Científicos vigueses acadan unha patente para a criopreservación dos embrións de ourizos de mar

Na actualidade, o proceso de criopreservación de células e tecidos de organismos terrestres tense convertido nunha ferramenta de destacada utilidade para a investigación médica, tanto humana como veterinaria. Pola contra, a utilización desta técnica no medio mariño é aínda limitada, e existen moi poucos protocolos que teñan éxito criopreservando células de peixes e moluscos. De feito, a escaseza de metodoloxías efectivas deste procedemento aplicables a tipos celulares clave, como poden ser células xerminais ou embrións, limita o desenvolvemento da investigación en bioloxía mariña. Por iso, a comunidade científica está a traballar no desenvolvemento de metodoloxías para a preservación dun maior número de organismos e/ou tipos celulares. A Universidade de Vigo comezou en 2009 a traballar neste campo, concretamente nunha investigación punteira na criopreservación de embrións e larvas de organismos mariños, que arrancou como parte da tese de doutoramento de Estefanía Paredes. Agora, este traballo converteuse nunha patente nacional que recoñece o único protocolo de criopreservación de estados temperás de desenvolvemento de ourizo de mar con demostrada viabilidade e aplicación en avaliación da contaminación mariña e acuicultura. Esta tecnoloxía e as súas aplicacións son froito do traballo levado a cabo no laboratorio do catedrático Ricardo Beiras e baixo a dirección de Juan Bellas, científico do Instituto Español de Oceanografía de Vigo.

O proxecto arrancou como parte da tese de doutoramento de Estefanía Paredes

O procedemento de criopreservación de embrións de ourizo de mar (Paracentrotus lividus) baséase nun protocolo especificamente deseñado para este uso e que permite almacenar en nitróxeno líquido as blástulas (embrións de ourizo de mar) para que poidan ser empregadas fóra da temporada de reprodución natural desta especie. A patente está concedida a Ricardo Beiras, Juan Bellas e Estefanía Paredes. Esta última, que actualmente traballa nos Estados Unidos, explica que a patente desenvolveuse durante a súa tese de doutoramento, que recibiu o premio da Real Academia de Doutores de España en 2015, polo que “boa parte dos datos foron obtidos na Ecimat (Estación de Ciencias Mariñas de Toralla)”. A principal novidade que presenta é que “desenvolve un protocolo de criopreservación de probado éxito para o ourizo de mar, un fito que non se tiña logrado con anterioridade”, explica Paredes, que engade que tamén se desenvolveu a súa posible aplicación en ecotoxicoloxía e acuicultura. Destaca a investigadora que o proceso de solicitude dunha patente non é sinxelo, e valora moi positivamente a formación que a Universidade de Vigo ofrece sobre a protección da propiedade intelectual ou o sistema de patentes e a axuda e asesoramento da OTRI.

Publicidade

Na actualidade Paredes atópase rematando o seu posdoutoramento no Laboratorio de Criobioloxía Teórica e Aplicada da Universidade de Tennessee en Knoxville. “Vinme aquí”, explica, “para traballar co doutor Peter Mazur, un dos pais fundadores da criobioloxía e afondar nos aspectos máis teóricos da criopreservación de especies consideradas ‘modelo’ en ciencia”. Tras o falecemento de Mazur en 2015, a investigadora galega estivo a cargo do seu laboratorio e da finalización do proxecto do National Institute of Health (NIH) no que estaban traballando.

Paredes realiza o posdoutoramento na Universidade de Tennessee (Estados Unidos).
Paredes realiza o posdoutoramento na Universidade de Tennessee (Estados Unidos).

Nun futuro próximo Estefanía Paredes podería regresar a Vigo da man do proxecto Cryomar. Tal e como explica Antonio Villanueva, subdirector da Ecimat, o centro vigués lidera un subproxecto na proposta Assemble+ presentada en marzo á convocatoria europea H2020-INFRAIA en colaboración con outras 24 institucións europeas. A proposta está enfocada ao desenvolvemento de técnicas de criopreservación para diferentes grupos de organismos mariños e no caso de obter o financiamento europeo “este proxecto suporía un impulso moi importante ao desenvolvemento do servizo de criopreservación da Ecimat”. Esta é unha das principais apostas estratéxicas da estación de ciencias mariñas viguesa, dado que se trata dunha ferramenta cunha aplicación moi transversal e cun enorme potencial para facilitar radicalmente o estudo dos sistemas biolóxicos mariños. Como destaca Villanueva, “a dispoñibilidade de recursos biolóxicos mariños é unha das principais limitacións para a I+D mariña debido ao custe de recolección e/ou mantemento de organismos en catividade, á estacionalidade e á escaseza de especimes no medio natural”. A criopreservación é a principal alternativa para o almacenamento ex situ de recursos biolóxicos mariños, e permite reducir custes e espazo de almacenamento, ao tempo que facilita unha preservación intacta e funcional dos organismos.

Publicidade

O Ecimat vén de recibir un importante respaldo do Ministerio de Economía

A aposta da Ecimat pola criopreservación como liña estratéxica de I+D plasmouse na creación dun Servizo de Preservación Funcional, que se integra na Unidade de Cultivos Mariños, e que representa, segundo subliña Antonio Villanueva, “unha das principais achegas da Ecimat ao European Marine Biological Resource Centre (EMBRC). Para a posta en marcha deste servizo, o centro de investigación vén de recibir un importante respaldo do Ministerio de Economía a través da convocatoria para a concesión de axudas a infraestruturas e equipamento científico-técnico. Esta concesión, destaca Villanueva, permitirá a adquisición de, entre outros, equipamentos de criopreservación de última xeración que permitirán á Ecimat dar un salto de calidade na prestación do servizo debido á incorporación da innovadora técnica de criopreservación por vitrificación con desconxelación láser ultra-rápida que obtén altísimas supervivencias tras a desconxelación”. Deste xeito, o equipamento solicitado “convertería á Ecimat nun dos primeiros laboratorios a nivel mundial en empregar esta tecnoloxía e no primeiro en facelo para criopreservar organismos mariños”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

GCiencia lanza a décima edición dos premios Galicia Spin-Off

Os galardóns recoñerán un ano máis a empresas innovadoras xurdidas das universidades e a un grupo de investigación

As microfibras son o principal microplástico detectado en bivalvos mariños

Un estudo do IEO de Vigo sinala que as febras azuis son as máis frecuentes e alerta de que as de celulosa rexenerada poden ter riscos comparables aos das sintéticas

A contaminación atmosférica podería estar detrás do aumento das crises de xaqueca

Un estudo internacional sinala que o número de visitas ao hospital de persoas con síntomas aumenta durante os días nos que hai maiores niveis de polución

Un equipo da UVigo logra criopreservar larvas de medusa por primeira vez no mundo

O estudo do CIM pode transformar as estratexias de conservación da biodiversidade mariña e impulsar novas liñas de investigación en bioloxía e acuicultura