A Galiciencia reúne en Ourense a máis de 150 investigadores noveis

A maior feira científica de Galicia abre as súas portas ata o venres 10; agárdanse máis de 2.000 visitas aos 79 proxectos expostos

Este mércores 8 de maio bota a andar a Galiciencia, a maior feira científica de Galicia, a Galiciencia, no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole (Ourense) coa saúde e os bos hábitos como temática central deste ano. É a décimo cuarta edición, na que se agardan máis de 2.000 visitas ata o vindeiro venres 10. En total, serán 79 os proxectos expostos, coa participación de máis de 150 investigadores noveis procedentes de 43 colexios e institutos distintos.

Durante estes tres días, a entidade organizadora, Tecnópole, acollerá no seu recinto a carpa na que os 50 equipos de Secundaria e Bacharelato mostrarán ao público os seus proxectos científicos e de innovación en expositores individuais. A eles súmanse, fóra de concurso, 29 traballos de Primaria.

Publicidade

A delegación máis numerosa na exposición de proxectos procede da provincia de Pontevedra, cun total de 34 equipos defendendo as súas investigacións e inventos. A eles súmanse 22 de Ourense, 12 da Coruña, 7 de Lugo, 2 de Barcelona, un de Asturias e outro de Sevilla.

50 proxectos de Secundaria e Bacharelato compiten no certame, e tamén se expoñerán fóra de concurso 29 traballos de Primaria

Todos eles recibirán a visita de grupos escolares procedentes de 44 centros de toda Galicia, ás que se sumarán as persoas que acudan pola súa conta, xa que a feira é de entrada libre para particulares e familias durante as tardes de mañá e do xoves.

Publicidade

No evento, que conta coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria, do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt), os participantes competirán por situarse entre os tres finalistas e conseguir apoio económico para participar na maior feira científica a nivel estatal (a ExpoRecerca), na feira anual de ciencia que ten lugar cada ano na primavera en Bilbao (a Zientzia Azoka) e no programa de actividades organizados polos Museos Científicos Coruñeses con motivo da Semana da Ciencia.

A Galiciencia: tamén obradoiros e espectáculos

As actividades paralelas deste ano terán a saúde e os bos hábitos como protagonistas. A primeira delas supuxo o lanzamento dun desafío que tivo xa varias probas eliminatorias e que resolverá a súa fase final o venres. En “Atrévete cos bos hábitos!” participaron 144 escolares de toda Galicia que ata o de agora competiron de xeito remoto e que se disputarán a vitoria presencialmente durante a Galiciencia.

Durante os tres días da Galiciencia, os visitantes participarán en obradoiros nos que experimentarán con conceptos relacionados coa saúde. Coñecerán como funciona o cerebro e cales son os mellores hábitos para mantelo en forma, como inflúen a alimentación e o exercicio físico na nosa saúde, que precaucións hai que ter en conta en relación aos hábitos dixitais ou cales son os principios científicos que se agochan detrás da alimentación sa. Estes serán tamén os temas centrais do espectáculo científico que poderá seguirse o xoves en directo por internet desde calquera centro escolar ou desde a casa.

Tamén se entregarán os premios dos concursos de fotografía para alumnos e profesores, para o que se recibiron máis de 180 propostas, e de deseño da camiseta oficial do evento. Este último, para o que se recibiron 239 propostas, será recibido por Alejandro González Vázquez, de 6º de Primaria do colexio A Ponte (Ourense).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival Pint of Science achega a ciencia aos bares na súa undécima edición

En Vigo celebrarase os días 19, 20 e 21 de maio nos locais El Castro e De Catro a Catro e, por primeira vez, chega Pint Kids

O catálogo ‘Quero ser investigadora’ alcanza a súa 6ª edición con dez historias de científicas da UVigo

O evento inclúe unha guía didáctica, contidos gamificados e unha versión audiolibro que conta cunha versión de lectura fácil

Vacas no carazo e un intestino, protagonistas das mellores imaxes científicas do ano

A iniciativa divulgadora do CSIC selecciona oito propostas para formar parte dun catálogo e dunha exposición itinerante por todo o país

A investigadora do grupo GeoTech Patricia González gaña a Gargallada Científica da UVigo

O vindeiro xoves participará nunha gala final con Quico Cadaval e máis divulgadoras