Xoves 28 Marzo 2024

Achan unha nova especie de crustáceo no Grove

Un grupo de científicos da Universidade de Vigo e o Australian Museum encontrou na enseada galega do Grove (Pontevedra) un novo exemplar de crustáceo endémico de Galicia. Denominárono Uromunna naherba e pertence á orde dos isópodos (superorde Peracarida), o máis diverso de crustáceos.
“Chamámolo en galego Na herba porque o encontramos en pradarías de fanerógamas mariñas, ou o que é o mesmo, en herbas submarinas”, declarou a Sinc Patricia Esquete, coautora do estudo na Universidade de Vigo e que traballa actualmente na Universidade de Aveiro (Portugal).
Estes peracáridos están distribuídos en toda clase de medios, especialmente nos mariños, aínda que existen tamén especies terrestres e de auga doce. Uromunna naherba mide entre 0,6 e 1,5 milímetros de lonxitude e vive tanto entre as follas das plantas como nos rizomas, o talo subterráneo, aínda que as femias que portan ovos tenden a vivir máis nestes últimos.

A limitación de desprazamentos impediulle extenderse a poboacións afastadas

“Uromunna naherba non ten aletas coas que nadar nin coas que quedar suspendida na auga para deixarse levar pola corrente, polo que non se despraza en grandes distancias. Só os adultos dalgunhas destas especies, son capaces de nadar, aínda que raramente longas superficies”, explica a investigadora.
Unha particularidade dos peracáridos en xeral, e dos isópodos en particular, é que ningunha fase ou estadio do seu ciclo de vida ten unha función dispersiva. É dicir, en ningún momento o animal se despraza a grandes distancias, xa sexa para colonizar novos hábitats ou para encontrar novos substratos. Por iso, trátase dunha especie que non nada, senón que camiña sobre o fondo mariño, tanto sobre algas como plantas.

Publicidade

Trátase dunha especie que non nada, senón que camiña sobre o fondo mariño

Isto, engadido a que se trata dunha especie de reducido tamaño e limitados desprazamentos, fai que sexa proclive á especiación e que os endemismos acontezan con frecuencia. “De feito, a evolución constante dos peracáridos fai que aparezan numerosas novas especies”, asegura Esquete.
“Como non poden facer grandes desprazamentos en pouco espazo de tempo”, engade a experta, “os individuos dunha poboación reprodúcense entre eles, sen que haxa mestura entre poboacións. Polo tanto, as mutacións xenéticas disemínanse rapidamente dentro da poboación pero non se estenden a poboacións afastadas”. Así, co paso do tempo, esa poboación terá acumulado tantas mutacións que a diferencien doutras que se converterá nunha especie nova.

“Crese que a fauna destas costas é ben coñecida, pero estamos a ver que non é así”

A reprodución de Uromunna naherba ten lugar ao longo de todo o ano. Non obstante, os científicos observaron que as femias  portadoras de ovos son máis frecuentes a finais de primavera e en verán. Este feito coincide co momento do ciclo anual da planta no que as follas e os rizomas alcanzan o seu máximo tamaño, e pon á súa disposición maior substrato e alimento.
Segundo a investigadora, existe unha falta de información sobre a historia natural dos peracáridos porque non son comestibles e, polo tanto, non teñen interese comercial. A nova especie encontrouse nas pradarías submarinas en densidades de ata 900 individuos por metro cadrado nalgúns casos.

Estudo ecolóxico

“Realmente non buscabamos novas especies. O normal é que aparezan cando se toman mostras para un estudo de carácter ecolóxico”, subliña Esquete.
O equipo de investigación tamén encontrou outra especie nas mostras recollidas. Trataríase dun exemplar do xénero Apseudopsis difícil de identificar porque é moi diferente ás especies xa coñecidas.
“Foi unha sorpresa, porque é un xénero moi frecuente e abundante nas costas europeas. Considérase que a fauna destas costas é ben coñecida, pero estamos a ver que non é así. De feito, é esa afirmación a que xera confusión e identificacións incorrectas, e fai que non se avance”, afirma a científica.
A nova especie, un peracárido coñecido como Apseudopsis adami (orde Tanaidacea), mide en idade adulta entre de 4,5  e 5 milímetros. Ao contrario que Unamunna naherba, non é endémica de Galicia e se encontrou por toda a costa ata o Algarve, ao sur de Portugal.
“Simplemente pasara desapercibida polo seu parecido coa que se asumía era a única especie do xénero presente nesta zona”, conclúe Esquete.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha investigación revela a orixe do segundo cancro en nenos

O estudo, liderado por un equipo de Barcelona, explora a mutación da quimioterapia en tecidos sans

Creados os primeiros miniórganos a partir de células fetais

O avance axudará a coñecer mellor as últimas etapas do embarazo e as alteracións conxénitas antes do nacemento

Desenvolto o mapa máis completo de interaccións para a supervivencia das bacterias

Os resultados revelan detalles ata o de agora descoñecidos destes mecanismos e ofrecen posibles dianas para o desenvolvemento de novos antibióticos

Os neandertais usaban ‘pegamento’ para fabricar as súas ferramentas

O descubrimento deste adhesivo, que supón unha solución técnica complexa, implica un alto nivel de cognición