A “guerra” entre microalgas, factor clave nas mareas vermellas

As mareas vermellas son un dos principais problemas aos que se enfronta o sector marisqueiro en Galicia, obrigando a pechar, ás veces durante longas temporadas, os bancos das rías do país. Neste senso, o Centro Oceanográfico de Vigo, adscrito ao IEO, vén de publicar un estudo que analiza as relacións entre varias especies de microalgas, demostrando que a competencia entre estes organismos pode ter diferentes efectos nos episodios de toxicidade.

No traballo, encabezado pola investigadora predoutoral María García Portela, e asinado tamén por Pilar Riobó, José Mariano Franco, Rosa Bañuelos e Francisco Rodríguez, analizáronse catro especies de dinoflaxelados bentónicos; uns organismos que viven adheridos ao fondo do mar e que están frecuentemente relacionados coas floracións de algas nocivas.

Publicidade

Detalle do microscopio, analizando a interacción entre dúas microalgas.
Detalle do microscopio, analizando a interacción entre dúas microalgas.

Para levar a cabo o estudo, traballouse con tres especies tóxicas (Ostreopsis sp., Gambierdiscus excentricus e Prorocentrum hoffmannianum); e unha non tóxica, a Coolia monotis, recollidas nas augas próximas ás Illas Canarias. Realizouse un estudo xenético e unha análise das toxinas de cada especie. Despois, estas especies xuntáronse en pares e observouse os efectos desta convivencia, comparando o comportamento de cada un dos organismos por separado. Analizáronse, entre outras variables, o nivel de crecemento, o estado das células ou a capacidade de adherirse ao sustrato.

Atopouse que as interaccións eran positivas ou negativas dependendo do caso. Observáronse efectos positivos, como un aumento da capacidade da especie Prorocentrum en adherirse ao sustrato cando compite con outras especies. Tamén se atoparon efectos negativos a corto prazo, como o retraso no crecemento e unha diminución da movilidade nas algas Coolia ou a ruptura das células de Gambierdiscus cando entra en contacto coas Ostreopsis.

Publicidade

“Todos estes resultados poñen de manifesto a guerra interna que se leva a cabo nas comunidades de dinoflaxelados e resalta a importancia do estudo das interaccións entre especies á hora de controlar a dinámica de floracións de microalgas en ecosistemas mariños”, sinala María García Portela.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Algas galegas para unha agricultura máis resistente á seca e á calor

O proxecto BIO-MARTERRA abre unha nova vía para valorizar subprodutos da industria alimentaria e ofrecer alternativas naturais ao sector agrícola

Do lixo ao fertilizante: a segunda vida dos residuos orgánicos en Vigo

O contedor marrón, impulsado polo Concello e FCC Medio Ambiente, permite separar os restos para transformalos en compost

A nova edición dos premios Zendal consolídase cun 11% máis de canditaturas procedentes de 14 países

As propostas, un total de 189, son de universidades, centros de investigación e hospitais de referencia internacional

Documentadas novas anomalías de coloración en peixes mariños de Galicia e Andalucía

A investigación describe tres exemplares con alteracións pigmentarias e outros tres casos posibles observados na ría de Vigo