Sábado 27 Abril 2024

Morre Eduard Punset, o home de letras que divulgou a ciencia

Economista, xornalista, político e escritor, converteuse nunha personaxe mediática grazas a "Redes", onde tamén deu espazo a pseudociencias

Eduard Punset faleceu este mércores en Barcelona aos 82 anos, segundo informou a súa familia. “Hai vida antes da morte”, adoitaba dicir. E, sen dúbida, predicou co exemplo, nunha traxectoria que comezou ligada á política e ás letras, e que acabou como un fenómeno de masas despois de apostar pola divulgación científica nun país e nun tempo no que moi pouca xente o facía.

Naceu en Barcelona en plena Guerra Civil, o 9 de novembro de 1936, e desoius de estudar  o Bacharelato nos Estados Unidos, licenciouse en Dereito na Universidade Complutense de Madrid. Aquí comezou a súa actividade política, primeiro vinculado ao Partido Comunista e que despois acabaría, xa en democracia, en Centristes de Catalunya-UCD, sendo conseller de Economía e Finanzas da Generalitat, deputado do Parlament e chegou ser ministro de Relacións para as Comunidades Europeas (1980-1981). Despois, entre 1987 1994, exerceu de europarlamentario.

Publicidade

Nos anos 90 comezou tamén a súa faceta máis coñecida para o gran público, despois de ser asesor e profesor en diversas institucións. Foi Redes, o programa de divulgación que se emitiu durante case 20 anos en La 2 de Televisión Española, o proxecto que levou a Punset á fama. Non tanto pola súa audiencia, senón pola popularización da súa personaxe.

O peculiar estilo de Punset cautivou a atención dos seguidores de Redes, que enganchou a algunha xente á ciencia nun momento no que a divulgación estaba practicamente excluída dos medios de comunicación de masas. O programa amosou aos telespectadores temas relacionados coa socioloxía, a medicina, a psicoloxía, a bioloxía ou astronomía, e por el pasaron referentes como Richard Dawkins, Lynn Margulis ou Roger Penrose, aínda que tamén houbo espazo para outras personaxes moi cuestionadas pola comunidade científica.

Punset e as pseudociencias

Unhas das súas entrevistas máis criticadas foron con Uri Geller (o torcedor de culleres) ou con Masaru Emoto (un artista que dicía que era posible modificar a cristalización da auga en xeo a través de pensamentos, palabras, sons ou imaxes). Ao ser preguntado por estas entrevistas, Punset argumentou: “Sempre me atraíron as fronteiras dos mundos distintos (…). O consenso científico hoxe en día indica que a innovación será froito do esforzo multidisciplinar e iso levará, naturalmente, a explorar sen medo todas as fontes, incluídas as que parecen máis erróneas”.

A fama que adquiriu a súa personaxe con Redes fixo agromar outra faceta na imaxe pública de Punset. Desde comezos da década dos 2000, comezou a publicar libros nos que afondaba en conceptos como a felicidade, o autocoñecemento e, finalmente, derivando cara a autoaxuda con pouco sustento científico. Neste sentido, chegou a prestar a súa imaxe para feiras de pseudociencias e comezou a crearse unha figura de gurú ao que a xente acudía para buscar solucións aos seus problemas de saúde.

Punset en Galicia

Nos últimos anos, foron varias as ocasións nas que Eduard Punset visitou Galicia. En 2014 ofreceu o pregón da Feira do Cocido de Lalín, onde xa estivera na Feira do Libro de 2007. No seu pregón, Punset dixo: “A vosa Feira do Cocido é un gran exemplo dun feito sen precedentes. Algo que temos descuberto nas últimas décadas grazas á ciencia (…). É unha mostra excelente de que efectivamente hai vida antes da morte. E aínda máis importante: é unha demostración de que esa vida está non só para pasala senón tamén para gozala”.

Un ano despois, en  maio de 2015, foi premiado co máximo galardón do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, o Dolores Llópiz. A Xunta de Goberno quixo recoñecer “o seu labor achegando profesionais e estudos internacionais sobre o comportamento humano, a neuropsicoloxía e as emocións, para comprender mellor o desenvolvemento da persoa”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sen evidencia científica para a aromaterapia e o Tai Chi: esta é a nova lista de pseudociencias

O ministerio de Sanidade realizou novos informes para combater as pseudoterapias que sea basean en estudos de baixa calidade

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos
00:03:09

As patacas teñen lingua propia: o vídeo dunha galega finalista nun certame de divulgación

A investigadora da Misión Biolóxica de Galicia Lucía Martín Cacheda presenta unha peza audiovidual sobre a comunicación química das plantas

Cinco libros para agasallar ciencia este Nadal

Unha listaxe con opcións para adultos e nenos que mostra o mundo científico e a súa historia en lingua galega