Venres 19 Abril 2024

Cando no mar de Galicia había icebergs

Anxo Mena
Anxo Mena, autor da tese doutoral. Foto.DUVI.

Resolver a evolución do clima e da oceanografía no noroeste peninsular (Conca Interior de Galicia) para o último ciclo glaciar foi o obxectivo co que o investigador do grupo de Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquímica Anxo Mena (Carral, 1982) puxo en marcha a súa tese de doutoramento, unha investigación na que, ademais de describir estes dous aspectos iniciais, foi quen de recoñecer e identificar os denominados Eventos de Heinrich, liberacións masivas e puntuais de icebergs ao Atlántico Norte que viaxaron cruzando o mar desde os casquetes glaciais até posicións tan ao sur como o Cabo de San Vicente, como os cambios climáticos abruptos máis importantes e de maior relevancia acontecidos na costa galega nos últimos 60.000 anos. É un retrato do mar de Galicia de hay 600 séculos, segundo conta o DUVI.

O estudo dos cambios climáticos abruptos ten, ao seu xuízo, unha grande importancia xa que estas transformacións acontecidas na antigüidade “poderían ter aplicación para acadar un mellor coñecemento da actual mudanza climática que o sistema terrestre está a experimentar”. Ao seu modo de ver, se ben o clima actual de Galicia non é consecuencia directa dos climas anteriores, só coñecendo o que aconteceu no pasado “podemos ter unha idea de como reaccionaría a oceanografía e o clima de Galicia no caso de que se comezaran a fundir os polos ou se liberase auga doce ou icebergs ao océano”.

Publicidade

Icebergs e novas especies

Na súa tese, dirixida polo profesor Guillermo Francés, o investigador describe os seis Eventos de Heinrich máis importantes dos derradeiros 60.000 anos e describe como moitos daqueles icebergs chegaron ás proximidades da marxe galega e deixaron unha fonda pegada no seu sedimento “quedando rexistrados a través das partículas que desprenderon ao fundirse cando chegaron ás nosas costas”, explica Mena, ao tempo que subliña que os icebergs e a súa fusión produciron unha baixada da temperatura da auga superficial moi grande, incluso chegando a acadar os 4ºc, o que provocou que gran parte da fauna planctónica mudara, proliferando especies que actualmente só se atopan en latitudes polares.

Asemade, a chegada dos icebergs produciu unha fonda reorganización da dinámica de correntes, da oceanografía e, á súa vez, os cambios nas correntes superficiais durante o período glacial puido modificar o efecto da súa chegada e da súa sinal nas costas galegas. Deste xeito o investigador sostén que durante o período glaciar, a coñecida como Corrente de Nadal, sería a responsable de que as costas galegas non estiveran suxeitas a un frío intenso e “incluso puido previr do efecto directo da chegada de icebergs e contribuír a que os efectos na climatoloxía foran máis leves”.

A Corrente de Nadal

Nesta liña, o investigador explica que a Corrente de Nadal actúa sobre as proximidades da costa atlántica e cantábrica da península ibérica e que acontece sobre todo durante o inverno “por iso popularmente se bautizou como Corrente de Nadal, aínda que no ámbito científico se coñece como Iberian Poleward Current”, ao que engade que esta corrente chega a ser a contraposición ao afloramento responsable de que as rías e a plataforma de Galicia sexan tan produtivas. “Esta corrente é a responsable de moitas cousas que teñen acontecido no mar”, recalca Mena, que, entre outros exemplos, cita como foi a principal causa de que o chapapote do Prestige chegara ao Cantábrico e incluso a Francia.

Á marxe dos icebergs, durante a tese Mena estudou tamén a variación das correntes da auga que viaxa polo fondo do mar e como estas mudaron como consecuencia das variacións no clima. Neste punto o investigador destaca como durante o período glaciar, unha corrente asociada a unha masa de auga procedente do Mediterráneo puido afondarse e intensificarse, xerando procesos sedimentarios como as contornitas.

Os investigadores empregan técnicas médicas como o TAC para estudar os fondos mariños

O emprego de técnicas da diagnose médica, como é o TAC, ao estudo do sedimento mariño marca outro dos puntos fortes da investigación. Xurdiu como unha colaboración puntual entre compañeiros de tres grupos de investigación que traballan en ámbitos tan distintos como as ciencias do mar, a física e a veterinaria e acabaron inscribindo no Rexistro da Propiedade Intelectual un programa informático capaz de interpretar o pasado climático e oceanográfico das nosas cosas. Inscrito en 2012 no rexistro da propiedade intelectual pola Universidade de Vigo, Santiago e a Fundación IDICHUS e bautizado como anidoC Versión 1.0, o novo software supuxo un avance pioneiro no estudo mariño, “xa que nos permite obter gran cantidade de valiosa información previa a calquera tipo de análise, co aforro tanto económico co de esforzo humano que isto supón”, subliña Mena, que recalca que esta ferramenta informática é pioneira tanto a nivel estatal como internacional.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo construirá un novo buque oceanográfico de última xeración por 1,5 millóns

Terá un tamaño medio de 19,5 metros de eslora por 5,4 metros de manga e propulsión híbrida enchufable

O ‘Princesse Alice’ de Alberto de Mónaco investiga en Galicia

As escalas do príncipe Grimaldi en Vigo e A Coruña foron pioneiras na oceanografía

O dispositivo Eólice simulará as ondas do mar a pequena escala

A Universidade de Vigo colabora na construción deste aparello destinado á divulgación da oceanografía e ao uso docente no Campus de Ourense

O oceanógrafo Fiz Fernández ingresa na Academia Galega de Ciencias

O científico Fiz Fernández Pérez (Alicante, 1957) pronunciou este martes o...