O IEO detecta menos pescada e máis cigala no banco de Porcupine

Por decimo sétimo ano consecutivo, o Instituto Español de Oceanografía (IEO) realizou unha campaña de investigación dos recursos pesqueiros demersais (especies que viven no fondo mariño) no banco de Porcupine, situado ao oeste da illa de Irlanda, e ao noroeste do caladoiro do Gran Sol. O pasado sábado, o buque Vizconde de Eza regresou a Vigo con 18 investigadores a bordo, procedentes dos centros do IEO en Santander, Gijón, A Coruña, Vigo, Cádiz, Baleares, Murcia e Madrid.

Durante esta expedición, na que se prestou especial atención á pescada, o rape, o rapante e a cigala, observouse un descenso no índice de abundancia da pescada, o que confirma a tendencia descendente iniciada no 2015, despois do máximo histórico acadado en 2014. “Non en tanto, este ano capturamos abundantes recrutas, o que supón un dato esperanzador”, sinala Francisco Baldó, investigador do Centro Oceanográfico de Cádiz e xefe da campaña.

Publicidade

Na cigala rexistráronse niveis de abundancia próximos ao máximo histórico

Por outra banda está a cigala, da que se confirman os resultados positivos obtidos na campaña de 2016, con índices de abundancia similares ao máximo histórico de 2010. No caso dos rapantes e os rapes, a cantidade mantense dentro dos rangos da serie histórica.

Nesta campaña realizáronse 98 pescas, en profundidades que oscilaron entre os 180 e os 800 metros, cubrindo de xeito uniforme a área de estudo. Ademais das pescas para calcular os índices de abundancia, recolléronse mostraxes para estudar o crecemento, a reprodución, a distribución e outros aspectos biolóxicos das especies analizadas.

Publicidade

Tamén se recolleron datos hidrográficos das masas de auga do banco, para analizar as súas condicións oceanográficas e  a súa influencia na distribución e abundancia das especies. Con todos estes datos, o IEO investigará os parámetros que determinan a distribución das especies desta zona, o que permitirá mellorar a xestión do ecosistema desde o punto de vista pesqueiro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Vigo rexistra as maiores concentracións de “contaminantes eternos” da costa atlántica peninsular

Un estudo do IEO-CSIC analiza a presenza de PFAS en mostras de moluscos recollidos dende Francia ata o Golfo de Cádiz

De residuo da pesca á rexeneración ósea: un estudo galego revela o potencial do coláxeno mariño

O traballo, liderado dende a USC, apunta á biocompatibilidade de restos de peixe e esponxas e ao seu potencial como alternativa ás variantes de orixe mamífera

Un estudo alerta do declive de catro peixes migratorios en Galicia: “Ningunha das súas pesquerías é sostible”

Unha investigación recolle datos de 1997 a 2026 e certifica a drástica caída das poboacións de zamborca, lamprea, solla e anguía

Que peixes son os máis sans para comer?

A seguridade fronte a contaminantes é clave no consumo de especies mariñas, co metilmercurio como principal risco sanitario. Por Antonio Figueras