Este é o falso abadexo, outro peixe tropical atopado en augas de Galicia

Científicos galegos describen o achado de dous exemplares, rexistrados por primeira vez na zona e capturados en abril de 2018 na costa de Pontevedra

Falso abadexo en augas do sur da península Ibérica. Foto: Luis Sánchez Tocino / Universidad de Granada.

O 22 de abril de 2018, preto das Illas Cíes, un pesqueiro capturou un estraño peixe, pouco habitual nas redes que pescan nestas augas. Aínda así, o animal foi levado á lonxa de Cangas, onde foi vendido cun peso de 1.200 gramos, aínda que se lle fixo unha foto antes da venda. E menos dunha semana despois, o día 27, a uns 10 quilómetros do primeiro achado, preto da illa de Onza, no arquipélago de Ons, apareceu de novo un exemplar. Esta vez, os científicos chegaron a tempo para recoller o animal e poder estudalo. Acabaron concluíndo que se trataba do Epinephelus costae, coñecido co nome común de falso abadexo ou garoupa-amarela (en portugués), unha especie propia das augas tropicais atlánticas, entre África e o sur da Península Ibérica, e o Mediterráneo, e que nunca se citara en augas galegas.

Despois das análises pertinentes, o exemplar que puido ser recuperado, de 46,5 centímetros de lonxitude (a especie pode superar os 70cm), foi debidamente conservado e trasladado á colección de peixes do Museo de Historia Natural Luís Iglesias de Santiago de Compostela. Tomáronse mostras dun pequeno anaco de músculo para extraer o ADN e poder ser utilizado en futuras pesquisas. As análises confirmaron, cun 99,85% de posibilidades, alén da evidencia visual, que efectivamente se trataba dun falso abadexo.

Exemplares de falso abadexo atopados en Galicia. Fonte: Bañon et al (Acta Ichthyologica Et Piscatoria).
Exemplares de falso abadexo atopados en Galicia. Arriba, o da lonxa de Cangas, abaixo o conservado no Museo de Historia Natural de Santiago. Fonte: Bañon et al (Acta Ichthyologica Et Piscatoria).

Este peixe, coñecido tamén en inglés como goldblotch grouper (cherna de mancha dourada), é unha especie hermafrodita que habita en fondos areosos, lamacentos e rochosos, desde a liña de costa ata os 300 metros de profundidade, aínda que é máis habitual en augas pouco profundas. É un predador na cadea trófica, e un dos peixes máis grandes en augas costeiras.

O límite norte do falso abadexo

O achado foi publicado recentemente na Acta Ichthyologica Et Piscatoria, nun artigo asinado polos investigadores galegos Rafael Bañón, David Villegas, Paula Rodríguez, Alexandre Alonso, David Barros e Alejandro de Carlos. Un traballo que obrigou a analizar e repensar o límite norte de expansión desta especie e, por tanto, expón de novo o que vén avisando a comunidade científica, no hemisferio norte, os peixes aparecen cada vez en latitudes máis altas debido ao quecemento das augas.

Neste punto afonda o artigo publicado polos investigadores galegos. “Estes achados deberían constituír un novo límite norte na distribución da especie”, subliñan. Non en tanto, tras unha revisión bibliográfica, atopouse unha cita no mar Cantábrico (Ibáñez, 1987), no porto de Hondarribia, dun Epinephelus alexandrinus, nome co que tamén se coñece á mesma especie. O rexistro non aparecía nas revisións previas. E aínda que non hai fotos do exemplar citado en Hondarribia, os investigadores galegos expoñen que as descricións feitas dan credibilidade a aquela identificación. “Considerando válido aquel rexistro, debería ser o de máis ao norte no Atlántico, expandindo este límite aos 43º”.

Referencias: First record of Epinephelus costae (Actinopterygii: Perciformes: Epinephelidae) from Galician waters (north-western Spain): Exploring the northward range expansion (Publicado en Acta Ichthyologica Et Piscatoria en decembro de 2018).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.