Investigadores de Vigo estudan os recursos pesqueiros de Terranova

Buque oceanográfico Vizconde de Eza
O buque oceanográfico Vizconde de Eza. Foto: IEO.

Investigadores do Instituto Español de Oceanografía (IEO), a bordo do buque oceanográfico Vizconde de Eza, pertencente á Secretaría Xeral de Pesca, sairán do porto de Vigo o próximo sábado 23 de maio cara ó Gran Banco de Terranova para levar a cabo durante os próximos tres meses as campañas de investigación pesqueira denominadas Platuxa, Flemish Cap e Fletán Negro 3 L.
Estas campañas, que se realizarán de forma consecutiva na Área de Regulación da NAFO 3MLNO (augas internacionais adxacentes á Zona Económica Exclusiva de Canadá), diríxenas científicos do ‘Programa de Pesquerías Lejanas’ do Centro Oceanográfico de Vigo do IEO.
Este ano realízase a vixésimo primeira edición da campaña Platuxa. O responsable científico da campaña será o investigador José Luis del Río Iglesias. O persoal científico embarcado estará composto por cinco investigadores e técnicos do Instituto Español de Oceanografía e nove observadores científicos. A eles hai que sumar os 21 membros da tripulación do Vizconde de Eza.

José Luis del Río dirixe a expedición canda 5 investigadores e técnicos do IEO e 9 observadores

O obxectivo xeral da campaña é a obtención da información biolóxica necesaria para avaliar o estado dos recursos pesqueiros de interese para a frota española, tales como o bacallau, fletán negro, camarón, escarapotes, limanda, solla, mendo, granadeiros, entre outros. Con este fin, realizaranse pescas de 30 minutos de duración, identificando todas as especies presentes na captura e rexistrándose os datos de tamaño, sexo, peso e estado de madureza sexual. Ademais, consérvanse mostras de gónadas e otólitos para estudos de madureza e crecemento, que son procesadas ao finalizar a campaña e que permiten coñecer datos básicos para utilizar nas avaliacións analíticas dos stocks, como son o estado de madureza sexual e a idade dos peixes. Toda esta información é indispensable para a avaliación dos recursos pesqueiros da zona, especialmente aqueles que están baixo moratoria e para os que non hai información procedente da pesca comercial.
Así mesmo, identifícanse e pesan todas as especies de invertebrados bentónicos, co fin de dispoñer de información básica de cara á xestión das pesqueiras baseada no ecosistema. Por último, en todas as estacións de mostraxe se obtén un perfil hidrográfico cunha sonda de profundidade, temperatura e condutividade, para coñecer as condicións ambientais das pescas.
Na actualidade, esta campaña é a mellor fonte de datos independentes da pesqueira comercial na área prospectada e a información obtida utilízase na reunión do Consello Científico de NAFO para avaliar os recursos pesqueiros de interese comercial para a frota española no Gran Banco de Terra Nova.
A campaña Platuxa comezou en 1995 como unha iniciativa da administración española e dende o 2002 está financiada pola UE dentro do FEMP a través do PNDB (Programa Nacional de Recopilación, Gestión y Uso dos Datos Pesqueros).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.