Ás veces, as interferencias ou a falla de cobertura dificultan a comprensión das conversacións que mantemos por teléfono móbil. Non en tanto, aínda que non poidamos escoitar perfectamente todas as palabras, si que podemos descifrar o que o noso interlocutor está dicindo en base ao contexto da conversa. Neste razoamento baseáronse os investigadores do CiTIUS da Universidade de Santiago de Compostela, que acaban de publicar un artigo no que presentan un novo método para reducir as falsas alarmas emitidas polos electrocardiogramas (ECG). Estes aparellos, que monitorizan a actividade cardíaca dos doentes, adoitan verse afectados por interferencias que poden dificultar o diagnóstico, sobre todo na atención extrahospitalaria.
Estas falsas alarmas súplense, na maioría dos casos, coa experiencia adquirida polos propios cardiólogos, aínda que de todas formas poden xerar serios problemas en episodios delicados, como as mortes súbitas. É difícil disociar o ‘ruído’ causado polas interferencias, xa que, segundo explican desde a USC, calquera xesto aparentemente irrelevante do paciente (como vestirse ou quitar a roupa) pode interferir no proceso de rexistro da súa actividade cardíaca. Así, os informes obtidos a través dos sistemas clásicos veñen xeralmente acompañados dun número excesivo de falsas alarmas, o que na práctica provoca que os médicos os ignoren.
Non en tanto, este novo avance dos investigadores implicados no programa e-Saúde, e publicado na revista IEEE Journal of Biomedical and Health Informatics, propón un novo modelo de razoamento, que vai máis alá da mera observación, e interpreta o ECG como un proceso de formación de conxecturas que deberán ser verificadas posteriormente en base ao contexto no que teñen lugar. Segundo explica o CiTIUS, desta maneira redúcense de xeito moi relevante o número de falsas alarmas. Como fai o noso cerebro nun diálogo telefónico dificultado por interferencias, o sistema analiza a información recibida e constrúe a mellor hipótese en base ao contido recibido.
Tras validar a súa eficacia utilizando unha base de datos de referencia (que ofrece aos científicos ao redor de 50 rexistros de ECG para examinar a resposta dos seus algoritmos), os autores do traballo comprobaron que os seus resultados melloraban substancialmente as prestacións de todos os sistemas automáticos dispoñibles ata entón
O método, desenvolvido polos investigadores Tomás Teijeiro, Paulo Félix, Jesús Presedo e Daniel Castro, chamou a atención do Broad Institute of MIT and Harvard, no que traballan dúas das institucións máis prestixiosas do mundo. “Publicamos o noso método como software libre e os investigadores do MIT descargárono para usalo no seu estudo”, conta Tomás Teijeiro, autor principal do traballo. O Broad Institute probou o método cun rexistro de 50.000 ECG no marco dun estudo sobre a influencia xenética en distintas patoloxías cardíacas, “e confiou no noso método para a medida do intervalo QT (un indicador asociado á morte súbita) en sinais de electrocardiograma”, conta Teijeiro.
O investigador galego conclúe, por tanto que este feito é “a demostración de que o noso método é máis fiable e robusto cá o resto dos algoritmos dispoñibles”, xa que foi verificado tomando como referencia “unha base de datos inxente, que supera en varias ordes de magnitude o número de rexistros que usaramos nós”, sentencia.