enerxía e Planificación Enerxética do Instituto Enerxético de Galicia, Inega, quen non dubidou en afirmar que, tras a finalización deste traballo, “Galicia está nas mellores condicións para participar no desenvolvemento tecnolóxico e industrial dun sector que xogará un papel significativo na economía mundial nas vindeiras décadas”.

Publicidade

O proxecto busca agora máis financiamento para aumentar a escala de produción e poder chegar a crear parques undimotrices en Galicia

De dar todos os detalles do desenvolvemento do proxecto encargáronse Alejandro Arias, representante da empresa Quantum Innovative, e Pablo Yáñez, investigador do grupo de investigación CIMA da Universidade de Vigo. Eles foron os encargados de lembrar que LifeDemoWave foi un dos proxectos financiados polo programa Life da Unión Europea na súa convocatoria de 2014, dentro do subprograma de Mitigación do Cambio Climático e que para a súa posta en marcha contouse cun orzamento total de 1,8 millóns de euros, dos que a UE financiou algo máis dun millón. O obxectivo era demostrar a viabilidade de dous dispositivos convertedores de enerxía undimotriz (WEC polas súas siglas en inglés), que  xa foran investigados e patentados polos grupos de investigación da UVigo participantes no consorcio, tendo en conta numerosos aspectos, entre eles, o impacto medioambiental e a mitigación do cambio climático, a viabilidade socioeconómica e a propia sustentabilidade do ecosistema mariño.

Prototipos en Punta Langosteira

“LifeDemoWave naceu como un proxecto demostrativo no que o obxectivo era demostrar a viabilidade do aproveitamento da enerxía das ondas para a xeración eléctrica”, explicaron na presentación os impulsores. Para logralo  desenvolveron dous prototipos baseados nas patentes do consorcio e instaláronse nunha zona de experimentación da costa galega (Punta Langosteira, no porto exterior da Coruña), co obxectivo adicional de pór de manifesto o potencial enerxético da zona. Para logralo desenvolveron toda unha serie de actividades encamiñadas ao deseño, construción e demostración, que englobaron o desenvolvemento completo do proxecto a nivel técnico.

Alejandro Arias, Manuel Reigosa, Emérito Freire e Pablo Yáñez nun intre do seminario. Foto: Duvi.
Alejandro Arias, Manuel Reigosa, Emérito Freire e Pablo Yáñez nun intre do seminario. Foto: Duvi.

A boia deseñada, bautizada como Gelula, ten 11 toneladas de peso, 17 metros de lonxitude e catro metros de diámetro. Instalouse o verán pasado, xunto ao resto de sistemas desenvoltos, na zona de experimentación, lugar no que permaneceu para estudar o desempeño dos distintos subsistemas entre os meses de agosto de 2018 e abril deste ano. Durante este período leváronse a cabo diferentes xornadas demostrativas nas que se puido comprobar o bo funcionamento e o potencial das instalacións. Entre outras tarefas, procedeuse á recollida de datos e á monitorización dos distintos parámetros relacionados coa eficiencia no aproveitamento da enerxía. Estes valores permitiron facer unha avaliación das bondades do sistema e elaborar un estudo acerca do aforro en emisións que supoñen, así como da redución da pegada de carbono.

 Nivel de impacto

Por outra banda, antes da instalación dos sistemas, durante o desenvolvemento das probas e despois da retirada dos prototipos, efectuáronse tomas de mostras na zona de experimentación, o que permitiu elaborar un estudo acerca do impacto que a instalación deste tipo de dispositivos ten sobre a flora, a fauna e o leito, ademais da xeración acústica que xera. “LifeDemoWave demostrou un nivel de impacto no medio físico e biótico moi contido, de feito durante toda a vida do proxecto conviviuse con comunidades bentónicas, de aves mariñas, ictiofauna, etc. sen ningunha alteración nos seus hábitats”, explicou Pablo Yáñez, do grupo CIMA.

Con respecto ao seu impacto económico e enerxético, os resultados son tamén “prometodores”, lográndose un gran comportamento de supervivencia en casos de ondada extrema, un sistema de fondeo compacto e pouco agresivo, custes baixos e rendementos competitivos con tecnoloxías similares.

Continuación dos traballos

Desmostrados os resultados, intres antes de rematar a xornada, os responsables do proxecto salientaron que desde a Universidade de Vigo estase xa xestionando a solicitude dunha nova axuda que, de acadarse, “daría folgos para continuar co desenvolvemento do traballo, algo no que nos mantemos firme todos os membros do consorcio”, recalcou Yánez, quen fixo fincapé en que o obxectivo é aumentar a escala de produción e chegar a crear parques undimotrices.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como captar enerxía das ondas do mar e sobrevivir no intento

A enerxía que se extrae das ondas é unha das grandes apostas con respecto á investigación de enerxías renovables en Galicia, mais os dispositivos utilizados deben superar varias dificultades

Grande expectación polo primeiro rexistro dun tiburón branco en Galicia

O achado da especie nesta zona do Atlántico Oriental, onde está en perigo crítico de extinción, supón un fito para a ciencia mariña

Estas son as primeiras imaxes dun tiburón branco en Galicia

Os expertos confirman que o exemplar avistado este mércores en Punta Langosteira, no porto exterior da Coruña, é un "Carcharodon carcharias"

Bancos, tractores, barbacoas… oito aduanadas contra o patrimonio en Galicia

A sucesión de agresións a restos arqueolóxicos nos últimos días evidencia as dificultades da concienciación para garantir a conservación destes bens