Domingo 28 Abril 2024

Identificadas 51 rexións xenómicas responsables da severidade da covid

O catedrático da USC Ángel Carracedo participa na actualización do mapa xenético do SARS-CoV-2, que engade 28 rexións ás detectadas en 2021

A plataforma internacional ‘Host Genetic Initiative’ na que participa o consorcio SCOURGE, coordinado polo catedrático da Universidade de Santiago (USC) Ángel Carracedo, acaba de identificar 51 rexións do xenoma responsables de que se padeza covid cunha maior severidade. O artigo que acaba de ver a luz na revista Nature conforma unha actualización do mapa xenético xa publicado en 2021 e é froito do estudo de 219.692 casos procedentes de tres millóns de controis. No consorcio SCOURGE participan investigadores do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CIMUS), do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), da Fundación de Medicina Xenómica e de servizos hospitalarios do SERGAS, entre outros.

O estudo subliña que abordar os factores xenéticos que inflúen na covid contribúe á compresión das causas biolóxicas subxacentes, de tal xeito que se poidan predicir posibles efectos adversos, así como explorar a potencialidade de novos fármacos. A nova versión do mapa supón un incremento de 28 rexións xenómicas con respecto ao estudo precedente.

Publicidade

“A severidade da covid vén determinada nun 50% pola xenética e noutro 50% por factores ambientais, por iso é tan importante o achado que acabamos de facer coa actualización deste mapa”, sinala o profesor Carracedo. “Identificar este medio cento de rexións xenómicas permítenos non só entender mellor a enfermidade, senón tamén avanzar na definición de novas dianas terapéuticas e na medicina personalizada, alén de ser unha peza clave na predición do risco da enfermidade”, engade o catedrático da USC.  

“A severidade da covid vén determinada nun 50% pola xenética e noutro 50% por factores ambientais”

ÁNGEL CARRACEDO, catedrático da USC

O equipo estudou tres fenotipos —a expresión do xenotipo en función dun determinado ambiente— a través de 82 estudos de 35 países, entre os que se inclúen 36 estudos relativos a individuos de ascendencia non europea. O incremento no número de rexións xenómicas detectadas contribúe a identificar as tres vías biolóxicas máis relevantes involucradas na severidade da patoloxía. Así poden mapearse xenes que inciden na entrada viral, na defensa das vías respiratorias a través da mucosidade e no Interferón Tipo I, proteína segregada polas células anfitrioas como resposta á presenza de diversos patóxenos.

Fumar e enfermidade renal

O estudo tamén evidencia que o hábito de fumar, así como o número de cigarros por día, atópanse vinculados coa gravidade e cos fenotipos de susceptibilidade. “Fumar asociouse causalmente cun maior risco de covid”, subliña o artigo, así como a enfermidade renal crónica, “o que suxire que mellorar a función renal podería ser beneficioso para un menor risco de gravidade da COVID-19”.

Estudos previos

Xa en maio de 2023, o grupo de Medicina Xenómica identificara novos xenes responsables da severidade da covid. O estudo detectara 49 rexións xenómicas asociadas nas que se estudaron as posibilidades de novas terapias con novos modelos de análises e atopáronse dianas terapéuticas de moito interese.

“Aínda que algúns consorcios, como o noso, atopara moitos xenes involucrados na severidade da covid, neste caso sumáronse todos os esforzos de todos os consorcios internacionais que traballan na covid, nun esforzo colaborativo sen precedentes, que permite ter un mapa xenético moi completo da predisposición á severidade da covid e das comorbilidades asociadas. Agora cómpre centrar os nosos esforzos en entender a covid persistente así como estudar mais poboacións non europeas”, conclúe o profesor Carracedo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Este mecanismo dana a capa dos nervios en doenzas como a esclerose múltiple

O estudo realizado por un equipo de investigación do CiMUS publícase este venres na prestixiosa revista ‘Science Advances'

Nanotecnoloxía galega contra o tumor cerebral máis común

Un estudo da USC abre a porta a unha nova aproximación terapéutica que podería posibilitar un ensaio clínico nun prazo de tres anos

Investigadoras galegas constatan que as mulleres autistas camuflan máis os seus síntomas

O enmascaramento provoca retrasos no diagnóstico e problemas de saúde mental derivados da presión social

Un equipo galego sinala os lípidos en sangue como biomarcadores de covid persistente

Investigadores do CiQUS ofrece unha nova perspectiva sobre a natureza desta enfermidade e abre a porta a diagnósticos e tratamentos máis específicos