Estados Unidos tremelica co frío ante a chegada do vórtice polar

O Medio Oeste prepárase para unha sensación térmica de ata -60ºC debido ao súbito descenso da masa de aire polar desde o Ártico

Estados Unidos está recibindo xa os efectos dunha vaga de frío que bate récords. Os prognósticos falan de que na zona máis septentrional do Medio Oeste as temperaturas caerán ata os -35ºC, pero os refachos de vento xélido poderían levar a que a sensación térmica sexa de ata -60ºC. O servizo federal de meteoroloxía xa advertiu de que son condicións que poñen en serio risco a vida de estar ao aire libre. E ao mesmo tempo, no Polo Norte, as temperaturas son máis altas do habitual. É o efecto da debilitación do vórtice polar, un fenómeno semellante ao deixou o ano pasado nevadas exprés en Galicia.

Que é o vórtice polar

Nun artigo publicado en The Conversation, a científica Jennifer Francis explica que o vórtice polar é un fluxo de aire máis ou menos estable que rodea o planeta nas latitudes máis septentrionais, aínda que con pequenas oscilacións, empurrado por ventos do oeste. A súa parte máis baixa, a varios quilómetros de altura, é a coñecida como corrente en chorro, ou jet stream, e inflúe nos sistemas de altas e baixas presións que condicionan a meteoroloxía no hemisferio norte. Porén, por riba dela está o vórtice polar estratosférico, que colle forza durante o inverno. E debido ás diferenzas de temperatura entre o Ártico e as latitudes medias máis ao sur, xéranse contrastes de presión, e o aire flúe a través delas creando fortes ventos.

Publicidade

O vórtice polar e o cambio climático

Aínda que o cambio climático parece remitir só ao aumento da temperatura, tamén pode xerar episodios extremos de frío. Porque as emisións de gases de efecto invernadoiro fixeron, en efecto, aumentar a temperatura global aínda máis no Ártico: o xeo e a neve derrétense a maior velocidade. E así, o océano e a terra absorben máis calor do Sol.

Este quecemento do Ártico provoca que a diferenza de temperatura entre a zona polar e as latitudes medias sexa menor, o que desequilibra o fluxo da corrente en chorro e o vórtice polar. Comezan a oscilar máis en latitude e, por tanto, achéganse máis ao sur. E chega o momento en que, en determinadas condicións, o vórtice polar rompe e, como se fose unha especie de burbulla, divídese. E iso é o que está acontecendo nos Estados Unidos estes días.

Publicidade

Vai ser máis habitual?

Os científicos están investigando se hai motivos para afirmar que o cambio climático vai aumentar a frecuencia da ‘ruptura’ do vórtice polar. Neste senso, algunhas voces negacionistas en Estados Unidos expoñen que a vaga de frío é unha evidencia de que o quecemento global non existe, como fixo nalgunha ocasión o propio Donald Trump. Pero segundo subliña Jennifer Francis, “esta crenza pode disiparse botando un ollo ás temperaturas noutras partes dos Estados Unidos e do mundo esta mesma semana, que son máis altas do normal”.

Referencias: How frigid polar vortex blasts are connected to global warming (The Conversation, 28 de xaneiro de 2019).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como defendernos dos mosquitos: que funciona e que non contra esta praga estival

Os repelentes con DEET e picaridina seguen as ser os máis eficaces, mentres que as velas de citronela, pulseiras ou ultrasóns carecen de respaldo científico

O verán galego é 1,8 graos máis cálido que hai 60 anos

O investigador do CSIC Dominic Royé explica que aumentou a temperatura media e cada vez hai máis eventos meteorolóxicos extremos como ondas de calor, secas ou alteracións nos patróns de choiva

Catro claves para crear bosques urbanos e combater a crise climática dende as cidades

Unha urbe sen árbores posúe unha menor infiltración de auga, temperaturas máis altas e unha poboación con máis enfermidades

Galicia rompe o tópico: en 2025 rexistráronse máis horas de sol do habitual

O documento confirma o aceleramento do quentamento global ao recoller unha temperatura media de 1,1 graos por enriba do promedio anual normal