O cambio climático será o protagonista na Galiciencia 2018

Esterilización de quirófanos para zonas de guerra, depósitos de móbiles para as escolas, unha banda de rock formada por robots e un sistema que alerta de condicións de risco extremo para previr incendios son só unha pequena mostra dos cerca de 80 proxectos que participarán a próxima semana na Galiciencia 2018. A décimo terceira edición da maior feira científica de Galicia supón o inicio dunha nova etapa coa celebración da súa primeira edición de primavera, na que o cambio climático será o tema central. O evento volve así só seis meses despois da anterior edición, que tivo lugar por última vez no outono logo de doce anos.

En total, foron seleccionados 50 proxectos de Secundaria e Bacharelato e 27 de Primaria que serán expostos entre o mércores 9 e o venres 11 de maio no recinto de Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, en San Cibrao das Viñas (Ourense). Entre eles, atópase o proxecto que o pasado sábado resultou gañador do XIX Premio Luís Freire de Investigación Científica na Escola na modalidade da ESO.

Como xa vén sendo habitual, mentres que os de Primaria se exhiben fóra de competición, os premios aos mellores proxectos de Secundaria e Bacharelato serán disputados por equipos procedentes de 30 colexios e institutos de toda Galicia e Cataluña.

Agárdase a visita de máis de 1.800 estudantes, ademais do público xeral

A previsión de visitas de grupos escolares de toda Galicia alcanza as 1.800, ás que se sumarán as persoas que acudan pola súa conta, xa que a feira é de entrada libre para particulares e familias polas tardes. Todos eles recibirán á súa chegada unha pulseira cun código QR que poderán escanear para ter toda a información actualizada sobre a Galiciencia, antes, durante e despois da súa celebración.

No evento, que conta coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt), os participantes competirán por situarse entre os tres finalistas. O que consiga a maior puntuación levará o primeiro premio, dotado con 1.000 euros para financiar a participación na maior feira científica a nivel estatal, a Exporecerca 2019. Os vencedores da edición 2017 da Galiciencia, do Colexio Montecastelo de Vigo, volveron o mes pasado de Cataluña co primeiro premio na feira catalá, o que á súa vez os levará a representar a España no certame europeo Expo-Science Europe, que se celebrará en xullo na cidade polaca de Gdynia.

Imaxe da pasada edición de Galiciencia.
Imaxe da pasada edición de Galiciencia.

O segundo equipo clasificado recibirá apoio económico para participar na Zientzia Azoka, a feira anual de ciencia que ten lugar cada ano na primavera en Bilbao. Hai só uns días, os alumnos de Aulas Tecnópole que quedaran no segundo posto na Galiciencia 2017 lograron tamén o primeiro premio na feira vasca. Por último, o equipo gañador do terceiro premio nesta Galiciencia recibirá apoio para participar no programa de actividades organizados polos Museos Científicos Coruñeses con motivo da Semana da Ciencia.

As actividades paralelas deste ano terán o cambio climático como protagonista. A primeira delas supuxo o lanzamento dun desafío que tivo xa varias probas eliminatorias e que resolverá a súa fase final o venres 11. En “Atrévete co cambio climático!” participaron escolares de toda Galicia que ata o de agora competiron de xeito remoto e que se disputarán a vitoria presencialmente durante a Galiciencia.

Durante os tres días da Galiciencia, os visitantes participarán en talleres nos que se poderán iniciar na sensibilización sobre o cambio climático. A través de experimentos interactivos, os participantes coñecerán en profundidade conceptos coma o quecemento global e o efecto invernadoiro e tomarán conciencia sobre o xeito no que a acción humana inflúe sobre eles. Estes serán tamén os temas centrais do espectáculo científico que poderá seguirse o xoves en streaming (retransmisión en directo por internet) desde calquera centro escolar ou desde a casa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A cuarta edición do concurso Youtubers Científicos ábrese a estudantes de secundaria

A iniciativa da UVigo busca identificar e apoiar os futuros creadores de contidos relacionados coa divulgación da I+D+i

Cantos tipos de nubes hai? O manual da UVigo interpretar a meteoroloxía

A través de preguntas curtas, o libro serve para explicar conceptos clave de forma breve, clara e rigorosa ao alumnado

Mapas, datos e interface: así é o sistema da UVigo para afrontar chuvias extremas

Un método desenvolto no grupo Ephyslab calcula os caudais dos ríos e simula os asolagamentos ante precipitacións torrenciais

O cambio climático duplica a probabilidade de eventos tan extremos como o de Valencia

O primeiro estudo científico sobre a catástrofe de Valencia estima que estes fenómenos son un 12% máis intensos polo quecemento global