Martes 19 Marzo 2024

Unha científica galega constata que se pode producir biodiésel con microalgas

Leticia Pérez expón na súa tese, presentada na UVigo, o elevado potencial de dúas especies que se atopan nas rías galegas

Afondar no coñecemento sobre dúas especies microalgais abundantes nas rías galegas, Skeletonema costatum e Chaetoceros gracilis, ao tempo que se abordaba algunha das principais limitacións existentes na explotación da biomasa algal na industria, foron os obxectivos de Leticia Pérez Rial na súa tese de doutoramento Optimización das operacións de separación de biomasa algal. “En definitiva, perseguise potenciar o desenvolvemento de técnicas de separación das diminutas células microalgais do medio de cultivo que as contén dunha maneira viable técnica, económica e medioambientalmente”, engade a enxeñeira de Minas e doutora en Enxeñaría Química pola Universidade de Vigo.

Os resultados da investigación dirixida por María Ángeles Cancela e María del Rocío Maceiras, permiten concluír que as dúas especies seleccionadas presentan unha alta adaptabilidade a diferentes condicións de cultivo, podendo resultar factible o seu crecemento non só en Galicia, senón tamén ao longo da xeografía española.

Publicidade

Cultivo en laboratorio en fotobiorreactores de cinco litros de capacidade. Foto: Duvi.
Cultivo en laboratorio en fotobiorreactores de cinco litros de capacidade. Foto: Duvi.

Así mesmo, a tese de Leticia Pérez confirma que a floculación (a técnica que é considera por un gran número de autores como a máis adecuada para a explotación industrial da biomasa derivada de microalgas) inducida por pH, é un método eficaz para recolección da biomasa algal procedente de especies como C.gracilis e S.costatum, podendo ser unha técnica axeitada para a súa aplicación a gran escala. “Ademais, comprobouse que diferentes factores, tales como o pH ou a salinidade de medio de cultivo inciden de xeito significativo na separación da biomasa algal. Para finalizar, pódese dicir que, desde un punto de vista enerxético o elevado contido en lípidos de ambas as especies, así como a calidade dos seus ácidos graxos, fan que sexan apropiadas para a síntese de biodiesel”, conclúe a investigadora.

Leticia Pérez lembra que o cultivo masivo de microalgas permitiría, ademais, a captura de CO2 procedente das industrias contaminantes, o que supón unha ferramenta de futuro prometedor na loita contra o cambio climático. “Por todo iso a investigación centrouse en dúas das operacións que máis dificultan a explotación industrial destes microorganismos fotosintéticos, o cultivo e a separación da biomasa algal”, explica a doutora.

Microalgas, materia prima en auxe

Na súa investigación, Leticia Pérez levou a cabo series de ensaios e de análises seguindo a lóxica secuencial de obtención da biomasa algal. En primeiro lugar, avaliouse a repercusión de factores como as condicións ambientais ou a subministración de aire ou dióxido de carbono sobre o crecemento das microalgas seleccionadas, tanto a escala laboratorio como en planta piloto, co fin de atopar aquelas condicións que poidan resultar más favorables para o cultivo. A seguir, a investigadora estudou a fase de separación da biomasa xerada do medio de cultivo. “Aínda que na actualidade existen diversos procesos que poden ser utilizados, a gran maioría non resultan viables desde un punto de vista económico. Por iso, parte do estudo centrouse na técnica que é considera por un gran número de autores como a máis adecuada para a explotación industrial da biomasa derivada de microalgas: a floculación química”, explica a enxeñeira, que finalmente tamén investigou a técnica de separación de microalgas mediante floculación inducida por variación de pH.

A decisión de centrar a súa tese de doutoramento no estudo da optimización das operacións de separación de biomasa algal responde, segundo Leticia Pérez o feito de que as microalgas son unha materia prima en auxe e “nos últimos anos, tanto a comunidade científica pertencente ás institucións públicas, como empresas privadas, destinaron parte dos seus recursos e fondos a estudar estes microorganismos fotosintéticos como fonte de produtos de alto valor engadido para a industria cosmética, farmacéutica ou alimentaria, entre outras”. A enxeñeira destaca que aínda que nun principio esta fonte renovable era considerada un recurso idóneo para a obtención de biocombustibles, especialmente biodiesel, os elevados custos de diferentes etapas involucradas no proceso provocou que, a día de hoxe, o concepto de biorrefinería de microalgas estea cada vez máis estendido.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As microalgas prometen alimento abundante e saudable en calquera contorna

O subministro mundial de alimentos enfróntase a grandes ameazas e un pequeno organismo podería ofrecer novas solucións

Como obter produtos de alto valor industrial a partir da maceración do millo

A científica Xanel Vecino lidera na UVigo un proxecto para o aproveitamento destes residuos agrarios e o seu uso alimentario, cosmético ou farmacéutico

Unha tese da USC afonda na modelaxe matemática das biorrefinerías

O enxeñeiro Alberte Regueira presenta na súa investigación novas propostas para mellorar os procesos nestes sistemas, claves na economía verde e circular

Un estudo na depuradora de Ourense pon o foco nos lodos para detectar o SARS-CoV-2

Investigadores da USC, o Sergas e Viaqua constatan que os residuos sólidos amosan unha maior concentración de carga viral