Expertos en xenética da Universidade de Santiago resolveron un crime 18 anos despois. A moza madrileña Eva Blanco Puig, de 17 anos, apareceu morta nunha cuneta en Alxete o 20 de abril de 1997, con catro puñaladas. As análises determinaron que foi violada e a policía recolleu mostras de seme. Pero o ADN non coincidía con ningún sospeitoso. Era buscar unha agulla nun palleiro. Daquela, a tecnoloxía non permitía dar os datos tan precisos que hoxe poden colleitarse a partires das mostras.
Pero os pais de Eva Blanco non esqueceron o crime e seguiron reclamando xustiza. E investigadores da Universidade de Santiago lograron resolver o caso case dúas décadas máis tarde. En 2013, empregando unha nova técnica, determinaron que o ADN correspondía a un individuo de orixe xenérica ‘africano-subsahariana‘. E a policía tivo así un dato fundamental para investigar, unha pista que acotaba moitísimo o número de probas a realizar.
Cando a Garda Civil recibiu esta información dos investigadores compostelás, levou dous anos tomar mostras de ADN de residentes na poboación madrileña. Buscaban persoas cun perfil similar, de orixe magrebí, con residencia en Alxete en 1997, no momento do crime.
A sorpresa chegou cando unha das mostras deu positivo. Pero non porque identificase ao asasino, senón porque xenéticamente correspondía a alguén que tiña que ter unha ligazón de parentesco elevado, concretamente o seu irmán.
A policía interrogou ó candidato, que efectivamente tiña un irmán que residira en Alxete, pero que marchou da localidade madrileña precisamente no ano 1997, pouco despois do crime. Agora residía en Francia, onde casara e tiña dous fillos. Días máis tarde era detido A.C.G., español de orixe marroquí, que residía nunha pequena vila francesa, Pierrefontaine Les Varans, perfectamente integrado na vida da comunidade.
A Xendarmería Nacional francesa, seguindo ordes do Corpo Nacional de Policía, coas pistas concluíntes da Universidade de Santiago, atopaba así ao asasino, que era detido na súa casa para sorpresa da súa familia. Bastou cunha proba de ADN que se cotexou cos restos de seme para confirmar que aquel home que levaba unha fermosa vida en Francia era o criminal que acabara coa vida de Eva Blanco 18 anos antes.
Oitenta marcadores xenéticos de orixe bioxeográfico e 20 para a determinación de características físicas foron os que empregou o Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro da USC e que orientaron as investigacións policiais cara ao asasino.
O instituto compostelán é unha referencia mundial en xenética forense
A directora do instituto compostelán referencia mundial no seu ámbito, María Victoria Lareu Huidrobo, explicou que co primeiro grupo de marcadores se poden determinar cinco áreas de procedencia: europea, africano-subsahariana, asiática, latinoamericana e de Oceanía. Xunto a estes marcadores, o equipo da USC desenvolveu un test de análise SNPs (Single Nucleotide Polimorphism) específico, co cal se infiren trazos físicos como a cor dos ollos, do cabelo ou da pel e que determinou as indagacións da Garda Civil.
“Esta análise que fixemos, cunha fiabilidade altísima, en decembro de 2013 deu a pista á Garda Civil para buscar á persoa donante da mostra que se atopou neste caso, o que posibilitou análises de ADN posteriores que puxeron de manifesto a posible implicación do sospeitoso no caso criminal”, explicaba Victoria Lareu.
Os 18 anos transcorridos desde o crime non foron obstáculo na investigación, senón que permitiron que avanzase a ciencia no campo destes marcadores. Foi u éxito do equipo da Universidade de Santiago da profesora Lareu, que traballou nesta investigación con Christopher Phillips, Manuel Fondevila e Carla Santos.
O asasino de Eva Blanco non chegou a xuizo. Quitouse a vida na cadea mentres esperaba para dar conta do seu crime.
Noraboa o Instituto compostelán de ciencias forenses da USC i o excelente equipo de científicos que traballaron na investigación.