Xoves 28 Marzo 2024

A poboación de pescada recúperase no Atlántico

Desde os seus inicios a xestión da industria pesqueira non foi deseñada de maneira sostible e hoxe en día a maioría das especies mariñas comerciais están sobreexplotadas. Fronte a esta realidade, de sobra coñecida, as autoridades europeas foron adoptando diferentes medidas para garantir a explotación responsable dos recursos mariños e pór fin aos problemas de sobrepesca nas augas europeas. O camiño iniciouse hai xa uns anos e os resultados das diferentes medidas adoptadas comezan a palparse, a poboación atlántica de pescada estase a recuperar dos efectos da sobrepesca e, tras acadar un índice mínimo en 2004 con 300 reprodutores no Caladoiro Noroeste da península Ibérica, esta cifra multiplicouse ata acadar na actualidade os 5000 reprodutores efectivos, “é dicir, 5000 individuos que realmente contribúen cos seus xenes á seguinte xeración”, explica José Cuéllar, investigador do Laboratorio de Recursos Xenéticos Mariños, autor dunha tese de doutoramento na que aplicou os marcadores xenéticos para afondar no estudo do stock pesqueiro e na avaliación dos efectos da sobrepesca sobre a estrutura e tamaño efectivo das diferentes poboacións.

Cuéllar pescada 1

No caso da pescada europea, ao longo da última década implementáronse diferentes medidas para frear o deterioro e fomentar a súa recuperación. Co fin de avaliar a evolución da diversidade molecular fronte aos procesos de sobreexplotación desta especie, o equipo de investigadores e investigadoras deste laboratorio vigués analizou varios marcadores moleculares en diferentes series temporais (1976, 2000-2005 e 2007) e comparou estes datos coa situación actual. Os resultados non deixan lugar a dúbidas, a poboación estase recuperando e as principais medidas que contribuíron a esta mellora foron “o aumento do ollo da malla nas artes de pesca e a diminución das cotas de pesca”, explica o autor da tese, que fai fincapé en que os datos xenéticos da pesquería sur tamén están de acordo co modelo de conectividade demográfica en todo o Atlántico proposto por este laboratorio e cuxo foco de radiación sitúa as principais zonas de desove no Porcupine Bank (a uns 200 quilómetros do noroeste de Irlanda) e no Gran Sol, unha zona que destaca pola súa riqueza pesqueira, especialmente no que a pescada se refire.

Publicidade

A tese de Cuéllar analiza a diversidade xenética que se perdeu coa sobrepesca

Toda esta información xenética recollida na tese de doutoramento de Cuéllar acerca da estrutura xenética poboacional da pescada europea permite entender mellor as limitacións dos modelos demográficos e, á súa vez, é clave para avaliar os riscos de extinción por factores xenéticos, permitindo incorporar criterios de estruturación e diversidade xenética na xestión e, desta forma, “prever o deterioro das características físicas desta especie e garantir, polo tanto, a súa sustentabilidade e a das especies dependentes”, recalca Cuéllar, que pon como exemplo destas especies dependentes a anchoveta e o calamar “que son as principais especies das que se alimenta a pescada”, recalca o investigador.

Unha das principais observacións do traballo, dirixido polos investigadores Pablo Presa e Alfonso Pita, é que, independentemente da variación na diversidade xenética, o desgaste das características físicas como a idade e o tamaño medio de madurez en especies intensamente explotadas, como o bacallau e a platuxa americana, é moi elevada.

De 1985 a 1997 erosionouse o 15% da talla do bacallau no Báltico

A investigación desenvolta tamén permite medir canto e cando se produciu a maior perda de caracteres físicos das especies explotadas e canto potencial se perdeu neses caracteres nos últimos cen anos, tanto nas poboacións naturais como potencialmente para a súa futura explotación en acuicultura. “Por exemplo, entre 1985 e 1997 erosionouse o 15% da talla e o 25% da idade de madurez do bacallau no mar Báltico”, recalca Cuéllar, ao tempo que explica que os cambios máis importantes se produciron entre 1970 e 1980, momento no que a pesca industrial comezou a impactar significativamente nos bancos pesqueiros, “co aumento da potencia dos motores, o incremento do esforzo pesqueiro e os grandes buques factoría”.

Colombiano de nacemento, José Andrés Cuéllar (1983) desprazouse a Galicia a comezos de 2011 para estudar o Máster en Bioloxía Mariña da Universidade de Vigo. “Escollín esta Universidade e este mestrado en particular por diferentes razóns, pero algunha das que máis pesou foi as oportunidades que se dan ao alumnado e as oportunidades para facer prácticas en empresas e centros de investigación”, explica o investigador, quen, tras defender a tese, agarda poder realizar unha estadía de posdoutoramento en Canadá ou Noruega.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto europeo busca reducir a captura accidental de especies protexidas no Atlántico

Investigadoras do IEO liderarán un dos casos de estudo dirixido a mitigar a captura de quenllas e tiburóns nas pesqueiras de atún

Que é o colapso das correntes atlánticas e como afectará a Galicia

Unha investigación publicada en 'Science Advances' anticipa o freo da ciruclación oceánica e advirte das súas consecuencias climáticas

O déficit de transporte de humidade do Atlántico triplica a posibilidade de seca en Galicia

A investigación realizada na Universidade de Vigo foi publicada na revista ‘Nature Water’

As correntes afastan os ‘pellets’ da costa galega cara ao interior do Atlántico

Un grupo de investigación canario que modeliza a vertedura prevé unha forte diminución de granulados no litoral