Martes 16 Abril 2024

A temperatura do Golfo de Biscaia aumentou 0,26 graos por década

Desde o cabo Ortegal en Galicia ata a punta de Pern en Francia, sitúase o Golfo de Biscaia, abarcando portos e zonas de pesca de grande importancia nos dous países. Por esta relevancia, calquera variación nas condicións das súas augas pode ter importantes implicacións socioeconómicas. Atendendo a esta circunstancia e ao cambio climático que se está producindo, na súa tese de doutoramento o investigador da Universidade de Vigo Xurxo Costoya analizou as variacións de temperatura e salinidade nas últimas décadas neste golfo e as súas causas e consecuencias. Os resultados apuntan a cambios significativos, entre eles un quecemento da superficie de toda a baía de 0,26 graos centígrados por década.

Xurxo Costoya.
Xurxo Costoya.

A tese, dirixida polos profesores da Universidade de Vigo Maite de Castro e Moncho Gómez Gesteira, levou por título Thermohaline variability in the Bay of Biscay: causes and physical implications e foi presentada este curso na Facultade de Ciencias do campus de Ourense. Combinando bases de datos dos últimos 40 anos de diferente orixe (in situ, reanálise e datos de satélite), o investigador do Departamento de Física Aplicada estudou durante tres anos unha área que, apunta, a pesar da súa relevancia desde o punto de vista da oceanografía física “historicamente é unha rexión que recibiu unha menor atención se se compara con outras do Atlántico Norte”.

Publicidade

Os cambios nas temperaturas están a producir cambios biolóxicos

Na investigación detectou un quecemento da superficie de toda a baía dende 1982 de 0,26 ºC por década. “O quecemento está máis relacionado co aumento da duración da estación cálida que coa existencia de veráns máis cálidos ou invernos máis suaves”, comenta Xurxo Costoya. Ademais, engade, os meses que se ven afectados polo incremento da duración da estación cálida (abril-xuño e setembro-outubro) tamén sufriron un aumento significativo no número de días cunha temperatura superficial do mar extremadamente cálida. A única área na que se observou durante o estudo un arrefriamento dende os anos oitenta é a franxa costeira baixo a influencia da pluma fluvial formada polos ríos Loire e Gironde durante os meses de inverno. “O descenso da temperatura nesta área foi máis intenso durante os períodos en que a descarga do río e os ventos do suroeste están por riba dos seus valores medios, por exemplo no período 20022014”, comenta o xa doutor.

Os resultados obtidos durante a investigación apuntan a que as dúas masas de auga máis importantes na baía, a masa de auga do este do Atlántico Norte e a masa de auga mediterránea, experimentaron cambios significativos. A primeira tendeu a incrementar a súa temperatura e salinidade durante o período de 1975 a 2010 e tamén durante a década 20042013. Pola contra, detectouse un arrefriamento e tamén un descenso da salinidade na segunda durante o período de 2004 a 2013. “A principal causa destas variacións foron os cambios nas rexións onde as masas de auga se orixinan cada ano, é dicir, nas proximidades do Golfo de Cádiz para a masa de auga mediterránea e nunha rexión ao noroeste de Galicia para a do este do Atlántico Norte”, afirma o investigador.

“O quecemento está relacionado co aumento da duración da estación cálida”

O proceso de mudanza climática que afecta ao planeta no seu conxunto, explica Costoya en base ao seu estudo, “xa se deixa sentir nas augas do Golfo de Biscaia”. Así, sinala, “rexistrouse un incremento da temperatura durante as últimas décadas en todos os meses do ano”. A taxa de quecemento, di, foi maior na primavera e no outono, provocando que a estación cálida dure máis no golfo, o que á súa vez trae consigo consecuencias importantes noutros ámbitos, coma por exemplo no biolóxico. Deste xeito, apunta o investigador do Grupo Ephyslab, “diferentes estudos detectaron que algunhas especies importantes dende un punto de vista económico, coma son algúns túnidos (atún branco e atún vermello), chegan antes ao Golfo de Biscaia. Grazas a esta tese sabemos que esta aparición máis temperán está relacionada co incremento de temperatura durante a primavera”. Ademais, engade, observouse un incremento dos eventos extremos que estaría “detrás de variacións observadas na distribución espacial dalgunhas especies, como por exemplo algunhas algas, que tenden a localizarse máis cara ao norte deixando paso a especies foráneas dun ámbito máis tropical”. Na investigación tamén se relaciona este incremento da temperatura co feito de que as áreas de desove de sardiñas e anchoas cada vez se localicen máis ao norte. Neste contexto, “os resultados desta tese servirán nun futuro tamén para entender mellor variacións nas poboacións e na fenoloxía de múltiples especies”, comenta Xurxo Costoya.

Dende o punto de vista da oceanografía física os resultados acadados, comenta o investigador, “son de grande importancia xa que axudan a unha mellor comprensión da dinámica do Golfo de Biscaia ao analizar esta zona no seu conxunto”. Así, recalca, neles púxose de manifesto que tratándose dunha área relativamente pequena, a heteroxeneidade dos cambios é alta, dándose incluso tendencias de signo oposto en áreas próximas. Deste xeito, a tese, engade, “é un bo exemplo do importante que é analizar as variacións a unha escala espacial detallada antes de determinar escenarios e políticas para mitigar estes cambios, xa que aínda que de forma global é obvio que existe un incremento na temperatura dos océanos o que observamos é unha gran heteroxeneidade espacial nestes cambios”.

“É importante analizar as variacións antes de determinar políticas”

Alén de ofrecer unha análise da situación no caso do Golfo de Biscaia, toda a metodoloxía deseñada para realizar os estudos nesta zona aplícase agora a outras áreas do planeta, xa que as bases de datos creadas conteñen información de todos os océanos e ao longo da tese tratouse de desenvolver programas que con pequenos cambios permitisen aplicar as diferentes metodoloxías a outras zonas. “Dada a aceptación da metodoloxía utilizada para calcular eventos extremos de temperatura no océano, esta aplicouse xa na costa oeste da Península Ibérica, na costa de Marrocos e tamén en Canarias, acadando resultados interesantes”, recalca o investigador. Ademais, a raíz do descubrimento do efecto de arrefriamento coma consecuencia dos aportes dos ríos Loire e Gironde, engade, “xa verificamos que este mesmo efecto ocorreu noutras áreas, coma por exemplo no Golfo de Guinea debido ás achegas de auga doce do río Congo ou na plataforma continental de Texas e Louisiana debido ao río Mississippi”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A lamprea, en caída libre en Galicia: de 23.000 quilos capturados a 3.000 en dez anos

O catedrático da USC Fernando Cobo apunta que a presión pesqueira e a captación de auga ilegal fomentan a diminución de especies

A praia de Barra agocha unha aldea soterrada: un cambio climático invadiu todo de area hai 500 anos

Unha investigación publicada por Andrés Pino analiza o impacto social e económico da Pequena Idade do Xeo no asentamento de Cangas

Galicia rexistra o cuarto inverno máis cálido en 60 anos

As precipitacións foron un 18% superiores ao habitual para este período, sendo especialmente abondosas en febreiro

Os osos polares, en risco de morrer de fame polo desxeo do Ártico

Un estudo demostra que as estratexias alimenticias destes animais para sobrevivir nunha contorna de terra non evitan que perdan peso