A RAG incorpora ao dicionario ‘tripi’, ‘ciberseguridade’ ou ‘aparcacoches’

A Real Academia Galega (RAG) anunciou esta semana as novas entradas aprobadas polo Seminario de Lexicografía da institución. Ciberataque, ciberacoso, ciberseguridade ou ciberdelincuencia, conectividade, xestor/a de comunidade, rap, baremar, tripi, aporofobia, corremundos, claqué ou microscopia son algunhas destas novas entradas, que xa se poden consultar no dicionario en liña. Estas actualizacións casan co “obxectivo de ir progresivamente acadando unha maior presenza no Dicionario do léxico relacionado coas tecnoloxías da información e a comunicación”, segundo informa a RAG.

 Do mesmo xeito, entre xaneiro e xuño, a entidade revisou preto de 2.200 voces; un proceso que desembocou en preto de 350 cambios nas definicións, novas entradas e novas acepcións.

Publicidade

Os cambios casan co “obxectivo de ir progresivamente acadando unha maior presenza de léxico relacionado coas novas tecnoloxías”

Cento sesenta e oito novas voces e actualizacións corresponden a termos matemáticos revisados coa colaboración de especialistas de distintos eidos, un traballo que foi presentado o pasado mes de marzo na Academia. Entre as palabras que entraron no Dicionario durante o primeiro semestre de 2018, figuran outros termos presentes na lingua viva como, na versión dixital do Dicionario desde o pasado mes de abril.

Desde onte pode consultarse tamén, por exemplo, unha nova acepción de nube, a referida ao espazo de almacenamento virtual. Incorpóranse tamén rendibilizar (ata agora só se recollía o adxectivo rendible), colaborativo, aparcacoches e aporofobia (e aporofóbico, o seu adxectivo correspondente), neoloxismo creado pola catedrática de Ética e Filosofía Política Adela Cortina, nos anos 90, para designar o medo, rexeitamento ou aversión ás persoas pobres e desfavorecidas.

Publicidade

Segundo explica a Academia, as novas entradas e cambios no Dicionario aprobados pola Real Academia Galega poden ter varias orixes. Os propios membros da institución achegan propostas decote, pero a RAG tamén permanece atenta ás que recibe de particulares e institucións, a través de distintas canles, desde o correo postal á lapela do Dicionario “Axúdanos a mellorar”, visible tras a definición de calquera termo, e mesmo as redes sociais. Exemplo deste proceso de escoita son as melloras introducidas no léxico matemático ou no relativo á astronomía -que foron actualizados coa colaboración desinteresada de persoas expertas en ambas as disciplinas-, ou a entrada de aporofobia, palabra analizada e aprobada tras recibir unha solicitude neste sentido do Foro Socioeducativo Os Ninguéns.

Homeopatía

Neste mesmo senso, o dicionario en liña recolle tamén a actualización da definición de homeopatía e homeópata, que ata hai pouco figuraban asociadas a métodos médicos e terapéuticos, e que foi revisada tras as protestas de particulares e institucións.

Así, homeopatía pasa de ser un “sistema terapéutico que se basea na administración, en doses infinitesimais, de substancias que producen efectos semellantes aos da enfermidade que se trata, así como na individualización dos tratamentos” a un “método que trata de curar enfermidades administrando en doses mínimas substancias que, en doses maiores, producirían efectos semellantes aos da enfermidade que se trata”.

Pola súa banda, homeópata pasa a ser “[Profesional] que se dedica á práctica da homeopatía”, en troques de “médico que se dedica á práctica da homeopatía”.

O dicionario dixital da RAG recibe cada día máis de 56.000 consultas, chegando a superar os 20 millóns de consultas anuais, e as aplicacións para dispositivos móbiles suman máis de 75.000 descargas.

O dicionario é un ente vivo, que vai recollendo tamén novas acepcións para palabras referidas á tradición. É o caso de faldriqueira, na que se incorporou como segunda acepción a a versión modernizada do peto que levaban as mulleres no interior da saia, e que hoxe tamén se utiliza para definir á bolsa pequena unida a un cinto que se cingue á cintura e que se emprega para levar obxectos persoais de pequeno tamaño.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Soutar, apañar ou rebuscar: as máis de 40 formas lingüísticas de recoller castañas en galego

O Atlas Lingüístico Galego recolle 47 palabras e expresións para nomear a tarefa, con variantes que reflicten a diversidade léxica do idioma

Sen voz pasiva nin frases longas: as pautas que propón unha tese para redactar textos sinxelos en galego

Cristina López Canabal elabora unha guía para facer máis comprensible a literatura mentres se afasta dos estigmas sociais en torno ás obras adaptadas

Galicia presenta no Parlamento Europeo unha ferramenta pioneira para avaliar o uso do galego na IA

O Proxecto Nós, impulsado pola USC, amosa os resultados iniciais de “Arena Nós”, que analiza como os grandes modelos comprenden, xeran e representan a lingua

Como revivir a lingua

Estas son as estratexias das marcas para recuperar o galego, dende o derbi galego ata Inditex. Por Andrea Veiga